Que a pandemia non se torne en saqueo antisocial

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xabier Pérez Igrexas Concelleiro do BNG de Vigo

Enfrontamos unha crise sanitaria sen precedentes. Unha pandemia global que provocou unha situación excepcional, en alerta sanitaria e co decreto de estado de alarma. Diante da pandemia do Covid-19 é fulcral que todas as decisións que se adopten, que todas as medidas que se vaian aplicar, persigan como primeiro obxectivo garantir a saúde pública, atendendo criterios científico-sanitarios coa meta inmediata de conter o contaxio para evitar o colapso da nosa rede sanitaria. Semella unha obviedade, mais é claro que estes parámetros non se están a aplicar debidamente. 

Así o visa a resistencia, claramente ideolóxica e que só responde a unha concepción enfermizamente centralista, de evitar o confinamento dos principais focos de contaxio, especialmente no caso de Madrid. Esa resistencia do Goberno español non só non responde a criterios sanitarios senón que contradí abertamente as recomendacións da OMS e a experiencia práctica tanto de China como de Italia. A demanda de blindarmos Galiza que reclama o BNG desde o inicio demostra que non se trata de ningunha fobia territorial senón dunha medida de contención. O virus non entende de territorios, mais si que se propaga a través deles. E tampouco entende de paranoias centralistas, nin de golpes de peito envoltos dunha innecesaria retórica militarista.

A isto engádese a resistencia do executivo español a facer extensivo e efectivo o imprescindíbel confinamento social. Que sentido ten confinar a millares de traballadoras e traballadores na súa casa as fins de semana ou ao remate da súa xornada, para logo os empurrar aos seus empregos sen as mínimas garantías preventivas e expoñéndose (eles e elas propias, mais tamén as súas contornas) ao virus? Cómpre, como demanda a CIG, paralizar de maneira inmediata e completa TODA a actividade produtiva que non sexa esencial para a atención das necesidades básicas da poboación e para o sostemento da estrutura sanitaria. A irresponsabilidade da patronal é grave, pero inda máis o é a indolencia gobernamental.

Un retrato gráfico disto foi a situación vivida nos centros de chamadas de Unísono en Vigo. Centos de traballadoras e traballadoras, obrigadas a continuar traballando sen poder manter a distancia necesaria e sen apenas medidas preventivas de ningún tipo. Nunha actividade que é perfectamente realizábel en modalidade de teletraballo! E coa teimosía, case criminal, da dirección desa empresa de incumprir a suspensión ditada polo Comité de Empresa ao abeiro do artigo 21 da lei de prevención de riscos após a confirmación dun contaxio. O exemplo vivido en Unísono en Vigo deita dúas preguntas importantes: onde está a Inspección de Traballo? A que espera a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta para actuar impedindo que se continúe a traballar sen as condicións preventivas que garantan o dereito á saúde da clase traballadora e a efectividade do confinamento social?

Aliás, urxe que os gobernos español e galego despreguen, con axilidade e determinación, un ambicioso paquete de medidas de protección social para evitar que esta crise sanitaria se torne nun novo saqueo antisocial. Non podemos permitir que o custe desta situación de emerxencia o volvamos pagar as clases populares e traballadoras. A aposta pola fórmula dos ERTES non anticipa que o novo executivo español vaia impedilo. Teremos que obrigalos. 

Primer comentario

Deixa a túa opinión