Antón Gómez Reino SX de Podemos Galicia e candidato á presidencia da xunta pola coalición Galicia en Común

Gómez Reino A Nova Peneira

Antón é SX de Podemos Galicia, deputado en Madrid e candidato á presidencia da Xunta por Galicia en Común. Por vez primeira, achégase ás nosas páxinas. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa:

“ ALGUÉN PODE LEMBRAR UNHA SOA MEDIDA DE FEIJOO QUE CONTRIBUIRA A CREAR EMPREGO?”

– Cóntanos de maneira sintética o máis relevante da túa historia persoal. De onde es ti, e cal foi a túa andaina ata chegar a ser o candidato á Xunta ,de Galicia en Común?

Eu nacín en Madrid, pero crecín en A Coruña. Desde a mocidade estiven vinculado ao activismo social e coa defensa dos dereitos civís, o medio ambiente e a xustiza social. Participei nos movementos que deron orixe ás mareas municipalistas, e a principios do ano 2014 asinei o manifesto Mover Ficha, que desembocou na fundación de Podemos. Desde aí, contribuín á estruturación do espazo político que deu lugar a Galicia en Común.

– Para quen non o coñeza, explícanos que é Galicia en Común?

Galicia en Común é a ferramenta política dese espazo sociopolítico que reclama en Galicia a reformulación do sistema para crear unha sociedade máis xusta, igualitaria e solidaria.

– Ti malia seres SX de Podemos Galicia es deputado en Madrid . Que lle dirías a quen considere que non tes conexión suficiente coas problemáticas específicas da realidade galega?

Non hai incompatibilidade ningunha entre ser deputado e ter coñecemento dos problemas concretos e reais de Galicia. Todos os deputados e deputadas galegas no Congreso sono por unha provincia concreta. Ao contrario, coñecer a problemática específica da realidade galega é o que me permite levar ao Congreso propostas de solucións concretas a eses problemas.

– En calquera escenario posible no que vos sitúe o resultado das eleccións galegas, vas ser deputado autonómico?

Por suposto. Si.

– Se a aritmética parlamentaria fai que Feijoo perda a maioría absoluta, todo indica que a conformación dunha maioría alternativa só poderá resultar dun pacto a tres de GC co BNG e co PSdG. Se nos situamos nesa hipótese a vontade de pacto de GC é inequívoca?

Galicia en Común-Anova Mareas é unha coalición de partidos e mareas que nace precisamente desa vontade de acordo. A nosa intención é que o noso proxecto político acade o apoio maioritario da sociedade galega. Pero a vontade de pacto e de acordo coas forzas progresistas é, como ti dis, inequívoca

– Cando pensas que poidan ser as eleccións galegas e cando consideras que deberan ser?

As eleccións galegas só deberían celebrarse cando existiran garantías sanitarias de que non van contribuír a un rebrote da epidemia, e a cando existiran garantías de que tanto a campaña electoral como as votacións e os recontos se poden efectuar en condicións de normalidade democrática. Por desgracia, vanse celebrar cando lle convén ao interese partidista de Alberto Núñez Feijóo.

– Cales son as propostas concretas de Galicia en Común para combater as problemáticas máis importantes que padece a Galicia Rural; o despoboamento e a falta de recursos e servizos para poder desenvolver un proxecto vital?

Por suposto que forman parte do mesmo problema e dunha mesma raíz: a posibilidade de vivir vidas dignas e de calidade no rural Se queremos un rural vivo, un rural no que as nosas mozas e mozas queiran e poidan desenvolver as súas vidas temos que garantir a igualdade de oportunidades. E iso pasa en primeiro lugar por falar de equidade nos servizos, nomeadamente en sanidade e mobilidade, onde arrastramos décadas de abandono e de desleixo. Temos recente o exemplo do que aconteceu en Verín ou o que ven acontecendo co Plan de Transporte para Galicia. Abonda xa dunha Galicia a dúas velocidades, dunha cidadanía de primeira e de segunda.

Cando se fala da Galicia rural e envellecida desde a Xunta de Galicia se veñen facendo propostas mais vinculadas á natalidade que a dotar de servizos necesarios e dignos as zonas rurais. O obxectivo para abordar a situación destas zonas ten que vir da man de que as persoas valoren a calidade de vida que nelas se debe ofrecer e ten que ser así para persoas de todas as idades, non se pode vender a estratexia de facer atractiva a vida no rural de perfiles moi concretos de mocidade emprendedora ou vinculada ao sector primario sen que, asemade, non haxa oportunidades e unha vida digna para as persoas maiores, para os nenos e as nenas e mozos e mozas ou para outras persoas que se dedican a outros sectores produtivos.

