Parábases no medio da peste

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira
Moncho Lareu. Membro de Anova e do CC da FPG

De madrugada e enchoupado en suor, Osebas Cotelo ergueuse do seu catre da cela 489/C da Prisión B5 de Lumpengrei, sentou no mínimo escritorio, colleu papel e lápis, tusiu con seca violencia e comezou a escribir nervioso:

“a. A división de clases propia dos estados capitalistas e oligarcas está ben simbolizada no distintos departamentos nos que se divide internamente un Boeing Jumbo, moi disitnto da intencionalidade que tiña o Concorde, xa que no Boeing Jumbo as distintas clases van situadas non só unhas adiante outras atrás, senón que tamén arriba e abaixo, e así a clase turista vai detrás da primeria clase e a clase VIP por riba da primeira clase e xusto detrás da cabina de mandos onde van os pilotos e oficiais”.

“b. A versatilidade e dinamismo das fiestras de internet é certamente esclarecedora e simbólica da sociedade actual ao permitirnos abrir e pechar, maximizar e minimizar, e manter abertas ao mesmo tempo, e arrastrar dunha a outra fiestra ou copiar e pegar os distintos produtos ou as distintas visións e arquivos e ofertas que o ecrán pon diante dos nosos ollos famentos de curiosidade ou necesidade hedonista e ficcional, e irreal ,ou aparentemente ilusoria”.

“c. A disposición das pistas do circo rachan de vez co concepto clasista que impuxo a disposición clásica dos teatros, sobretodo a partir do momento no que se colocan varias pistas á vez elevando o concepto capitalista de produtividade e espectáculo pero privando, iso sí, ao público de disfrutar do espectáculo ao non poder atender a varias pistas á vez: a do trapecista, ou a do domador, ou a dos pallasos, é unha loucura produtiva para o decadente empresario circense, pero insoportábel para o público”.

“d. O mando da televisión dixital ofrece todo o contrario do que ofrecían as pistas circo, pois o que non quere o mando da televisión dixital é que te perdas detalle algún da súa oferta de espectáculo e do seu discurso ou do seu lavado e secado de cerebros, e é por iso que a televisión dixital vive e medra, e o vello circo morre e agoniza, e non é cuestión de antigüedade do concepto, é cuestión de como e con que finalidade se ofrece o espectáculo e de como se ofrece o produto que se quere vender”.

“e. O invasor sempre nos quere impor, dende a superioridade do seu púlpito e de medios, que Galiza é un país pobre que precisa de vivir de esmolas con axuda da metrópole, este é un pensamento que pretende aumentar a nosa dependencia política e subalterna cando realmente temos unha terra moi rica en recuros materiais e humanos e o que realmente temos é unha economía empobrecida por causa da nosa estrutural dependencia colonial e da nosa ausencia total de soberanía”.

Tembloroso, Osebas volveu deitarse no seu catre da cela 489/C da Prisión B5 de Lumpengrei, apagou a bombilla, tapouse coas mantas pardentas e seguíu apretando os miolos pensando delirante na peste de dentro e na peste de fóra.