Gustavo Barcia voceiro do BNG de Mos

Gustavo BNG Mos A Nova Peneira
Tino Lago

Gustavo é o voceiro do Bloque no concello de Mos. A NOVA PENEIRA conversou con el para que nos dea a coñecer a súa visión do estado das cousas na súa localidade. E, malia que ás veces parece que non existe outra realidade cá pandemia vírica, Mos ten graves problemas a maiores, derivados da nefasta xestión dun goberno municipal nefasto ,que non se poden agochar debaixo das fotos buscadas a priori, dunha alcaldesa populista, facendo populismo nas portas da veciñanza. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

A ALCALDESA DE MOS UTILIZA A CRISE SANITARIA PARA APAGAR A DEMOCRACIA”

Que tal Gustavo, como levas o “arresto domiciliario”?

Ha ha ha, pois relativamente ben, porque o negocio da miña familia está catalogado como esencial, polo tanto puiden seguir traballando, e porque eu vivo nunha casa, xa que logo podía estirar as pernas pola finca.

E cal é a túa impresión en relación ao grado de civismo da sociedade mosense?

O que eu puiden percibir é que o nivel de civismo das veciñas e veciños de Mos está a ser sobresaínte. A miña impresión persoal é que cumprían, na súa inmensa maioría as instrucións das autoridades sanitarias. De feito se alguén non se comportou co civismo debido foi apropia alcaldesa.

Explícanos iso?

Refírome ao audio de whats app gravado pola alcaldesa no que acusaba á alcaldesa de Porriño de impedir á veciñanza de Mos ir mercar a O Porriño. Que Irresponsabilidade pola súa parte¡¡, que forma de xerar un clima de conflito e tensión, cando o deber de todo cargo público e contribuír ao acougo e á paz social¡¡.O estado de alarma pon ás policías locais baixo as ordes da autoridade central do estado, e a alcaldesa de Mos, como todo o mundo, sabíao cando emitiu esa mensaxe tan irresponsable.

Nestes meses, houbo espazo para facer política fóra do coronavirus?

Non, foi practicamente imposible desenvolver actividade política fóra do coronavirus. De feito se botas unha ollada á web do Concello, verás que todo está relacionado con ese tema.

Como valoras a xestión do goberno municipal ao respecto deste asunto?

Nós consideramos que foi irresponsable e propagandística. Así por exemplo os repartos de alimentos, mascariñas ou mesmo de computadores semellaban máis reportaxes fotográficas publicitarias que unha acción que respondese a un sincero interese en axudar ás persoas. E hai que dicir que os protocolos de seguridade como a distancia mínima entre persoas o uso de luvas ou mascariñas en moitas ocasións brillaban pola súa ausencia.

Non entendo a que te refires co das reportaxes?

Refírome a que a web do Concello, converteuse nun instrumento de uso partidista do PP de Mos en xeral, e da alcaldesa en particular. A min o que me parece censurable é que fosen os propios concelleiros porta por porta repartindo o material. Eles non teñen formación para facer esa función, para iso están os servizos de emerxencia. Actuaron de maneira irresponsable, pois nin están formados para facelo, nin, en ocasións cumpriron os protocolos de seguridade. Puxeron en risco a saúde da veciñanza, e por que?, para que?:para facerse a foto. Ese modus operandi é inmoral, indecente, e ao BNG nunca o van atopar nese camiño.

Estes dous meses tivestes os dous plenos ordinarios correspondentes?

Non, só tivemos o de abril, e de maneira telemática.

E Como valoras ese pleno telemático ?

Só tiña un punto na orde do día, que era o coronavirus. Practicamente foi un monólogo da alcaldesa. É certo que nos deixo intervir aos voceiros, pero case foi un monólogo dela.

Por que motivo non asististes ás dúas concentracións exteriores de voceiros municipais , unha no concello e outra no pazo que supostamente tiñan a intención de homenaxear ás traballadoras do SAF, unha, e ás persoas falecidas a causa da enfermidade a outra?

