A tradición oral na Illa de Ons

A Tradición oral na illa de Ons A Nova Peneira

Achegamento á obra de Staffan Mörling, o sueco namorado do mar

Kike Estevez Artigo de opinión A Nova Peneira
Kike Estévez

Hai uns poucos días acordabamos coa triste nova do falecemento do etnólogo e antropólogo sueco Staffan Mörling (1936-2020), que tan ben describiu as nosas costas e o noso mundo marítimo en obras de referencia como As embarcacións tradicionais de Galicia (1989) ou Lanchas e dornas. A estabilidade cultural e a morfoloxía das embarcacións na costa occidental de Galicia (2005). Dende Ribadeo ata Tui, pasando por Malpica ou a costa do Morrazo, o investigador sueco ficou namorado da nosa cultura do mar, da que daría unha inxente cantidade de descricións e informacións acadadas nun momento en que aínda sobrevivían as comunidades mariñeiras tradicionais galegas, a mediados do século pasado. Pero se hai un lugar que describiu con máximo detalle, tanto nos seus costumes coma na vida da súa veciñanza, ese foi a Illa de Ons, onde se achegou nunha das súas primeiras viaxes, durante o outono do ano 1964, grazas a unha bolsa do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Entre os seus traballos máis salientables relacionados coa Illa e o seu pobo está “Alá no medio do mar. A comunidade da Illa de Ons“, co-escrito coa inestimable axuda da súa muller, Josefa Otero Patiño, nativa da illa e parella de Staffan desde o ano seguinte á súa chegada á Illa (1965). De entre a múltiple e interesantísima información recollida neste libro, destaca a relacionada co modo de vivir desta comunidade tradicional que foi a da illa de Ons, e que se iría esfiañando co paso do século XX. Festas, tradicións, costumes e demais sabedorías relacionadas coa vida tradicional labrega e, sobre todo, mariñeira, foron descritas por este sueco/galego neste e noutros traballos que deixou como herdanza para a Antropoloxía do noso país.

En canto á tradición oral predominante na Illa e que se recolle no antedito traballo destaca a composición de romances que segundo lle contaron “[…] eran coma novelas, que se compraban en Bueu nunha especie de cartilla ou libriño; chamábanse historias de cegos pero eran historias feitas por outros […]”. Unha curiosidade da “performance” destes romances na Illa era que se adoitaban representar dunha maneira dramática, pois mentres alguén se encargaba do recitado, outra persoa ía debuxando (ou facíao antes) nunha lousa as accións que se sucedían, coma nunha novela gráfica, dándolle maior verosimilitude e propiciando a emoción dos presentes cando canto e imaxe coincidían no relato romanceado.


Catrúas
viña po mar
Estreou
unha tarteira
Púxose
a comer nas xoubas
Embarrancou
a Borneira”

Versos de Antonio Muñiz, nativo das Ons (“Alá no medio do mar. A comunidade da Illa de Ons” 2013)


Outra das manifestacións orais cotiás da que nos dan conta Mörling e Josefa neste excepcional traballo era o canto, que as máis das veces se compuña de xeito improvisado. As angueiras comunais, os momentos de espera no campo coas bestas, as festas ou calquera outra reunión conmemorativa eran propicias para o canto, que moitas persoas eran quen de compoñer ou de improvisar no momento con temática propia relativa a sucesos ou membros da comunidade. De feito, no libro fálase dos versos de Antonio Muñiz sobre un patrón de pesca da Illa coñecido co nome de Catrúas, ou dun tal Cachote, que improvisaba as súas coplas en castelán. Así e todo, Mörling comenta que á maioría dest@s creador@s lle resultaba “natural darlle saída en galego a este sentimento espontáneo”.

A Tradición oral na illa de Ons A Nova Peneira

Saín
da Illa con calma
No
medio do mar varei
Dime,
ti, miña rapaza
Cantas
horas che botei”

Cantiga anónima improvisada (“Alá no medio do mar. A comunidade da Illa de Ons” 2013)


Para cantar, hai que nacer de berce”, dicía unha señora nas Ons naquela primeira estancia do Staffan na Illa, aló polos anos sesenta do século pasado. Daquela, era habitual que a afección polo canto pasase de xeración en xeración entre as familias da comunidade, dándolle continuidade dese xeito a unha maneira de vivir, de facer comunidade, de entender e comunicar cantando, en definitiva, a súa propia realidade. Así era o caso de Manuela, cantadora senlleira da casa de Cambados, no barrio de Pereiró; casada con Xirome, “chegado de Carreira e ao que lle gustraba improvisar coplas”. Os homes cantaban nas vodas e na festa da Illa, nas tabernas, no Entroido ou en calquera esmorga que se prolongase “ata saír o sol”.

A Tradición oral na illa de Ons A Nova Peneira

Mais, sobre todo, Staffan cóntanos nas súas obras a especial capacidade das mulleres da Illa para o canto, o baile e o toque de pandeireta. Segundo recolle no seu traballo de investigación “elas eran as que facían a festa, tocando e cantando coas pandeiretas”. Ben fose nun serán, nunha foliada festeira ou nas tarefas agrícolas ou mariñeiras do día a día, as mulleres da Illa daban renda solta á súa faceta de cantadoras. Así era o caso de Basilia e Esther, veciñas que estando coas vacas no monte intercambiaban cantigas coa señora Serafina; ampliando así o seu repertorio co paso dos anos.

Vaia desde estas humildes páxinas, o noso recoñecemento a un dos maiores investigadores do ethos e do pathos da nosa comunidade tradicional mariñeira e labrega. Que a terra che sexa leve, Staffan Mörling. Ninguén volverá namorarse do noso mar coma ti o fixeches.


As
mozas de alá arriba
Todas
xuntas nun convento
As
gavotas ventan chuvia
E
os galomariños vento”

Cantiga de desafío nas vodas da Illa (“Alá no medio do mar. A comunidade da Illa de Ons” 2013)


Primer comentario

Deixa a túa opinión