Gonzalo caballero: “A nosa aposta: máis estado de benestar, máis sanidade pública, e unha política de reconstrución de Galicia”

Gonzalo Caballero PSdG A Nova Peneira

Gonzalo Caballero é o Secretario Xeral do PSdG, e o candidato á presidencia da Xunta por ese partido. Mantivemos unha longa conversa con el sobre a situación sanitaria e social, e sobre as inminentes eleccións autonómicas. Velaí vai o que deu de si

“AO MARXE DE CALQUERA CITA ELECTORAL O PSdG TEN MOI CLARA A SÚA APOSTA:MÁIS ESTADO DE BENESTAR, MÁIS SANIDADE PÚBLICA, E UNHA POLÍTICA DE RECONSTRUCIÓN DE GALICIA PARA IMPULSAR A POSICIÓN DE TODAS E CADA UNHA DAS PERSOAS”

Estou Falando co próximo presidente da Xunta?

Neste momento , a miña prioridade é a loita contra a crise sanitaria e social, que desprazou a cuestión electoral do primeiro plano da nosa axenda. Cando adiamos as eleccións de abril, os partidos en Galicia chegamos a un acordo para que, cando a situación sanitaria o permitise, buscar o mellor momento para volver convocar as eleccións.

Porén, a sensación que transmite o presidente da Xunta é que el non está nesa chave. O seu modus operandi estas semanas non distaba moito do ton de precampaña, e todo parece indicar que vai convocar as eleccións de maneira inminente, fálase do mes de Xullo

Efectivamente, dá a impresión de que Feijoo é o único galego que está máis preocupado das eleccións que da loita contra a pandemia vírica. Nestes dous meses de estado de alarma compareceu 26 veces en rolda de prensa retransmitidas pola TVG, e só en dúas no parlamento.

Xa, pero se nos situamos na hipótese que semella máis verosímil e temos eleccións en Xullo?

Nós chegamos a un acordo moi importante, que posibilitou adiar as eleccións, e que permitiu centrar a acción política, no que debe estar centrada nestes momentos, que é a loita contra a crise sanitaria e as consecuencias que dela se derivan. Se Feijoo quere rachar ese acordo de maneira unilateral terá que dar á sociedade galega as explicacións oportunas. Desde logo que nós somos unha organización seria, cunha longa e acreditada tradición democrática, e que concorreremos ás eleccións cando se convoquen e coa vontade firme de obter o respaldo maioritario da sociedade galega.

E ti cando crees que se deberan convocar?

Cando os criterios científicos o aconsellen. Ningún estudo epidemiolóxico di que habería menos risco en xullo ca en setembro, pero semella que Feijoo está moi preocupado polo resultado dos comicios e procura buscar unha data na que el pense que lle poida ir mellor. O que parece evidente é que cantas máis semanas pasen sen rebrotes o ambiente será cada vez máis normal.

Ese acordo que mencionabas foi respectado polo actual presidente no que se refire ás relacións cos grupos de oposición?

Foi un acordo excepcional, que permitiu a Feijoo seguir sendo presidente nun escenario aestatutario e aconstitucional . A partires de aí Feijoo escapou do parlamento, e efectivamente atopámonos certos tics autoritarios de Feijoo.

Falemos da crise sanitaria: Valora a xestión do goberno do estado nos seguintes eidos:

No eido sanitario:?

As competencias sanitarias están transferidas ás comunidades autónomas. Neste tempo de estado de alarma, o goberno decretou o mando único, que permitiu coordinar a resposta á emerxencia sanitaria, dunha forma razoable.

No eido económico?

A diferenza doutras crises xestionadas pola dereita , o goberno xerou un escudo protector para os segmentos de poboación que máis o precisan. En Galicia máis de 200.000 traballadoras e traballadores atoparon protección nos ERTES.58.000 autónomos de Galicia, por primeira vez na historia tiveron unha prestación extraordinaria para axudalos a resistir a crise .Facilitouse que un volume maior de traballadoras e traballadores puidesen acceder aos subsidios de desemprego, e aumentáronse os fondos para políticas sociais das comunidades autónomas. O compromiso deste goberno coa protección das persoas, creo que non se pode cuestionar.

No eido das liberdades públicas? Percibes algún perigo de regresión?

Ben , eu creo que o estado de alarma foi fundamental no combate contra a pandemia. A súa finalidade non foi en absoluto restrinxir ningún tipo de liberdade, senón para coidar da saúde pública. É que é de sentido común, canto menor sexa o contacto social, menos posibilidades terá un infectado de contaxiar aos demais. O que ten graza é a demagoxia coa que os que sempre foron inimigos das liberdades, a dereita, ou como pouco chegaron tarde , falan de restrición de liberdades. Non hai ningún perigo, cando volvamos á normalidade, todas as liberdades serán restituídas plenamente.

Que é a “nova normalidade” da que fala Pedro Sánchez?

Refírese ás novas formas de relación social, con distancias e todo tipo de precaucións hixiénico sanitarias que deberemos manter e que son distintas ás que normalmente mantiñamos antes da aparición da pandemia.

Ten o goberno de España algunha intención de limitar o ámbito competencial das comunidades autónomas?

Non, claro que non. De forma excepcional e extraordinaria durante esta crise o estado de alarma limitou certas competencias, eu creo que foi algo necesario nesta situación, pero a medida que poidamos ir volvendo á normalidade, o noso compromiso co estado das autonomía é absoluto.

A oposición do PP ao goberno do estado é tan brutal como parece?

