Temos un Plan?

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador da Sanidade Pública e militante do BNG de Marín

O concello de Marín anuncia o inicio dun “Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible”, e defíneo como unha “peza fundamental da estratexia do Pacto de Alcaldes e Alcaldesas polo Clima”. Tamén di que se pretenden reducir as emisións contaminantes no municipio nun 40% para o ano 2030. Todo isto “servirá para conseguir unha vila máis limpa e máis sostible a nivel medioambiental”.

Resulta pouco críbel que un goberno que se resistiu até o último minuto en participar no Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra para a compostaxe, e co resto dos concellos do PP da provincia tentou boicotealo, pretenda facernos crer da súa sensibilidade medioambiental. 

Mais ben son os fondos e a obrigatoriedade das normas da Unión Europea os que logran esta máxica transformación en verdes ecoloxistas dos que nunca se preocuparon polo medio ambiente do noso concello. Pola contra son os principais valedores dunha industria contaminante, que está hipotecando o futuro dos nosos montes e do noso agro, como é Ence. 

Esta moi ben iso de facer un carril bici na Avenida de Ourense, como non. Pero mellor estaría se este goberno vendedor de fume tivese un modelo, un proxecto, para Marín. Polo de agora só vemos parches e improvisación, e dúas lexislaturas de parches e improvisacións son moito tempo perdido para un concello que perde poboación cada ano.

Boa mostra da incapacidade real de quen dirixe o concello de Marín vímola nestes días de confinamento cando descubrimos que o servizo de internet no rural é deficiente, a sucursal de Abanca de Seixo fecha deixando desamparados aos veciños, e o Ministerio de Defensa négase a ceder o antigo hospital da Escola Naval ao Sergas. 

Estamos vendo no medio desta terríbel pandemia como ante as demandas do comercio local só hai boas palabras pero ningunha acción. E o problema non é que non teñan ideas, o peor é que non escoitan nin se teñen en conta as propostas das asociacións e de outras organizacións políticas, que como o BNG levan facéndoas desde o inicio desta crise.

Poderíamos seguir, pero a cuestión é onde estivo a nosa media alcaldesa e media deputada, que dixo ou fixo sobre estas cuestións? Ren. Parece que a boa xestora, á hora da verdade non está nin se lle espera.

Se queremos mellorar Marín temos que facer as cousas con seriedade e pensándoas ben. Se a única preocupación que teñen os que levan o timón do concello é recuncar nas próximas eleccións en base á propaganda e a publicidade, a estar permanentemente nos medios amigos, como fai Feixóo, continuaremos sendo un pobo en decadencia. 

Os plans están moi ben sobre o papel. Nos papeis podes escribir todo o que queiras. O difícil é ter un proxecto de concello, ter as ideas claras do que se quere facer, e moito me temo que despois de tantos anos a Sra Ramallo non nos vai sorprender con nada novo. Cando hai ideas e equipo para levalas adiante estas hai que sementalas desde o principio, como fixo o BNG en Pontevedra con Lores á cabeza, para ir pouco a pouco recollendo os froitos da transformación urbana, da mellora das condicións de habitabilidade.

Se queremos mellorar o clima e facer algo polo medio ambiente hai que cambiar o modelo. A fórmula é fácil: menos coches e mais peóns, mais transporte público e mais espazos urbanos para o uso e desfrute das persoas.