O coronavirus no mundo IV EEUU

Francisco Álvarez Koki A Nova Peneira
Koki. Correspondente de A Nova Peneira en EEUU

Koki é un grande e antigo, que non vello, amigo da nosa casa. Emigrante galego durante 30 anos nos Estados Unidos. Na actualidade reparte a súa vida entre A Guarda, a vila que o viu nacer, e Nova York, a cidade na que tanto tempo viviu. Falamos con el para coñecer como está a situación sanitaria no país que ten un número de infectados por coronavirus e de persoas falecidas por mor desa infección máis elevado de mundo

KOKI, CORRESPONDENTE DE A NOVA PENEIRA EN NOVA YORK

“ ANTES DE PODER VOLVER A GALICIA, ESCOITABAMOS CADA NOITE O SON CONTINUO DAS AMBULANCIAS,E A SENSACIÓN ERA TRISTÍSIMA”

Cantos meses ao ano pasas en EEUU?

Desde hai catro anos paso soamente 3 meses.

Pero ti viviches a tempo completo nese país; non?

E tanto que si, vivín 30 anos alí, eu son un emigrante e fun alí a traballar, e agora teño a vida organizada de maneira que podo estar 9 meses na Guarda e 3 nos Estados Unidos.

Cando volviches de EEUU?

Estiven alí o primeiro trimestre do ano.

Lembras que día volviches?

Na primeira semana de abril, nun dos últimos voos que permitiron. E nós antes de vir, todas as noites a todas horas sentiámolo son das sereas das ambulancias e a verdade era estarrecedor.

A cidade dos EEUU na que resides é Nova York, alí había confinamento máis ou menos como o hai aquí?

Cando nos viñemos non, e creo que aínda hoxe tampouco o hai. Aconsellan as medidas de protección como as mascariñas e o distanciamento social, pero prohibición de movementos, non.

Nova York divídese en catro condados, a división é meramente xeográfica ou existen diferencias socioeconómicas entre eles?

Si que existen importantes diferencias socioeconómicas entre eles.

A penetración do virus é igual de intensa nos catro condados?

Coido que en Brooklin e en Queens é onde están a sufrir un nivel de virulencia vírica máis intensa.

Cando volviches a principios de abril cal era a situación sanitaria?

Estaban comezando os problemas serios, e xa se escoitaban as recomendacións insistentes das autoridades sanitarias de manter medidas de distanciamento social, de extremar as precaucións e de lavar as mans con moita frecuencia.

E a sociedade, nese momento, e falando en termos xerais claro, tomouno coa seriedade debida?

Eu penso que non, creo que ao igual ca na maioría dos países do mundo inicialmente non se lle deu a importancia que tiña e as instrucións das autoridades sanitarias non se seguiron co rigor necesario.

Supoño que manterás contacto cos amigos que tes en Nova York?

Si claro, e todo o mundo está con moito medo.

EEUU é xa o primeiro pais do mundo tanto en número de persoas infectadas como en número de persoas falecidas. O sistema sanitario de EEUU é tan malo como parece?

Ben, en relación a este tema a maior parte da xente fala sen ter coñecemento de como é en realidade o seu sistema sanitario. En EEEUU a clase que ten máis problemas co sistema de saúde é a clase media. Se ti tes ingresos e unha vivenda e non tes un seguro, e precisas ir a un hospital, estás perdido porque un día de atención hospitalaria pode supor unha factura de 2.000$

E se non tes seguro, nin esa cantidade económica non recibes atención hospitalaria malia que a necesites?

Si, pero a débeda quédache e pódencho sacar incluso do salario.

Esta situación sucede se tes ingresos, e se non os tes?

Tes outro tipo de problemas claro, pero sanitarios non, porque se non tes nada aténdenche de balde e sen necesidade de ter seguro. Hai unha especie de carta sanitaria que lle dan ás persoas sen recursos ou que os teñan moi baixos.

Como se determina se tes dereito a esa carta sanitaria que che facilita a asistencia gratuíta?

Hai un baremo de ingresos anuais mínimos a partir do cal xa non podes acceder a ela.

Cóntanos en que consistía a famosa reforma sanitaria que pretendía facer Obama no seu mandato?

Obama o que pretendeu era que todo o mundo puidese ter acceso a un seguro médico, e que o seu coste estivera determinado en función dos ingresos de cada usuario. Iso foi o que el implantou, que logo cando chegou o actual presidente eliminou. Creo que nesta situación influíu moito a campaña de desinformación masiva, que fixeron as compañías aseguradoras, que levou á confusión de moita xente que incluso sendo directamente beneficiadas falaban mal da reforma sanitaria que fixo Obama.

E cando chegou Trump?

Pois o mercado libre, se queres un seguro con X coberturas terás que pagar X pola póliza, e se queres o seguro con coberturas X+1 pois terás que pagar X+1.Se podes pagalo ben, e se non podes o problema é teu. Pero claro xa ves que cando comezou a epidemia a actitude do presidente actual foi absolutamente neglixente, quitándolle a importancia a un problema desta enorme dimensión. O problema é que un home como ese ten un poder inmenso.

Este ano son as presidenciais, non?

Si, en novembro.

O candidato demócrata vai ser Biden?

Eu penso que si, porque Sanders xa se retirou.

E a Biden velo con posibilidades de gañarlle a Trump?

Moitas non a verdade.

Primer comentario

Deixa a túa opinión