O coronavirus no mundo I: Austria

Carlos Pena A Nova Peneira

Iniciamos con esta, unha xeira de reportaxes sobre o estado da emerxencia sanitaria, para elo conversamos cunha serie de galegos e galegas, que residen en distintas partes do mundo, co gallo de sabermos como está a situación no sitio no que viven. Hoxe falamos con Carlos Penela, un escritor galego, afincado en Viena. Carlos é bo amigo desta casa, ten colaborado con nós con algún artigo de opinión. Carlos posúe unha extraordinaria sensibilidade para as letras e para calquera campo da actividade artística, e foi un pracer conversar con el.

CARLOS PENELA , CIDADÁN GALEGO AFINCADO EN VIENA

“ EN AUSTRIA, A DÍA DE HOXE, A SITUACIÓN ESTÁ BASTANTE CONTROLADA”

Cantos anos levas vivindo en Viena?

15 anos xa.

Caramba, cando te fuches eras un rapaz?

Ben, non tanto, tiña 29 anos.

Supoño que xa dominarás perfectamente o alemán?

Xa levo moitos anos, si, e a verdade é que unha das razóns de ter vido a Austria, é que tiña interese pola lingua e pola cultura alemá, e a aprendizaxe da lingua foi un dos meus primeiros obxectivos.

Sénteste plenamente integrado en Viena, ou nos teus horizontes vitais ao medio ou longo prazo contemplas a posibilidade de volver vivir en Galicia?

Esa é unha pregunta moi difícil e a súa resposta está suxeita aos avatares vitais, pero en principio, e sen renunciar á miña galeguidade, se podo seguirei a vivir en Viena. Aínda que desde logo seguirei indo a Galiza con regularidade.

Unha curiosidade intelectual, que lle formulo a todos os políglotas; en que idioma pensas ti?

Pois esa tamén é unha pregunta difícil. Imos ver, nos primeiros anos de estar aquí, facíao en galego, que é o meu idioma A, no que sinto, penso e escribo, pero hai xa uns cantos anos comecei a notar que soñaba en alemán, ou ás veces mesturados en galego e alemán, e no que respecta aos pensamentos , fundamentalmente sigo a facelo en galego, pero de cando en vez o meu inconsciente lévame a facelo en alemán.

A que te dedicas ti profesionalmente?

Traballo no eido da tradución e o marketing comercial. O meu traballo consiste e traducir do alemán, e ás veces puntualmente do inglés ao portugués e ao español. Tamén , pero en menor medida toco algo do italiano ou do dinamarqués.

Vexo que os idiomas gústanche moito?

Abofé que si.

Traballas nunha empresa ou es autónomo?

Nunha empresa.

Como está a situación, derivada da pandemia sanitaria, en Austria, o país no que ti vives?

A día de hoxe( 3 de abril) podo dicir que a situación está bastante controlada. Austria ten arredor de 10 millóns de habitantes e neste momento hai arredor de 14.000 persoas infectadas, dos que aproximadamente 7.000 xa están recuperados.

E falecidos?

A día de hoxe ( 3 de abril) 350.

Son cifras realmente pequenas, e na túa cidade, en Viena?

Nestes momentos temos 75 falecidos.

Como valoras o sistema sanitario de Austria?

É semellante ao español.

Austria fai fronteira con Italia, o primeiro foco de contaxio constatado en Europa e cuantitativamente un dos máis importantes do mundo, como é posible que o virus non se espallara de forma masiva polo voso país ?

Non só iso senón tamén que despois de Alemaña, Italia é o principal socio comercial de Austria, e no sector turístico as relacións entre ambos estados son integrísimas. Eu creo que o motivo estivo na rapidez coa que as autoridades pecharon as fronteiras con Italia.

E máis o menos , lémbraste de cando se pechou a fronteira?

Hai un mes desta entrevista. Arredor do 13 de marzo. Fíxate, nese día eu estaba volvendo de Galiza, por certo, case non podo volver ,porque ao día seguinte de aterrar eu en Viena, Austria anunciou a prohibición de entrada dos vos procedentes de España de Italia e Francia. Creo que outra medida acertada que tomaron foi a realización de campañas masivas de test, o que axudou a detectar a maioría de positivos, polo menos aparentemente, e a cortar as cadeas de contaxio.

Quen goberna en Austria?

O centro dereita en coalición cos verdes.

E cal é actitude da oposición?

Unha actitude leal e construtiva, en absoluto o tipo de oposición que se observa en España.

Agora mesmo estades en situación de confinamento?

Depende da zona, así por exemplo a cidade de Insnbruck parece que acaba de levantar a corentena. A nivel xeral a corentena dura ata o 26 de abril, hai moitísima xente facendo tele traballo, e o que fago eu por exemplo.

E as condicións son semellantes ás de España. Só podedes saír a facer cuestións básicas?

Si, son semellantes, con algunha diferencia, por exemplo mantendo as distancias permiten pasear por algúns parques, pero condicións moi parecidas. As medidas son moi estritas, incluso cando vas a un supermercado, non é posible entrar sen mascarilla.

Non é difícil atopalas?

Non.

Ti Carlos, tanto polo teu carácter como polas túas circunstancias vitais es unha persoa moi sensible ao traballo cultural. Creo que no caso de España trátase dun sector enormemente afectado no que respecta á inexistencia de axudas para compensar o colapso económico que supón a cancelación dun inmenso número de festivais a actividades culturais de todo tipo, como está a situación do sector en Austria?

Efectivamente Tino, eu teño unha enorme relación co mundo da cultura, e paréceme que a situación a nivel galego é moi preocupante e cómpre facer algo .En Austria xa hai paquetes de medidas concretas, con cifras xa fixadas, para axudar aos artistas e ao sector da cultura en xeral.

Ah, si xa hai fondos aprobados para iso?

Si, si, e xa é público, está na web do ministerio de asuntos sociais. E a nivel local tamén. En Austria xa hai máis de 5 millóns de € inmediatos para axudar ao sector cultural. E asemade hai un programa a maiores de axudas coordenadas coas fundacións culturais. E logo, xa para as pequenas empresas e autónomos en xeral, se xustifican que os ingresos habituais baixaron o 50% a causa da situación sanitaria, algo fácil de amosar pola facturación, o estado austriaco cobre a outra metade.

Vaia que medidas máis sólidas, e cun goberno de centro dereita…

Si, pero Austria é un estado historicamente moi social.

É que a política que me contas é keynesianismo

Eu diría que case socialismo. A min gustaríame que en Galiza se tomaran medidas parecidas para a protección do sector cultural, porque a súa situación é moi grave. E, eu o que vexo en Galiza tanto na Xunta como na oposición é só declaracións de intencións, pero se queremos que o sector cultural sobreviva hai que axudalos xa, con medidas concretas inmediatas. Como vai facer alguén que vive de organizar teatro, festivais musicais ou culturais de calquera tipo que impliquen concentracións de persoas?

Primer comentario

Deixa a túa opinión