Jorge Varela

Chopo Confraría de Arcade A Nova Peneira

Secretario da confraría de pescadores virxe do Carme de Arcade

Marcos Santos

Se falamos de Jorge Varela, seguro que case ninguén se decata de quen é o protagonista desta reportaxe, aínda que se utilizamos o seu alcume e dicimos que a conversa foi con Chopi, a cousa cambia. El é un grande amigo de A Nova Peneira, e non por casualidade, é o noso amigo porque é dos bos e xenerosos aos que cantou Eduardo Pondal, dos que che dan e non che piden, dos que che acompañan e non che exixen, dos que che suxiren e non reprochan. Os camiños da vida dan moitas voltas, e no caso e Chopi, levárono do mundo da hostalaría ao universo das ondas do mar de Vigo que cantaba Martín Codax,e para nós, foi, coma sempre un pracer conversar con el sobre o traballo que desenvolve a confraría de Arcade.

ESTOU REALMENTE SATISFEITO DO TRABALLO DE GONZALO, O PATRÓN DA CONFRARÍA”

E como se che deu por meterche neste mundo do mar?

Un grande amigo meu, convenceume, fun probar, gustoume moitísimo. Unha forma de vivir moi galega e moi da comarca de Redondela, e desde logo non me arrepinto en absoluto. Estou moi satisfeito e só podo dar as grazas a que me axudou a ser un máis da grande familia mariñeira.

Ti fixeches política, de maneira moi activa en Redondela. O teu posto na confraría, implica que tamén teñas que facer política?

A política, dígoo con franqueza , saturoume. Porén, na confraría , entrou xente nova, con gañas de mudar a realidade, gustoume moito como me formularon a súa visión da realidade, e a verdade, ti, que me coñeces, sabes que eu son un pouco fervellasverzas, e gústame implicarme activamente nos contextos sociais nos que estou. Cos meus erros e cos meus acertos, peros sempre coa mellor das vontades de colaborar , humildemente, no ben común. Presenteime e saín elixido.

Que tal con Gonzalo, o novo patrón?

Estou realmente contento co seu traballo. E temos unha visión semellante da realidade. Arrincamos o proxecto sobre novembro, e a gora mesmo estamos nun proxecto que ten a intención de sementarmos en conxunto coas confrarías de Redondela e Vilaboa, e construírmos un sistema de traballo conxunto.

En Redondela tamén temos novo patrón?

Si, e eu creo que ten unha visión parecida á nosa.

Para os que somos de terra, cóntanos cal é o traballo esencia dunha confraría de pescadores?

A confraría de Arcade ten 19 membros, temos unha xunta xeral na que determinamos a maioría de cousas que se fan, logo ten un cabildo, que se compón de oito persoas, coa vontade de sermos áxiles na xestión que toma decisións de tipo económico. Temos trasmalleiros, xente que vai a buscar a ameixa a flote, xente que a vai buscar a pé, temos anguileiros…..Somos a segunda confraría da ría de Vigo, que máis factura.

Cal é a primeira?

Creo que Cangas.

Non determinades cales son as zonas nas que se dá mellor a ameixa?

Si, estamos facendo estudos ao respecto, e tratar de comprender os motivos que fan que nunhas zonas se dean mellor ca noutras.

E no que respecta ás vixilancias?

Nese aspecto tamén temos intención de chegarmos a acordos con Redondela e Vilaboa para facérmolas na medida do posible de maneira conxunta.

Redondela, ten a marca do Choco, e vós?

A nosa intención é ter unha marca conxunta da enseada de San Simón, e xa comezamos a falar, pero agora, as circunstancias sanitarias nas que estamos a vivir, deixou todo un tanto parado. Todo isto son proxectos que non podo asegurar que se acaben convertendo en realidades, malia que nós imos pelexar porque sexa así.

A lonxa?

A nosa intención é modernizala con luces led e placas solares co gallo de optimizar o consumo enerxético.

Cales son os criterios que determinan as especies que sementades?

Na enseada seméntase xapónica e fina, e para fóra da ría sementamos babosa. Este ano fixemos varios estudos para determinar os mellores criterios tanto de selección da especie sementada como da súa protección dos depredadores. Así por exemplo, este ano comezamos a pór nasas para eles, que xa che digo que hai moitísimos que antes non existían.

Cóntanos como é o proxecto “ da lonxa á túa casa”?

A aceptación foi marabillosa, á xente encántalle ver chegar ao mariñeiro coa mercancía recen collida, e ser partícipe de todo o proceso. De feito tivemos que mercar unha máquina para dispensar o número de entrada e que se atendera por escrupulosa orde de chegada. E para os mariñeiros, resúltanos moito mellor economicamente. A mágoa foi ter que cortalo polo tema da coronavirus. Ah, e non me quero esquecer de que temos intención de pintar e pór moi bonita a lonxa para facela máis atractiva ao visitante potencial.

Rematamos, que repercusións está tendo a situación sanitaria no voso negocio?

As repercusión son horribles, non nos quedou máis remedio que facer un ERTE, porque agora non temos ingresos, e hai gastos como por exemplo o das piscinas de anguías que hai que seguir mantendo. E os autónomos do mar están realmente mal, e considero que a situación das artes pequenas non foi tida en conta pola administración.