A realidade no día a día dos estudantes da USC

Estudante de USC A Nova Peneira
Sara Lorenzo Costas

Todos estamos vivindo unha situación inhabitual, pero nestes tempos de loucura, parece que nos estamos a esquecer dun colectivo moi grande e que agora mesmo séntese pisoteado. Falamos dos estudantes universitarios, en especial, os da USC.

A Universidade de Santiago de Compostela, unha das máis antigas do mundo, con máis de 500 anos de prestixio. A mesma que está xogando co futuro dos seus estudantes. Todos sabemos que a vida universitaria é unha das mellores etapas da vida, pero en época de exames sempre custa. Entón imaxinémonos, no medio dunha pandemia mundial con milleiros de mortos, moitos estudantes e familiares deles en paro, estudantes a cargo de nenos ou persoas maiores, familiares contaxiados, encerrados nun piso ou casa, con ansiedade ou depresión…Pinta mal, non? Pois agora engadámoslle unha carga de traballo desmesurada, unha docencia virtual nefasta e nalgúns casos inexistente, profesores que se aferran á posibilidade de facer exames e un reitorado que mira cara outro lado, facendo caso omiso as nosas suxestións.

Estudante da USC A Nova Peneira
Pablo Novoa Bar

Estes días vemos moitas noticias de prensa sobre a situación dos estudantes da USC, pero a realidade que viven os alumnos non semella ao que están a dicir na prensa e neste manifesto queremos expor o punto de vista dos estudantes.

A principal queixa que temos os estudantes da USC son as continuas mentiras que fai o Reitorado. Un exemplo disto é: Onte, a día 28 de Marzo unha organización de estudantes da facultade de Medicina decidiu facer unha convocatoria para que todos os estudantes que quixeran participar, entraran ao Campus Virtual (espazo onde a USC quere realizar os exames) todos á vez, con fin de demostrar que o Campus Virtual non está capacitado para ter tanta xente ao mesmo tempo. O resultado foi que a páxina caeu por máis de media hora. A USC anunciou que caeu por mor de actividades de mantemento e despois volveu a anunciar que foi atacada por ̈bots ̈ de estudantes, irónico, non temos cartos para wifi pero si para bots. Deberon collerlle gusto as paradas de mantemento que a situación volveuse a repetir as 18:00 e as 19:00, xusto cando a organización de estudantes de medicina convocaron a entrada masiva ao campus.

O Reitor afirmou ante os medios que, na medida do posible no íamos ter exames. Pero logo resulta que os profesores teñen liberdade para escoller como queren que examinar aos seus alumnos, é dicir, o reitor afirmou iso única e exclusivamente para a prensa, pois na realidade el non ten potestade para decidir como avaliar.

Hai moitas razóns pola que o alumnado pensa que é inxusto facer exames, deixando a un lado que a plataforma que propoñen para facelo non é adecuada e colapsa con facilidade como xa quedou demostrado. Tentarei expor de forma breve algunhas razóns:

  • –  Xente con problemas de Internet onde non chega ou non é estable e a conexión vaise cada x momento.
  • –  En moitas casas, non hai espazos adecuados para poder estudar ou traballar.
  • –  Hai xente que ten escaseza de dispositivos electrónicos (coma ordenadores). Onde so teñen un ordenador e na situación actual, son empregados polos pais ou nais que teñen que tele – traballar.
  • –  Parte do material de estudo, exercicios e incluso ordenadores quedaron en Santiago por culpa do confinamento e os estudantes non temos posibilidade de recuperalos.
  • –  Os alumnos consideramos que tivemos un aumento excesivo da carga de traballo durante este confinamento. Entendemos que moito foi polo descoñecemento dos profesores acerca da futura avaliación, pero moitos de eses traballos, agora cos exames, perderon moito valor ou todo, polo que o todo o esforzo non serviu de moito.
  • –  Moitos estudantes sofren de estrés, ansiedade e depresión, e o confinamento fai que a súa saúde mental empeore notablemente. Máis non teñen forma algunha de desconectar e os profesores non axudan neste asunto, aínda sabendo que moitos deles son profesionais da saúde. Temos rexistrados correos de profesores un domingo ou a altas horas da noite, polo que sempre temos que estar pendentes do campus.
  • –  Un dos máis graves e que, os estudantes somos os que máis están a sufrir neste confinamento e os máis numerosos na Universidade; non estamos a ser escoitados.
  • –  Nula información respecto aos TFG e as prácticas. Sen posibilidade de realizar estudos de campo e con grandes limitación á hora de ter información para realizar o TFG. Falan de flexibilidade e comprensión e temos compañeiros e compañeiras que teñen exames un sábado, ou xente doutros países aos que non lles adaptan os horarios. O seu maior medo e que os estudantes copien, o noso e que por culpa da pouca empatía moita xente; amigos, amigas e eles/elas mesmos non poidan seguir estudando unha carreira universitaria. Con todo, entendemos que criticar sen propor solucións non ten sentido:
  • –  Unha das organizacións de estudantes máis potentes leva varias semanas en folga indefinida, exixindo o suspenso do curso. Coa superación das materias cun APTO, sen que isto véxase reflexado na media e propoñendo ter ao principio do curso que ven clases de reforzo optativas. Entendendo que esta solución é a menos inxusta para todos e todas.
  • –  Outra posible solución sería mediante traballos (avaliación continua), aínda que polo falado pola comunidade estudantil, a maioría dos profesores xa teñen material dabondo para avaliar así. Dende logo, pensamos que os exames online non son unha opción. Facer exames non é polo ben dos profesionais futuros que sairán da universidade, posto que non podemos competir en igualdade de condicións que os nosos predecesores. Facer exames, coa constancia do Reitorado e os profesores dos problemas actuais que sofren os alumnos, non vai manter limpa a imaxe da historia da USC; non vai provocar que os estudantes que superen os exames sexan mellores que os que non o fagan. Facer os exames é un ataque directo contra a loita de clases, porque só os que teñan os materias electrónicos, o espazo para estudar e despexarse e os que vivan en sitios cunha alta capacidade de wifi serán os que teñan máis posibilidades de aprobar.

E os alumnos preguntámonos, iso é xustiza e igualdade de oportunidades? Isto é o que defende o ensino público?

Nós dicimos non. Queremos que, nestes tempos difíciles, a universidade siga a ser accesíbel para todos.

Primer comentario

Deixa a túa opinión