Polo tanto temos que falar de creación de  emprego, de abrir oportunidades económicas no rural. Neste sentido é fundamental facer unha aposta decidida polas nosas potencialidades. A protección do medio ambiente e do territorio, a defensa do noso patrimonio histórico e cultural, a aposta polos nosos recursos naturais como a paisaxe, a auga e o vento, como forma de buscar novas vías para a xeración de riqueza e corrixir as desigualdades territoriais.

E por suposto, a formación, a investigación e o asesoramento públicos son imprescindibles para o desenvolvemento de sectores esenciais como o agrario e o forestal. Precisamos un cambio de modelo produtivo das explotacións gandeiras, o recoñecemento e profesionalización das actividades realizadas polas mulleres e a incorporación de mozas e mozos á actividade agroforestal. Do contrario, o empobrecemento da Galicia interior será inevitable.

O sector dos coidados é un dos xeradores tamén de emprego e de calidade de vida para un territorio como o noso, falamos de coidados cando falamos de poñer en valor o noso medio e á nosa xente, poder educar ás nosas crianzas na zona, atender ás nosas maiores, ter recursos comunitarios que axuden ás persoas a conciliar e a desfrutar de ofertas culturais e de ocio fronte aos modelos centralizadores urbanos, recursos sanitarios de calidade e artellados para dar servizos a todo o territorio sen discriminar a niguén co modelo baseado nos criterios meramente económicos. Precisanse recursos de calidade e de proximidade, pensados cunha visión de país en rede para non deixar a ninguén atrás nin lonxe.

En canto a medidas concretas, temos un programa moi completo e moi traballado no ámbito do rural. É difícil sintetizar pero tentarei trasladar algunhas medidas concretas centradas neste aspecto: como facer que o noso rural sexa un lugar atractivo para que mozas e mozos poidan quedar e incluso trasladarse a vivir no rural.

Cómpre reorientar os fondos europeos e destinalos a fomentar unha nova política social, agraria e rural, centrándonos nas persoas como motores de cambio, estimulando e apoiando novas iniciativas baseadas na sustentabilidade social, económica e ambiental no mundo rural. Achegar novos servizos vinculados a estes sectores, favorecelos con programas integrais e dotados tamén de investimentos tecnolóxicos e de investigación.

Todo isto sumado a unha aposta pola mobilidade, como a gratuidade da AP9 entre Vigo e Redondela que debera terse liberado hai moitos anos, e a súa recuperación para o público, é unha cuestión de xustiza, e asemade beneficioso para o desenvolvemento social e económico da comarca, e debe ser executado canto antes, esa é a nosa posición dentro do Goberno do Estado, que é onde residen de maneira anómala, baixo o noso punto de vista, as competencias da que é a principal vía de comunicación galega, e polo tanto, fundamental para o noso desenvolvemento como país.


– Os datos do IGE(instituto galego de estatística) sobre a saúde do idioma galego son moi preocupantes. Cal é a túa posición sobre a política lingüística da Xunta?, e cal é a túa opinión sobre a que se debera desenvolver?

Son moi preocupantes os do IGE e sono todos. Informes da Unión Europea, ou mesmo a propia Academia galega sinala directamente á escola como un axente desgaleguizador. Para nós todos os datos que alertan, ano tras ano, da perda de falantes, sobre todo nas faixas máis novas de idade son o resultado claro da nefasta política lingüística de Feijóo. Neste senso a nosa proposta é unha emenda á totalidade, comezando, de forma urxente pola derrogación inmediata do decretazo contra o galego. Unha norma que alertamos dende o primeiro momento que ía danar directamente a saúde do noso idioma. Dende Galicia en Común queremos volver á senda do consenso lingüístico que fíxate, fomos quen de acadar ata co goberno Fraga no marco do plan de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) de 2004. Toca volver a un novo consenso lingüístico que abandone a senda equivocada do plurilingüismo que se veu aplicando nestes últimos anos e facer da escola un verdadeiro axente de promoción do noso idioma. A defensa da lingua ten que ser unha prioridade, en canto parte do que somos e en canto á necesidade de garantir un dereito fundamental como é o de vivir na lingua propia, por iso pensamos que política linguïstica deberá ter un rango fundamental na composición do executivo. Velaremos pola galeguización da administración, a promoción nos medios de comunicación, reforzaremos a produción de contidos educativos e científicos no noso idioma. E , ao mesmo tempo, traballaremos para desenvolvemento normativo da Lei Paz Andrade, que semella esquecida nun caixón. Isto é, favoreceremos os vínculos da nosa lingua co mundo da lusofonía con medidas como a introdución do ensino da lingua portuguesa en todos os niveis educativos.

