Acción Global Polo Clima 24 Abril

Acción Global polo clima A Nova Peneira

Este venres 24 de abril as organizacións ecoloxistas galegas, agrupadas no Movemento Galego polo Clima, acometerán unha nova acción global para pór de relevo que a emerxencia climática non desaparecer, segue sendo unha realidade, e que incluso o cambio climático e a perda continuada de biodiversidade poden ser a causa da crise sanitaria ocasionada pola pandemia do Covid19. 

Desde o Movemento Galego polo Clima denuncian que a Emerxencia Climática a pesar de estar formalmente declarada como emerxencia polo Parlamento Europeo, polo Goberno español e por outras moitas institucións, segue sen ser recoñecida como tal por algúns dirixentes, que optan por desatender as indicacións científicas a través dunha inacción culpable.  

Aínda que non sae nos telexornais, a pouco que se indagues atopamos informes da comunidade científica que acumulan evidencias sobre a continuada perda de biodiversidade a nivel global, moi ligada á emerxencia climática, que está intimamente conectada coa aparición de novos patóxenos emerxentes cos que até agora nunca tivemos contacto. Por iso, desde o movemento ambientalista alertan que abordar a emerxencia climática e frear a perda de biodiversidade seguen a ser as grandes urxencias do noso tempo e, asemade, son imprescindíbeis para protexernos como sociedade.

Segundo nos anuncian, a acción deste vindeiro venres 24 está encamiñada a facer reaccionar á sociedade para que esta esixa aos gobernos que traten a emerxencia climática como a crise que é. Porque actuar con contundencia hoxe fronte á emerxencia climática conseguirá que os impactos ambientais e sociais sexan moito menores, aínda que gran parte deles, xa non seremos capaces de palialos.

Acción Global Polo Clima 24Abril 

O tica tac da conta atrás planetaria segue sonando aínda que estes días a crise sanitaria sexa a prioridade. O Movemento Galego polo Clima advirte que sería un erro fatal relegar ao esquecemento que estamos ao bordo dun punto de non retorno marcado por unha enorme perda de biodiversidade e polo incremento da temperatura global, que pon en xaque a todo o planeta, incluída a humanidade. As consecuencias do cambio climático son, entre outras, un incremento dos grandes incendios forestais, a proliferación de enfermidades de rexións máis cálidas, secas máis severas, subida do nivel do mar e acidificación dos océanos, choivas torrenciais que provocarán asolagamentos, movementos migratorios motivados pola crise climática… 

A máxima está clara: non podemos saír desta crise continuando con modelo de produción e consumo que nos arrastrou até aquí. O quecemento global é consecuencia directa de sito modelo que continuamente se demostra incapaz de satisfacer as necesidades vitais das persoas. Un modelo que precariza ás persoas e pon en situación de vulnerabilidade a gran parte da poboación mundial,  especialmente ás mulleres, así como aos ecosistemas e o resto de seres vivos que habitan este planeta. Un modelo que arrisca a nosa supervivencia como especie, ao basearse na explotación ilimitada e acelerada dos recursos fósiles, mineiros e naturais, impactando de maneira inxusta nas poboacións máis pobres e vulnerables. 

Pero, nesta crise, a ciencia tamén sinalou a vía de actuación, que non é outra que a redución e descarbonización do noso sistema económico, especialmente nas sociedades industrializadas occidentais que temos máis responsabilidades e maiores capacidades. Un sistema económico que se paralizou ante a crise do coronavirus e que debemos reformularnos antes de reiniciar. Temos que modificar radicalmente o noso modelo de producir e consumir respectando os límites  biofísicos..

Ante iso, as organizacións asinantes, de acordo coa ciencia, manifestan que si, que participan da idea da necesidade de apoiar a saída das crises xeradas polo coronavirus, pero matizan que esta non pode basearse no modelo que nos conduciu ata a emerxencia ecolóxica e social actual. Recalcan a necesidade un novo modelo de produción e consumo no que prime a vida, as persoas e a protección dos recursos naturais. Unha idea que resumen nunha frase “saiamos do parón e transformemos a actividade dun modo climática e socialmente xusto, dentro dos límites do planeta”.

É necesario un cambio de escala, do global ao local, que poña no centro a redución das longas cadeas de transporte, a posta en valor de modelos alimentarios en consonancia cos límites do planeta. Uns esforzos que deben conducirnos a unha redución drástica das nosas emisións, en liña coas indicacións científicas e alcanzando a neutralidade canto antes.

Só así será posible facer fronte ás consecuencias do quecemento global, avanzar cara a unha sociedade xusta e solidaria e, simultaneamente, reducir o risco doutras crises das que é causante o cambio climático.