O coronavirus no mundo VIII: O Reino Unido

coronavirus no mundo Reino Unido A Nova Peneira

Despois da República de Irlanda, tócanos coñecer a situación do seu veciño máis próximo; o Reino Unido da Gran Bretaña, falamos cunha moza de A Guarda que leva algo máis dunha década residindo no sur dese país para coñecermos como están as cousas no país que inicialmente formulou, ou polo menos pareceu formular, a máis excéntrica das solucións posibles, a de deixar que se infecte todo o mundo sen facer nada. Afortunadamente parece que imperou a cordura, malia que os datos sanitarios dese país son realmente malos

SARA ALONSO

Aquí pódese saír a pasear coas persoas que vivan contigo na casa, algo que é practicamente imposible de controlar”

De onde es ti Sara?

Eu son nativa de A Guarda.

Cóntanos a túa historia, como chegaches á Inglaterra?

Eu levo máis de 10 anos vivindo aquí, inicialmente vin cunha bolsa.

Para que era a bolsa?

Era unha Bolsa MEC para estudar inglés. Inicialmente vin por un mes, e decidín quedarme un pouco máis.

Miña nai, pois si que prolongaches o mes inicial

Ha ha ha ha. Un pouco, so, son as cousas que ten na vida. Eu quedara sen traballo en Galicia en agosto do 2009, tiña que usar a bolsa, e en setembro dese ano xa me vin para aquí. As cousas non estaban na da ben en España e decidín quedarme aquí.

Traballabas na Guarda?

Entre Santiago e A Guarda.

E agora que fas en Inglaterra?

Os últimos catro anos a miña parella e máis eu tivemos un bar e xusto traspasámolo en decembro do ano pasado. Despois de vender o negocio a nosa idea era volver a Galicia, pero claro, agora mesmo a situación actual faino imposible. Agora mesmo non hai voos, e a miña única opción sería en barco a través de Francia, pero penso que alí tería que gardar corentena. A miña idea é volver a Galicia cando se normalice a situación, malia que haberá que ver como quedan as cousas, pero se como parece quedan mal nos dous sitios, prefiro estar en Galicia.

A túa parella é galega ou inglesa?

Non, el é Kurdo.

Ah que interesante, cando teñamos ocasión de volvermos falar tesmo que presentar. A situación do Kurdistan interésame moito e encantaríame falar con el

Sen problema, seguro que el tamén estará encantado. El é Kurdo irakí.

Ben , falemos de sanidade. Cal é a situación sanitaria do Reino Unido?

Eu véxoa bastante mala. Hai moitísimos infectados e escasean tanto o persoal sanitario como os equipos de protección adecuados. Se che digo a verdade, eu creo que a situación no Reino Unido é peor que en España. A sanidade é peor cá nosa, eu o que percibo neste momento é que están rozando o límite. Quero aclarar que os profesionais sanitarios deste país son magníficos, pero o sistema non o é, téndese a favorecer os modelos privados, coas consecuencias que soe acontecer cando isto sucede.

E a túa propia experiencia que indica?

As experiencias que eu tiven coa sanidade británica non foron en absoluto positivas.

Alí tedes sanidade gratuíta e universal?

Eu sempre a tiven, pero non foi nada doado. Póñenche moitísimos problemas, en moitas ocasións tratan de derivarte cara a modelos privados, e ás veces resultaba dificilísimo que che deran hora para un simple especialista.

Teño a sensación de que en España xa se acadou o punto máis elevado de contaxios e agora estamos nunha fase descendente, pero que vós estades aínda nun momento de crecemento

Si, aquí semella que estamos nun momento claramente alcista, levamos unha semana con arredor de 800 mortes todos e cada un dos días. E a sensación que temos é que as cifras non responden á realidade, só se contan os falecidos en hospitais pero parece que non está moi claro que se inclúan ás que morren nos seus domicilios ou nas residencias. A día de hoxe, 20 de abril, temos 129.044 casos confirmados, e 17.337 persoas falecidas, constatadas, só en hospitais.

En canto as medidas de distanciamento social, que nos dis?

En comparación coa de España son moitísimo menos estritas, podemos saír unha hora ao día.

Soa? Ou podes saír acompañada?

Pódese saír coa xente que viva na túa casa.

Pero iso é moi difícil de controlar?

Case imposible, diría eu. Incluso aquí a policía non multa e é bastante suave, eu creo que podería estar todo o día na rúa, se quixese, e ninguén me controlaría.

O comercio está aberto?

Non, está todo pechado agás os servizos esenciais, e o transporte público está tamén case todo paralizado.

En que cidade vives ti?

Vivo en Bournemouth, máis ou menos será unha cidade un pouco máis pequena que Vigo.

A cerca de admin 3 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.