– Cada vez que collo a AP9 entre Redondela e Vigo, paréceme unha enorme inxustiza pagar os 0,95€ desa peaxe. Para cando a gratuidade?

A gratuidade da AP9 entre Vigo e Redondela debera terse liberado hai moitos anos, é unha cuestión de xustiza, pero ademáis é beneficioso para o desenvolvemento social e económico da comarca, e debe ser executada canto antes, esa é a nosa posición dentro do Goberno do Estado, que é onde residen de maneira anómala, baixo o noso punto de vista, as competencias da que é a principal vía de comunicación galega, e polo tanto, fundamental para o noso desenvolvemento como país.

Máis non so, a transferencia a Galicia e sobre todo a recuperación para o público desta autoestrada na súa totalidade sempre estivo e segue estando entre as nosas prioridades, debemos rematar con esta estafa que supuxo a privatización a prezo amigo desta autoestrada por parte de Aznar que pretende hipoteca o noso desenvolvento socia e económico ata o 2048.

– O deputado de Galicia en Común, e voceiro de Anova, Antón Sánchez implicouse de maneira activa na loita contra o proxecto do Celta nos montes de Mos. Imaxino que a túa posición será a mesma?. Se é así que se debería facer para evitar que se concrete?.

Si, por suposto que é a mesma postura que a do compañeiro Antón Sánchez a quen cómpre agradecer a gran labor realizada en defensa do noso territorio e nomeadamente neste caso, no que fixo un gran traballo. A nosa postura é absolutamente contraria a este proxecto.

Gustaríame, antes de nada, trasladar unha reflexión sobre o modelo económico que representa este tipo de proxectos, que entendemos é un modelo caduco e superado. Despois das prácticas que desembocaron na grave crise do 2008, e das súas graves consecuencias económicas a nivel mundial, deberamos ter a lección aprendida. Por iso non deberan ter cabida no noso país a cultura do pelotazo urbanístico, nin as recualificacións de terreos relacionados con clubs de fútbol. E tampouco apoiamos o modelo de construción de macro centros comerciais que rematan afogando a vida comercial das comarcas afectadas e que non revirten os seus beneficios na economía local.

Entendemos, en definitiva, que a modificación puntual do PXOM para dar vía libre á construción en 800.000 metros cadrados que hoxe son de protección forestal, a cambio de destrozar o monte comunal da Tameiga é un exemplo claro de agresión ambiental en nome dos beneficios económicos duns poucos. 

Que facer para evitalo? En primeiro lugar a presión cidadá está a ser fundamental e exemplar. Lévase feito un traballo ímprobo dende a sociedade civil para opoñerse a este proxecto e para sensibilizar á sociedade galega da súa existencia. 
E, por suposto, dende as administracións públicas o que toca é escoitar estas demandas. É necesario dar resposta ás máis de 5000 alegacións presentadas en contra do proxecto, e que teñen como base, reclamacións de carácter medioambiental, paisaxístico, de afección aos recursos hídricos e de afección ao patrimonio cultural e de ámbito urbanístico. Así como atender os informes técnicos independentes existentes que falan de incoherencias e  omisións relevantes no documento do Estudo Ambiental Estratéxico da M.P. do PXOM de Mos.

– Hai un par de anos, Galicia padeceu unha arrepiante vaga de lumes. Como valoras a política forestal da Xunta?, e cales son as propostas concretas De Galicia en Común ao respecto?

Cando falamos de lumes e políticas forestais falamos dun dos maiores dramas sociais, económicos e medioambientáis de Galicia, que levamos arrastrando dende hai moitísimos anos porque uns poucos se están enriquecendo a costa de prexudicar ó conxunto do País.

As políticas forestais en Galicia están ditadas polos lobbies madereiros e pasteiros, onde Ence e as portas xiratorias do PP teñen moito que dicir, e polo tanto temos o modelo forestal e de uso do monte que beneficia ós seus accionistas.

