A enfermidade mental e o coronavirus

Lenda Redondela A Nova Peneira

Estarnos máis dun mes pechados nas nosas casas pode ser enormemente difícil, incluso pode pór en risco a saúde psicolóxica de quen lle coste máis aguantar. Quixemos coñecer como o levan as persoas con enfermidade mental diagnosticada, e falamos con Xaime, da asociación Lenda de Redondela.

XAIME FIGUEROA. DA ASOCIACIÓN LENDA DE SAÚDE MENTAL

AS PERSOAS CON ENFERMIDADE MENTAL ENFRÓNTANSE AO CONFINAMENTO, EXCTAMENTE IGUAL QUE CALQUERA OUTRA PERSOA. A REACCIÓN DEPENDE DA PERSONALIDADE E CIRCUNSTANCIAS DE CADA INDIVIDUO”

Xaime para quen non vos coñeza, recórdanos que é a asociación Lenda e a que vos dedicades?

Dedicámonos ao traballo en rehabilitación das persoas con enfermidade mental crónica. Temos dous centros funcionando, ambos en Redondela, e ademais temos programas de atención domiciliaria e de visitas no rural.

Nos dous centros físicos en que horario atendedes aos vosos usuarios e usuarias?

En horario de mañá de luns a venres de 9.00-14.00 h e os martes e xoves, ademais, tamén temos asistencia de tarde de 16.30-19.30h.

Imaxino que neste contexto estaredes pechados?

Nestas circunstancias a actividade que se relaciona coa asistencia aos usuarios está suspendida, si.

Tedes contacto telefónico cos vosos usuarios?.

Si claro a actividade nos centros tivemos que suspendela, pero o seguimento aos nosos usuarios é diario. Dividímonos en grupos de tres, e todos e cada un dos días facemos seguimento de todos e cada un dos nosos usuarios.

Imaxino que as patoloxías dos vosos usuarios e usuarias serán moi diversas non?

Normalmente traballamos con persoas que teñen unha patoloxía mental grave e crónica sobre todo no rango das esquizofrenias.

Pódese establecer un patrón xeral de como afecta ás persoas que padecen ese tipo de patoloxías, o confinamento prolongado, ou depende de cada individuo?

Eu non me atrevo a facer ningún tipo de patrón xeral. Penso que cada persoas reacciona dun xeito distinto porque cada persoa ten unha forma diferente de afrontar as situacións de estrés. O que si é verdade é que as persoas con enfermidade mental, o sufrimento de estrés o levan peor. 

E despois de case un mes de confinamento, como valoras a forma en que o están levando os vosos usuarios e usuarias?

Estou agradablemente sorprendido, da súa serenidade da súa enteireza e bo facer. Poden ter algún baixonciño, pero como o temos calquera outra persoa.

Ah que ben, alégrome moito. Eu que supostamente non teño enfermidade mental, ou polo menos non diagnosticada, comezo a estar ata arriba do confinamento

Si claro, é comprensible, como todas as persoas. Temos que ter clara unha premisa; unha persoa con enfermidade mental, é unha persoa normal que ten unha patoloxía. E cada individuo ,san ou non, reacciona conforme a súa personalidade e as suas circunstancias.

Tedes algún tipo de protocolo para os vosos usuarios e usuarias?

Xa dúas semanas antes de ditarse as normas de confinamento estivemos a traballar no campo da prevención individual. Fixemos xornadas dos protocolos de prevención do contaxio que deberamos tomar: lavado de mans, distancias de seguridade, evitar os espazos concorridos, evitar os servizos públicos de transporte….Nas nosas instalacións fixemos puntos limpos nos que había xeles desinfectantes que tiñamos que usar cando pasabamos por alí. Así mesmo establecemos protocolos de actuación para os domicilios dos usuarios.

Todo iso dúas semanas antes?

Si, e unha semana antes nós xa prescindiramos das actividades nas que coincidiramos con persoas externas, por exemplo deixamos de ir á piscina municipal, ou suspendemos varias saídas terapéuticas que tiñamos proxectadas. De feito cando se publicou o estado de alarma nós estabamos a facer unha asemblea na que repartimos uns folios con todos os protocolos de actuación e teléfonos aos que había que chamar no caso de que pasase o que xa previamos o que pasaría e finalmente pasou.

En Lenda traballades 9 persoas, dicíasme que para facer o seguimento dividístesvos en grupos de 3 non?

Si, para non estarmos os 9 no local a un tempo. E logo cada quen fai o seu traballo de seguimento dos usuarios ou desde o noso centro ou desde a súa casa. Ás veces tamén é imprescindible para nós achegarnos ao domicilio dalgún usuario.

Supoño que tamén teredes que seguir atendendo as xestións administrativas habituais?

Si claro. E asemade temos outra peculiaridade. Nós temos un centro de ocupacional concertado coa Consellería de Política social, que nos suspendeu o concerto de maneira transitoria e vainos facer os ingresos económicos vía indemnización. Sen embargo, o concerto co SERGAS está declarado como esencial.

Alén dos protocolos de prevención de contaxio, tedes algún referente aos aspectos psicolóxicos dunha situación tan dura como o confinamento prolongado?

Si, incluso témolos publicados nas nosas redes e na nosa web. Basicamente recomendamos evitar os temas que sabes que poden producir tensións, mostrar disposición á colaboración, evitar as críticas, ser dialogante, ser paciente. En definitiva, sermos sensatos. O que si lles pedimos a todos é que traten de establecer comportamentos o máis próximos posibles ao rutineiro: facer diarios , participar nos grupos de whats app , enviarnos os seus escritos á nosa revista..facer os exercicios que lles mandamos. E un importante consello é que traten de evitar a sobre información do coronavirus.

E os resultados?

Pois parece que o van conseguindo. Como calquera persoa, ás veces mellor e ás veces peor, pero están enfrontando a situación como calquera outro. Nós. desde logo estamos satisfeitos, e dígoo con toda humildade, queremos crer que as ferramentas que foron utilizando ao longo destes anos de traballo están a darlles resultado.