O comportamento da dereita española é enormemente irresponsable nesta crise. Están nunha estratexia de competición polo electorado da ultradereita. Algo que ao meu xuízo os afasta do sentir maioritario da cidadanía. Non achegan ningunha solución, e só crean problemas. Probablemente hai sectores reaccionarios que non asumiron o resultado electoral do 2.019 e aproveitan a situación sanitaria para tratar de chegar ao goberno. En calquera caso eu creo que esa maneira de facer política é errada e que non lles vai levar a nada.

A actitude construtiva e leal que os socialistas reclamades á dereita española, podes afirmar que a mantiveches ti co goberno da Xunta?

Eu creo que en Galicia a oposición mantivo un comportamento moi leal, desde o primeiro momento, en que permitimos que Feijoo seguise como presidente do goberno despois do 5 de abril e tendémoslle a man en todas as decisións importantes. Feijoo preferiu unha estratexia personalista, seguindo as liñas de confrontación que adoptou Casado, sen atender as súas competencias, nas que hai verdadeiros problemas.

Que pasa no interior das residencias de maiores, en Galicia?

A día de hoxe os dous focos principais de contaxio están nas residencias de maiores e nos profesionais sanitarios. As dúas competencias da Xunta de Galicia. Feijoo tivo o descaro de dicir en sede parlamentar que el se anticipara á chegada do virus, e eu pregúntolle; por que entón non illou as residencias de maiores onde faleceron gran cantidade das persoas que perderon a vida polo coronavirus en Galicia?, por que non interveu residencias nas que houbo contaxios masivos?. Canto máis di que se anticipou, máis responsable se fai do desastre de xestión.

Por desgraza optaron por un modelo privatizador das residencias, nas que non había controis, e carecía dun sistema de punición cando as inspeccións podían detectar algún problema nas residencias privadas. A maiores a opacidade informativa é significativa, aínda a día de hoxe nin coñecemos polo miúdo os datos precisos do que aconteceu nas residencias.

O que ti cualificas como desastre de xestión no que se refire ás residencias de maiores, esténdese á política sanitaria global da Xunta?

Durante 11 anos de goberno o PP recortou os orzamentos da sanidade pública, recortou a atención primaria, o propio conselleiro de sanidade chegou a dicir que as camas eran moi importantes nos hoteis pero non nos hospitais. E toda a política sanitaria da Xunta fixo que chegásemos a esta crise cun sistema sanitario moito máis debilitado. Incluso, os profesionais sanitarios chegaron a carecer de equipos de protección suficientes e adecuados. Nós pedímoslle ao presidente que contratase a todo o persoal sanitario dispoñible de forma estable, e el negouse a facelo. Pedímoslle que apostase claramente por intervir todas as residencias de maiores e tamén se negou a facelo.

Viches a entrevista que lle fixeron a Marcial Dorado?

Si.

E como a valoras?

Ben, Feijoo mantivo unha relación cun dos capos do narcotráfico máis importantes de Europa, entre 1994 e o 2000 ou 2001, cando xa pasara a operación Nécora, cando xa existía o masivo movemento das nais que loitaban contra o narcotráfico, e cando todo o mundo sabía ao que se dedicaba ese señor. Feijoo mentiu cando dixo que mantivera unha relación con el sen saber quen era Marcial Dorado, porque no propio programa de Evole amósase como ata o ano 94 nun dos xornais de maior difusión de Galicia, ata en 66 ocasións, se reflectira a relación de Marcial Dorado co narcotráfico e co contrabando de tabaco.

Feijoo débelle unha explicación veraz a este país, porque nunha sociedade democrática non se permitiría que un presidente dun goberno mentise sobre unha relación que tivo cun capo do narcotráfico que tiña 70 millóns de € en contas en distintos paraísos fiscais

Dous sectores que quedan especialmente tocados por mor desta crise son o sector cultural e o turístico. Que propostas ten o PSdG para axudalos?

A Xunta fala dun plan de reactivación único para ambos sectores. E nós pensamos que sería máis oportuno facer un plan propio para cada un. É necesario establecer un diálogo fecundo cos representantes de cada sector , e mobilizar todos os recursos posibles da Xunta. Nós apostamos por un gran acordo en chave de país, que no ámbito temporal 2.020-2.021 mobilice arredor de 2.500 millóns de € de fondos públicos.

Esta mesma semana reuninme cos organizadores de distintos festivais de cinema, e eles séntense abandonados polo modelo cultural da Xunta,.

No que se refire ao sector do turismo, A Xunta xa debera ter deseñado un plan de axudas directas para autónomos e hostaleiros como se fixo noutras comunidades, pero lamentablemente Feijoo decidiu nin mobilizar fondos nin darlles respaldo. Atender a ambos sectores é unha liña de acción prioritaria para nós.

Sexa en xullo sexa en setembro ou cando sexan, a non ser que exista unha situación de rebrote vírica , pronto teremos eleccións. Por que debería, a sociedade galega, confiar no proxecto que vas encabezar ti?

Nós creemos nun proxecto de país cun modelo de sanidade pública con máis profesionais, con contratos estables, con máis recursos, cunha aposta decidida pola atención primaria, e en paralelo facer un gran proxecto de reconstrución de Galicia cunha liña económica moi potente que permita apoiar ás empresas, aos autónomos e aos traballadores. En definitiva, porque me comprometo a realizar unha reconstrución que que acompañe á cidadanía e que manteña en Galicia un importante escudo de protección social. Ao marxe de calquera cita electoral o PSGG ten moi clara a súa aposta: máis estado de benestar, máis sanidade pública universal e gratuíta, e unha política adecuada de reconstrución para impulsar a posición da cidadanía despois da crise.

Rematamos Gonzalo, en febreiro do ano próximo teremos a IV edición da nosa gala, agardo que nos poidas acompañar?

Ben, malia que falta moito tempo, desde logo que se podo alí estarei.