Galicia debe ordenar o seu territorio dende unha visión máis social e medioambiental, que asemade tamén dinamice a nosa economía, pois o monte galego debe ser fundamental na construción do noso modelo produtivo. Precisamos, como din todos os expertos, apostar pola multifuncionalidade do uso do monte e reducir os monocultivos de Eucalipto e Piñeiros. É necesario tamén actuar fronte as especies invasoras que están sendo un problema para a conservación dos nosos ecosistemas e a nosa biodiversidade, e debemos pensar no reparto da riqueza saída da explotación dos recursos do monte, tanto no eido forestal, apostando por madeiras autóctonas con valor engadido, no eido da silvicultura, gandeiría, do ocio ou das enerxías renovables. Levamos anos agardando a que a Xunta saque do caixón o Mapa de Solos ou as Directrices da Paisaxe, que son dúas ferramentas prioritarias para ordenar o noso territorio, e que poremos ó servicio de Galicia se o próximo 12 de Xullo dan os números para impulsar un goberno de coalición progresista.

– O estaleiro Vulcano, está definitivamente perdido, ou consideras algunha posibilidade de recuperalo?

En primeiro lugar quero enviar, unha vez máis, o noso apoio aos traballadores de Vulcano e ás súas familias que levan meses de loitas tratando de evitar a perda dun estaleiro centenario do noso país. Advertimos moitas veces de que a Xunta de Galicia, con competencias plenas en materia industrial, tiña que actuar para impedir que se perdera esta unidade produtiva e con ela os postos de traballo en xogo. Dixemos que había que involucrarse activamente na busca de inversos e frear calquera tipo de interese especulativo que impedira a continuidade dun proxecto industrial nos seus terreos. Como en cada un dos problemas que temos visto deste tipo nos últimos anos, a consellería de industria, o goberno galego estiveron absolutamente ausentes. Sen dar ningún tipo de resposta nin poñer nada da súa man para evitar o peche. O final lamentablemente é o coñecido por todos. A liquidación da empresa. Agora ben, aínda estamos a tempo de reverter a situación e garantir os postos de traballo cun proxecto novo. O proxecto de Vicalsa leva dende decembro sobre a mesa agardando o visto bo. Unha vez que ata a xustiza se manifestou dando luz verde á continuidade de uso naval dos terreos o goberno galego non ten máis escusas para actuar. Hai proxecto, hai inversor e quedaron atrás as dúbidas que algúns interesados promoveron sobre os terreos, polo tanto é o momento de que o goberno galego se implique realmente neste asunto para facilitar a reactivación do estaleiro, máxime nun momento coma este no que non podemos permitirnos desaproveitar capacidade industrial nin postos de traballo de calidade.

– E á crise de Barreras semella que se lle puxo un parche, pero non a solución. Que propón Galicia en Común para evitar que a medio prazo Barreras estea na mesma situación que Vulcano?

O que fai falla é que a política naval sexa algo máis que anuncios estratéxicos en prime timeque derivan en casos de corrupción. Por suposto falar de Barreras e a xestión do goberno galego obrigaría a falar dos seus vínculos cos directivos de PEMEX prófugos da xustiza, asunto sobre o que o señor Feijóo non deu as explicacións pertinentes.

En todo caso, voume centrar no que debemos facer, nas nosas propostas. En Galicia en Común pensamos que a consideración dun sector estratéxico ten que traducirse en apoio e compromiso directo. Cómpre lembrar que falamos dun sector fundamental na nosa economía e particularmente no noso tecido industrial. Un sector que xera mais de 10.000 empregos industriais directos, outros 25.000 empregos indirectos e preto de 2.000 millóns de € anuais de facturación, que supoñen aproximadamente o 3,3% do PIB galego. Un sector cunha grande importancia para o emprego, e que xera valor engadido. E é, por suposto, un sector que demanda cantidades grandes de recursos e implicación directa das administracións públicas. Por isto propoñemos:

Unha dotación orzamentaria de axudas á instalación de empresas auxiliares e ao desenvolvemento e a innovación de empresas privadas no sector naval nas comarcas onde opera a industria naval pública para favorecer a creación de sinerxias.

– A construción dunha vez por todas do dique seco en Ferrol.

-Aumentar a oferta formativa de xeito que se garanta man de obra especializada.

– A convocatoria inmediata da mesa do naval, tal e como vén reclamando o sector nos últimos anos sen que o goberno galego quixera atender dita petición.