Porque nós por ser cargos públicos non temos porque ter privilexios diferentes ao resto da sociedade. E se toda a veciñanza ten a obriga de respectar de maneira cívica as normas de illamento social, que ditaron as autoridades sanitarias, nós debemos facelo tamén. Que sentido ten, que as persoas homenaxeadas non poidan estar presentes, refírome ás traballadoras do SAF, e estea a alcaldesa e os voceiros municipais aplaudindo a quen non está presente?. É realmente absurdo, e a única interpretación posible é que o realmente se persiga sexa a foto, a propaganda e a publicidade.

Permíteme por favor recorrer á filosofía e citar a Kant, que explicaba moito mellor ca min este tipo de cousas:” A moralidade dun acto, non depende do contido do acto, senón da vontade de quen o executa” .E a moralidade de facer unha homenaxe a quen non pode estar presente para recibila, no BNG non a vemos por ningunha parte. Os grupos da oposición que asistiron a modo de comparsas , terán, se queren claro, que explicar os seus motivos.

Esta crise espantosa ás veces pode servir para agochar outras realidades que tamén son transcendentes, por exemplo , como vai o tema do proxecto do Celta ao xuízo do BNG?

Si, estou de acordo, ás veces esta crise parece que tamén ten efectos nocivos para a convivencia democrática, e ben, tamén axuda a retratar o verdadeiro talante de algúns e algunhas. Fíxate ;de todos os escritos que metín no concello, só me contestou a tres, e esencialmente as súas respostas foron recriminacións á miña persoa. É dicir, a alcaldesa utiliza a pandemia vírica para apagar a democracia.

E no que se refire ao tema do celta, o informe negativo da confederación Hidrográfica leva no concello desde hai máis un mes. Nós soubemos da súa chegada dúas semanas despois de telo recibido.

Como é ese informe?

É contrario ao proxecto, e cuns argumentos demoledores que en boa medida dan a razón ao informe que previamente fixeran as traídas de augas.

Finalmente a denuncia contra unha serie de veciños a raíz daquel acto no multiusos das Pozas, curiosamente moitos deles con implicación coñecida contra a construción dun centro comercial en Tameiga, quedou en nada?

Si, fixeron unha especie de demanda colectiva contra practicamente todos os que teñen unha posición pública contraria ao centro comercial acusándoos dunha serie de barbaridades alucinantes. Afortunadamente a xustiza puxo a quen denunciou no seu sitio, e desestimou a denuncia.

Como valoras a situación económica do Concello?

Levamos dous anos consecutivos co remanente negativo de tesourería. Nos dous primeiros meses deste ano aprobamos un recoñecemento extraordinario de crédito para pagar facturas de anos anteriores en máis dun millón e medio de €.

Aprobou a maioría absoluta do PP, supoño?

Si claro, nós abstivémonos por responsabilidade porque entendemos que os pequenos provedores deben de cobrar, pero a xestión e nefasta. Por exemplo na festa da Rosa 2.018 dun orzamento de 15.000€, acabáronse gastando 40.000€.En moitas ocasións os gastos innecesarios duplícanse e ata triplícanse. Outro exemplo; por que ten que pagar o Concello un autobús do LAR que foi á inauguración da primeira pedra do Celta?, Outro caso máis de despilfarro, a rotonda SOMOS MOS en Sanguiñeda, semella que queremos parecernos a Abel Caballero, pero claro aquí non podemos por millóns de luces…

Rematamos Gustavo, como vai a saúde interna do BNG de Mos?

Eu creo que é un reflexo da saúde global do Bloque; moi boa. A xente percibe que somos unha organización seria, honesta e coherente. Estamos moi fortes, e algo que me ilusiona substancialmente é que mozos e mozas de Mos estanse achegando continuamente ao BNG.