Crónica política da comarca do Morrazo

Artigo de opinión A Nova Peneira
Aarón Franco, escritor de Marín

Alá vai case un ano desde que se celebraron as eleccións municipais e vai tocando facer una análise da situación política nos diferentes concellos da comarca.

No concello de Marín María Ramallo consolidou a súa maioría absoluta tras acadar un resultado histórico con ate 15 concelleiros, resultado que se mirou favorecido polo amplo abano de ofertas electorais existentes á esquerda do PSOE cuxo grupo municipal carece de forza, coñecemento e funcionamento como forza situada supostamente na oposición xa que máis ben parece una formación coaligada ao equipo de goberno de María Ramallo dado que, pleno tras pleno, a sensación de que en Marín existe un goberno de ate vinte concelleiros se consolida. A única forza presente como tal e como forza opositora é o BNG da concelleira Lucia Santos, que en solitario “bate o cobre” fronte a un goberno municipal ao que os asuntos financieros teñen en situación de parálise mentres outros proxectos en marcha non acaban de avanzar o suficiente. No referente ás forzas extramunicipais Marea Marín atópase nun proceso de reconstrucción aberta a novas alianzas que permitan reducir a oferta electoral da esquerda no ano 2023 sen descartar ningún tipo de alianza, e onde destaca a boa relación co novo BNG de Marín. Podemos pola súa banda, continúa co seu proceso de construcción, non sen tensións internas, onde o grupo impulsor da candidatura nas eleccións do maio pasado foi apartado do núcleo de poder. Ciudadanos, por último, despois do nefasto intento das municipais e sumado todo isto á crise xeralizada no partido laranxa despois das eleccións de novembro, está desaparecido do mapa.

No que respecta a Bueu e Cangas, cómpre facer una análise conxunta dado que as últimas novas referidas ás eleccións galegas abren interrogantes de futuro incerto. A aparición do concelleiro de ACB Xulio Villanueva e de Mariano Abalo de ACE no recente acto de presentación de Alexandra Fernández como candidata por Pontevedra do BNG, abre un ceo de dúbidas respecto da fortaleza das súas respectivas organizacións. No referido a ACB e a Xulio Villanueva quizáis sorprenda menos dado que o goberno de Bueu se basea nunha coalición entre BNG e ACB. A boa sintonía entre ambas forzas políticas nun goberno que funciona cunha soa man podía facer adiviñar que Xulio Villanueva ía dar o paso (aínda sen confirmar) de sumarse á formación frontista dada a desaparición da formación política En Marea, á que o partido de Villanueva estaba estreitamente ligado. Neste contexto, no referido ao concello de Bueu, as forzas da oposición non fixeron aínda comparecencia no ano de goberno municipal percorrido. Tanto o PP como o PSOE están absolutamente desaparecidos, onde o PP monopoliza por unha banda a pouca escenografía pública, e onde o PSOE se mira totalmente engulido por unha actitude de baile no pouco son que marca o Partido Popular, actitude a do PSOE, que parece que o pode levar directamente á desaparición da escena política municipal buenense.

No referido ao concello de Cangas todo é máis enleado, como de costume. Despois do tripartito ACE – BNG – ASPUM, despois de non ter entendido ninguén que nas eleccións do ano pasado ACE e ASPUM (agora AVANTE) non chegasen a un acordo para concurriren coaligadas, despois de que ninguén entendese por que en Cangas non hai un goberno de esquerdas de 14 concelleiros, despois do cambio de estratexia de ACE que pactou co PSOE para un goberno en minoría, aparece Mariano Abalo nun acto do BNG en Vigo. A oposición parece querer aproveitar iso para poñer en dúbida a unión dentro de ACE, que a súa vez é unha alianza entre Anova e Esquerda Unida. Malia querer utilizar esas armas contra o goberno municipal e contra ACE especialmente, o certo é que aínda estando en minoría o goberno municipal de Cangas semella ir cun rumbo perfectamente determinado e cuns obxectivos nítidos. O Partido Popular pola súa banda continúa coa estratexia que tan “bos resultados” lle deu na lexislatura pasada. A crispación continua segue e ser a súa rosa dos ventos na labor de oposición, estratexía esta que o mantén aillado políticamente nun concello de espírito claramente repúblicano e de esquerdas. No que respecta ao BNG e aos agora denominados como AVANTE combinan momentos de oposición construtiva con momentos de loita encarnada co goberno encabezado por ACE despois de non teren chegado a un acordo.

No que respecta a Moaña o goberno municipal encabezado pola alcaldesa do BNG Leticia Santos atópase nunha autoestrada con seis carreiros e cunha alcaldesa cunha imaxe pública e consolidada. Falta por comprobar a lealdade do PSOE respecto ao BNG, cousa que non aconteceu na lexislatura pasada e que os socialistas acabaron pagando nas urnas coa perda de case tres puntos porcentuais de voto fronte ao importante incremento dun BNG que acadou unha nova acta con respecto ao 2015. No referido ao Partido Popular moañés parece perdido e descolocado ao tempo que observa a fortaleza da alcaldesa ate o punto de ter votado en contra, no pasado mes de febrero, da política sanitaria de Núñez Feijoo. Diante disto, e aínda que faltan tres anos, ninguén dúbida de que Moaña ten alcaldesa para moito tempo e onde a súa consolidación permite adiviñar un camiño moi paralelo ao de Fernández Lores en Pontevedra.