– Cal é a túa posición sobre a continuidade de Ence na ría de Pontevedra

Sempre fomos moi claros con esta cuestión, hai unha obviedade, que ademáis conta co consenso de todo o mundo, a fábrica non debera estar situada nese emprazamento, mesmo o PP levou o seu traslado no programa en anos pasados, polo tanto é nesa dirección na que hai que actuar dende a administración.

O problema é que cando falamos de Ence falamos do caso máis sangrante de portas xiratorias do PP en Galicia, esa forma de corrupción legalizada, e eses intereses, alleos ó interese xeral son os que están dificultando a retirada da fábrica da Ría de Pontevedra.

A actual prórroga a custe cero por 60 anos máis outorgada por Rajoy cun goberno en funcións pretende hipotecar o futuro da Ría de Pontevedra 60 anos máis está chea de anomalías, e é por ese motivo que existe un proceso xudicial en marcha, que haberá que ver como remata.

O futuro modelo produtivo vencellado á da Ría de Pontevedra debe ser o da explotación sustentable dos seus recursos no eido do marisqueo, da pesca e do turismo responsable e sustentable. E para iso precisamos acometer a recuperación integral da ría e da súa riqueza natural.

– Ti, fixeches público que padeciches o COVID 19, e desde logo que me alegro moito de que esteas plenamente recuperado. Algunha mensaxe en positivo para quen a estea a padecer neste momento?

Quero expresar á miña gratitude a todas as galegas e galegos polo exemplo cívico que teñen dado durante a emerxencia sanitaria. E en especial aos traballadores sociosanitarios, ás forzas de seguridade e protección civil e ás persoas que traballan na cadea de produción e distribución de alimentos, desde os agricultores e gandeiros aos dependentes de supermercados, pasando por transportistas e persoal de almacéns. Estou seguro de que entre todos imos superar esta situación, e que imos reconstruír este país. Imos ter un país mellor do que tiñamos antes da epidemia.

– Valora de maneira razoada a xestión do goberno da Xunta, nos seguintes eidos:

  • No sanitario?

A ningunha galega se lle escapa que a xestión da sanidade que fixo Feijóo baseouse unicamente en recortar o orzamento e privatizar servizos públicos. Non só en relación coa sanidade, senón no que ten que ver con todos os servizos de coidados e protección social. Feijóo dinamitou a capacidade da Xunta de Galicia para servir ao interese público, e o resultado, lamentablemente, puido verse na fraxilidade coa que o sistema sanitario e de coidados de Galicia se enfrontou á Covid-19. A atención primaria, desbordada, as residencias de maiores, convertidas no maior foco de contaxios e decesos… Nós apostamos por reconstruír o público, por reconstruír todo aquelo que o PP destruíu nestes anos.

  • No económico?

Como digo,o PP dinamitou a capacidade da Xunta de Galicia para servir ao interese público, e iso vale tamén para o aspecto económico. Alguén pode lembrar unha soa medida de Feijóo que contribuíra a crear emprego, a evitar o desmantelamento do noso tecido industrial, a impedir as deslocalizacións, a mellorar a vida dos agricultores e gandeiros, a axudar á flota pesqueira, a apoiar aos novos para que podan atopar un posto de traballo digno, a facer que as familias se sintan respaldadas por políticas públicas de benestar…?

  • -No das liberdades públicas? Percibes algún perigo de regresión?

O uso partidista que fai Feijóo dos medios públicos, amordazando á oposición e converténdoos nunha maquinaria de propaganda ao seu servizo, é absolutamente indigno dunha democracia.

  • No competencial? Hai algunha intención de limitar competencias autonómicas?

Feijóo non cree no autogoberno. Non ten intención de xestionar nada máis que a súa propia imaxe. Nese sentido, impórtalle pouco que Galicia poida ampliar o seu autogoberno se iso non lle resulta rendible a el.

– É a oposición do PP é tan brutal como parece?

Si. Estamos a velo coa súa oposición a prorrogar o Estado de Alarma, que é o mecanismo que ten permitido conter a expansión da Covid-19 e salvar miles de vidas. Pero ao PP non lle preocupa tanto a saúde nin as vidas dos cidadáns como para non utilizar esta situación como ferramenta para desgastar ao Goberno e chegar ao poder.

– A desescalada en Galicia debe xestionarse desde Galicia ou desde Madrid?

