Non o vemos?

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

No medio deste devalo e vendo pasar o tempo no confinamento das liberdades, agora de novo asumidas, coma sempre, polo Estado, e vendo os feitos que derivan dunha Audiencia Nacional que nos lembra aquel TOP de outrora, respecto dos independentistas galegos, cabe pensar que o Estado está de novo contra o independentismo galego, precisamente o galego. Non fai, nin fixo, iso coas outras nacións “periféricas”. Todo isto é doado de probar, non son insensibilidades ou cousas polo estilo senón máis ben o contrario. Están, xa que logo, nesa teima perversa de facernos desaparecer como pobo, como pluralidade, como nación. Co delito que iso supón, porque lle negan o mundo que poidan sabernos, nin mellores nin peores, singulares e sendo nós, con toda a nosa aportación ao mundo. Xa os representantes públicos de Galiza se esquecen da nosa fala, xa responden nos medios nosos, en bífidas direccións, e sóltanse con moita soltura no español. Xa, lingüisticamente, non nos representan nin sequera por pasiva e moito menos con paixón.

Moitas promesas, todas incumpridas na honra da orixe. Vese a impostación, nótase a desafección. É evidente. E mentres, o Galego non é, queiramos que non, nin de dereitas nin de esquerdas. Non ten esa vulgar lateralidade de todas as cousas vulgares: o idioma é de dentro. Como todos os idiomas, lévase na propiedade, na íntima devoción. Pero claro, para falalo con propiedade hai que ter algo dentro, e nese algo recoñecerlle, polo menos ao Galego ser idioma de Galiza. Doado, non? 

Corren malos tempos para a razón e para a intuición, por iso estamos como estamos e habitamos esa ansia do exceso, do abuso, do roubo, da pérfida globalización que reparte perdas e danos, anque garda o beneficio para os amigos e en sucursais privadas. O sistema, perigoso xa de principio, fixo augas en desequilibrios consumistas e contaminados. Pero, nada, veña eucaliptos!

O problema tamén está en nós que o permitimos. Non debemos esquecer a nosa responsabilidade e desde ela, saber que non temos perdón. Porque de todos os xeitos, en Galiza, as cousas foron indo a peor e nós permitímolo. Somos capaces mesmo de negarnos e de crer que todo canto vén de fóra é mellor, que somos o reduto da existencia. Inxectáronnos un virus eternos de autoodio, de culpabilidade, de negación. Por iso copiamos a todo aquilo que vén de fóra, tan moderno, tan auténtico, tan chic e iancófilo. Será por iso que o “noso presidente” fálalles en español e desde aí, desde ese mangoneo de non nos dar a valer, é cando veñen os outros mangonéeos. Como o da Audiencia Nacional cos nosos independentistas. A nosa Causa está esnaquizada en pequenas parcelas menores, case persoais. A nosa Cultura é tamén unha suma de causalidades menores e case íntimas. A situación lingüística, grazas a esta lei que nos asegunda, vai camiño dos abismos terribles do esquecemento. E aquí estamos aínda, perdéndonos en vaguidades. Mais nesta dor, recoñecémonos castigados polo Estado, no abuso de aplicacións desproporcionadas. Cunha igrexa que cala e consente, que non fala coma nós. Cunha patronal sibilinamente negacionista, cunha intelectualidade muda e conveniente. Nin sequera miran para nós as outras nacións, nin Portugal que está “coladita” polo Estado Español, nin … a xustiza! Todos miran en clave de estado, seica, din eles, alí está o porvir! Iso din os parvos, os que non se recoñecen, os que non se estiman. E van alá triunfar e tradúcense. Agora veñen destruírnos aínda máis. Só quedan certos impulsos menores, certamente individualistas e integrados xa na subsistencia, na que acatan debidamente  formularios establecidos. Tamén quedan algúns utópicos que soñamos un novo destino. Mentres os que aman a Galiza están sendo xulgados, de calquera maneira xulgados, citados a declarar e invitados ao castigo do que non fixeron, anque manteñan vivas as arelas da dignidade. 

No horizonte non se ve un movemento colectivo que aglutine ese amor, esas ansias liberadoras na sublime condición de pureza, de orgullo e daquela dignidade que citamos. Seguimos inxectados do auto-odio ou na auto-destrución, que é o mesmo. Anque eu, iluso de min, aínda agardo que -por riba destas que nos veñen dadas- recuperemos algo de cordura e volvamos a querernos. 

A cerca de admin 3 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.

Primer comentario

Deixa a túa opinión