O coronavirus no mundo VI: Senegal

Coronavirus no mundo Senegal A Nova Peneira

Senegal é o primeiro dos países do continente africano ao que nos achegamos na nosa andaina polo mundo adiante para coñecermos a situación sanitaria derivada da pandemia vírica. Falamos con Cesáreo, un home de Chapela, traballador dunha importante compañía galega, que leva 20 anos vivindo na capital deste país dos de maior tradición democrática de África.

CESÁREO BASTOS

EN SENEGAL, ENTRE ÁS 06.00H E AS 20.00H, AGÁS POLO PECHE DO SECTOR DO OCIO E A RESTAURACIÓN, PÓDESE FACER VIDA NORMAL”

De onde es ti Cesáreo?

Eu son de Chapela.

Cóntanos a túa historia, como é que chegaches a vivir en Senegal?

Pois eu levo toda avida traballando en Vieira e hai 20 anos que en vin vivir a Senegal a traballar de inspector de barcos.

Pero vives todo o ano en Senegal?

Si, todo ano, a miña casa está en Senegal, eu son residente senegalés.

Vives En Dakar?

Pois si, vivo moi pretiño do paso presidencial.

Como é a situación socioeconómica de Senegal?

Eu diría que normal dentro do contexto xeográfico no que se encontra. Ten niveis de pobreza elevados se o comparamos con Europa claro, pero, o que se di fame a xente non pasa, pode que haxa segmentos importantes que non teñan as comodidades do primeiro mundo, pero eu observo que en liñas xerais a xente é feliz.

Ti tes acceso a calquera tipo de comodidade que puideses ter vivindo en Europa?

Si, incluso máis das que tiña cando vivía en Galicia. O meu piso é máis grande có que teño en Galicia e o nivel de vida non é diferente do de Europa.

E nos teus horizontes vitais está terminar a vida en Senegal?

Non oh. Eu cando me xubile vou volver a Galicia. Xa che digo que vivir en Senegal lévoo ben, pero a miña casa é a miña casa.

Chapela, claro

Por descontado, a Chapela non a cambio por ningún sitio do mundo.

Ademais hai que precisar que os de Chapela sodes de Chapela, non de Redondela

Sen ningunha dúbida, os de Chapela somos de Chapela e de ningún outro sitio.

Cóntanos como está a situación sanitaria en Senegal no momento presente?

En Senegal a partir da 8 da tarde está prohibida a mobilidade, e todo o sistema educativo e o sector da restauración e o ocio está pechado. En Senegal, agás esas restricións que mencionei antes, podes facer vida entre as 6.00 e as 20.00h. Teño entendido que o goberno está pensando en restrinxir ese horario dúas horas e só permitir facer a vida entre as 6 da mañá e as 6 da tarde.

O comercio está aberto?

Si, o comercio, si, pero co horario restrinxido que antes che mencionei.

E no abano horario que me comentas, non estades confinados, podedes pasear e, dentro das limitacións derivadas do peche dos locais do ocio e restauración, podedes facer vida normal?

Si, si, con excepción do que che comentei, si que se pode facer vida normal.

Sempre no horario que antes me comentabas claro?

Si, porque se saes despois das oito da tarde arríscaste a recibir unha malleira.

Como unha malleira?, supoño que non che referirás a unha agresión física?

Ai non, danche cun pao, e danche a matar.

Que me dis, pero quen fai iso, a policía?

Si, a policía, se che pilla despois das 8 da tarde, danche ata que botes os fígados, danche unha tunda a paos que che deixa nun estado que non che recoñece nin o teu pai nin a tua nai.

Vaia pois déixasme sen palabras. As fronteiras tédelas abertas ou pechadas?

Todas pechadas e as fronteiras entre rexións tamén.

O número de infectados coñécelo?

A día de hoxe, 19 de abril, hai 350 persoas infectadas e 3 falecidas.

A situación parece controlada?

Polo menos iso é o que di o goberno. Eu polo menos non coñezo a ninguén que padeza, ou teña padecido a enfermidade.

Como é o sistema sanitario senegalés?

Malísimo e privado na súa maior parte, é das peores cousas que ten este país. Non ten nada que ver, pero nada en absoluto co sistema español.

Unha persoa sen recursos non ten acceso á asistencia sanitaria gratuíta?

Si, pero xa che digo que é un sistema moi malo. Os seguros son moi malos, cada persoa que traballa pode ter metida na súa cartilla a unha media de 10 ou 15 persoas co que a asistencia sanitaria eficaz é practicamente imposible. Incluso para un europeo resultaría complicado acceder a unha asistencia sanitaria de calidade se a precisase. De feito se calquera de nós enfermase teriamos problemas serios.

Quen goberna en Senegal?

O centrodereita.

E a actitude da oposición con respecto á xestión sanitaria do goberno, cal é?

Moito máis razoable que a da oposición española, que ao meu modo de ver é unha barbaridade. No que se refire ao clima político Senegal gáñanos por goleada.