A desescalada ten que xestionarse da maneira máis axeitada para protexer á poboación e impedir un rebrote da epidemia. Pero o que estamos a ver é que a Xunta, no canto de colaborar nas aplicación das medidas que se teñen confirmado como eficaces na loita contra o virus, dedícase unicamente á critica destrutiva sen ofrecer propostas alternativas. Non ten habido nin unha soa proposta da Xunta de Galicia nese sentido. E nas materias nas que Feijóo si tiña competencias, a realidade evidenciou que a súa xestión foi máis que neglixente. O caso das residencias proba o que digo.

-. Cales son as propostas de Galicia en Común para apoiar a dous sectores que como consecuencia desta crise teñen problemas gravísimos: o tecido cultural galego, e o sector turístico?

Hai mes e medio que presentamos unha proposta específica de accións específicas para o sector cultural de Galicia:elevar a inversión cultural da Xunta ata 0,25% do PIB fronte ao 0,11% actual; compensar ás empresas culturais as perdas por proxectos cancelados durante a emerxencia sanitaria, axudas a fondo perdido para autónomos e pemes do sector cultural, converter á CRTVG en ferramenta de difusión da cultura galega en todos os formatos posibles … Pero ningunha delas foi atendida ata o de agora. Como sucedeu no sector turístico, para o que reclamamos axudas directas para as empresas e autónomos que viran reducidos os seus ingresos por causa da crise sanitaria puideran afrontar gastos elementais de aluger, pagos de persoal e outros custes inasumibles nesta situación. Pero, insisto, a Xunta nin lles prestou atención.

– Se eu fora un veciño de Traspieles, de Queimadelos, de Cela, de Reboreda, de Coiro…. que aínda non tivera decidido o sentido do meu voto, por que debera votar a Galicia en Común?

Calquera veciña ou veciño da zona é consciente das eivas que, a día de hoxe, se atopa na súa vida cotiá por mor dos valores que rexeron, especialmente na última década, a distribución de servizos, de fondos e de investimentos desde a Xunta de Galicia. Cada circunstancia de cada unha desas persoas pasa por unhas necesidades básicas para vivir unha vida digna e saudable para ela e para a súa xente. Desde Galicia en Común cremos que esa dignidade da vida ten que ter o seu motor no público, porque defendendo a calidade e a dotación de servizos públicos en zonas como a da Peneira favorecendo o acceso a servizos, sociosanitarios, educativos, culturais é mais doado dispoñer de motores económicos e produtivos accesibles. Se pensamos no noso país como o que é no seu conxunto, e non o vemos como un territorio dividido en dous modelos diferentes, seremos conscientes de que a distribución de recursos tense que facer equilibrando as dotacións de servizos públicos, de infraestruturas, de investimentos atendendo ás necesidades reais das persoas.

Ter cubertos os servizos sociosanitarios de proximidade, poder exercer profesións relacionadas coa realidade territorial, social e económica da zona na que vivimos, poder acceder ao que non nos ofrece a proximidade sen que supoña ter que trasladar a nosa vida.

Se coidamos o noso entorno e a calidade de vida das persoas, se favorecemos unha mobilidade accesible e real na comarca, favorecemos a implantación de servizos e sectores produtivos accesibles para calquera persoa traballadora da zona.

Se apostamos pola investigación e a distribución de recursos e servizos apostamos pola capacidade da xente por facer a vida alá onde quere porque pode, e isto só e posible co modelo de país que defendemos desde Galicia en Común, redistribuidor, garante da calidade de vida desde o público, que priorice a vida que queremos vivir sobre os criterios neoliberais que favorecen esa visión de potenciación da centralización da vida en torno as cidades.

Finalmente, desde Galicia en Común só entendemos a acción política desde un modelo de escoita das demandas históricas dos territorios, de escoita das demandas e reaccións dos movementos sociais e veciñais en defensa do seu entorno e da calidade de vida que debemos coidar en todos e cada un dos concellos, vilas e lugares do país. Loitas puntuais respostan a loita por modelos políticos e sociais que melloran a vida de todos e todas, se protexemos a vida dun recuncho do país, por pequena que pareza esa loita defendemos unha cidadanía activa, imprescindible nos tempos que corren, e ese é o modelo de acción qe propoñemos desde Galciia en Común.

Nós cada dous anos, facemos unha gala de entrega de premios en O Porriño. En febreiro do ano próximo tócanos a IV edición, a anterior SX de Podemos Galicia, Carmen Santos, sempre nos acompañou, agardo poder contar contigo na próxima?

Por suposto que si.

Primer comentario

Deixa a túa opinión