O coronavirus no mundo V: Alemaña

Xoán San Martín Berlín A Nova Peneira Coronavirus no mundo

Seguimos co noso camiño polo mundo adiante, coa vontade de facer máis ancho o noso coñecemento, e polo tanto máis estreita a nosa ignorancia, da situación sanitaria na que se atopan os distintos países e das diversas formas de enfocar a loita contra a pandemia vírica. Hoxe falamos con Xoán, un galego de corazón e un berlinés de adopción, que nos conta a súa opinión de como a locomotora alemá afronta esta crise global. Alí, segundo nos conta Xoán, as medidas de restrición da mobilidade son moito menos estritas ca en España, de feito achéganos, amablemente, un vídeo gravado nun parque de Berlín a mesma tarde do 18 deste mes, que non se diferencia moito do que podería ser unha tarde normal de sábado.

XOÁN SAN MARTÍN

“ O NIVEL DE CRISPACIÓN QUE EXISTE EN ESPAÑA, NON SE PERCIBE EN ALEMAÑA, NIN POR ASOMO “

Cóntanos a túa historia, que foi o que che levou a vivir en Alemaña?

Ben, eu son de Vigo. Os camiños da vida leváronme a vivir en diversas cidades de España, e na actualidade levo algo máis de dous anos residindo en Berlín.

A que te dedicas ti profesionalmente?

A miña profesión está relacionada coa seguridade privada, pero un nunca sabe o que lle vai deparar a vida, e no meu caso persoal, pois pouco antes de chegar a Berlín, as circunstancias vitais obrigáronme a comezar de novo, e agora mesmo estou a traballar en hostalería, nun restaurante italiano. E á vez estou perfeccionando o meu alemán.

E que tal che levas co idioma?

Estou mellorando, pero de momento o meu nivel é de subsistencia.

Cales son os teus horizontes vitais máis inmediatos; seguir na hostalaría?

Non, cando teña un nivel suficiente de alemán, o que me gustaría é traballar no sector da xeriatría.

A sociedade alemá é tan envellecida como a nosa?

Eu creo que é máis aínda.

E o nivel de protección social do estado como é?

É superior ao de España. Malia que aquí, como sabes, gobernan os conservadores, a cultura xermánica en xeral ten un nivel de protección social dos seus cidadáns que non temos en España nin por asomo.

Véxoche emocionalmente implicado, gústache vivir en Berlín, non Xoán?

Encántame Tino. Berlín é unha cidade aberta, na que domina o multi culturalismo, ten moitas cousas que coñecer, e vivir aquí resúltame moi agradable.

Como está a situación sanitaria, agora mesmo en Alemaña?

Eu podo falar de Berlín que é o que coñezo. Na miña cidade hai agora mesmo( 18/04) 5.100 persoas infectadas e algo menos de 100 persoas falecidas, que para unha poboación de 3 millóns e medio de habitantes, pois non é excesivo.

A hostalería e a restauración está pechada?

Si, está toda pechada, de feito eu agora non traballo claro.

E o comercio minorista?

Esta semana comezou a abrir moi pouco a pouco e con moitas restricións.

Estades confinados?

Non, o que está prohibidas son as concentracións, non se poden xuntar máis de dúas persoas, pero aquí son moito máis de recomendar que de prohibir. E de feito hai moita recomendación pero pouca prohibición.

As escolas están abertas?

De momento pechadas, pero xa anunciaron que comezarían a abrir a partir do día 4 de maio, aos poucos e con moitas precaucións.

A industria está aberta ?

Non cho podo asegurar con certeza pero penso que está pechada.

Ti, agora, non podes traballar porque o restaurante no que o fas está pechado. Comentábasme antes que o nivel de protección social de Alemaña é superior ao de España, puideches comprobalo na túa propia persoa?

Si, como che dixen antes. Alemaña ten un grao de protección social moi relevante. Antes incluso de que chegaramos á situación que estamos, eu recibía da administración unha cantidade para complementar o meu soldo, pois consideran que co que cobro no restaurante, estou a media xornada, ía telo difícil. E agora mesmo como estou sen traballar recibo outra pequena cantidade a maiores, que non é que sexa moito, pero dáche para vivir.

A xestión das axudas sociais faise con axilidade e dilixencia?

Si. De feito eu estaba moi preocupado, porque claro, de súpeto quedas sen traballo, e véxome na necesidade de realizar xestións administrativas para xestionar a miña situación persoal, e como che dixen o meu nivel de alemán é aínda baixo, pois imaxínate se non era para preocuparse. Afortunadamente a incerteza durou pouco, en dúas semanas xa estaba todo arranxado e xa tiña os cartos ingresados.

En Alemaña gobernan os conservadores e a oposición é socialdemócrata. Como é a actitude da oposición alemá co goberno en relación coa súa xestión desta situación?

Vamos, nin por asomo a que se observa en España. O clima prebélico, a cultura guerracivilista e o nivel de crispación que amosa a oposición española, aquí non existe. Eu estou nas antípodas de Angela Merkel pero pareceríame delirante exercer de hooligan para defender unha posición política, nun momento de crise como nunca xamais se viviu na recente historia do mundo. En España, creo eu, temos un serio problema que consiste en que a cultura democrática é moi escasa. O meu círculo de amizades máis próximo son italianos e a cultura dese país é semellante á de España, pero nin alí chegan ao noso nivel de crispación. A verdade é para estar asustado. Mira, vouche dicir unha cousa con toda a crudeza, pero é que é verdade; a opinión maioritaria que observo eu sobre España é que é un “puto desastre”.

Primer comentario

Deixa a túa opinión