O Fondo Galego promove cinco proxectos contra o Covid-19 en Mozambique e Guinea-Bissau

Familia na Fundacao Encontro A Nova Peneira

Actuarase en áreas como a sensibilización da veciñanza, a dotación de materiais de prevención, o abastecemento de auga e a saúde da infancia

Pontevedra, 27 de maio de 2020

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedadeestá a impulsar cinco proxectos para frear o impacto do coroavirus en Mozambique e Guinea-Bissau. Na semana en que se conmemora o Día de África, a asociación de concellos e deputacións vén de darlle luz verde ao investimento de98.126 eurosna loita contra a pandemia, dos que 27.000 corresponden a achegas extraordinarias de dous dos seus socios, os concellos de Cambre e Narón.

En Guinea-Bissau traballarase co Goberno Rexional de Cacheupara sensibilizar á veciñanza sobre o perigo que supón o Covid-19 e as medidas de precaución que deben tomar. Esta partida de emerxencia, que ascende a 15.000 euros, destinarase ademais á distribución de materiais de prevención e alimentosentre as familias desfavorecidas. Cacheu é a segunda rexión do país máis afectada polo virus e corre un alto risco de propagación debido aos altos índices de analfabetismo e pobreza. Entre as medidas decretadas para conter a pandemia áchase o confinamento, que dificulta a subsistencia dunha poboación xa carente de recursos.

Á Asociación de Municipios Mozambicanosdestínanse 18.126 euros para adquirir diversos produtos recomendados pola OMS para combater o coroavirus: túneles de desinfección e bombas de pulverización para os mercados e terminais de autobuses, aparellos de medición de temperatura, máscaras para as persoas vulnerables e para homes e mulleres dos mercados, etc. A intervención centrarase en nove vilas das rexións Sur e Norte onde están a aumentar os casos de persoas afectadas.

Mozambique Dereitos Humanos
Mellora das condicións sanitarias na provincia de Inhambane no centro de saude de Rio das Pedras. O centro, rehabilitado polo Fondo Galego de Cooperación e Arquitectos sen Fronteiras, asiste a máis de 250 persoas o día con enfermidades como a tuberculosis, a malario ou o sida.

Ata 30.000 euros orzamentáronse para o proxecto coa Fundação Encontro, que ten por obxectivo reducir a vulnerabilidade de nenos e nenasmenores de seis anos a través do acceso á educación e a saúde. A intervención desenvolverase en catro comunidades rurais do Sur de Mozambique, que contan con cadanseu centro infantil, e mais nunha Unidade Sanitaria que fora construída polo Fondo Galego e que agora se ampliará cunha nova sala de atención materno-infantil. En canto ás escolas, ademais da compoñente formativa nelas proporciónanse dúas comidas ao día, co fin de frear elevada taxa de desnutrición e mortalidade na rapazada.

Por outra parte, o Fondo Galego continuará apoiando a reconstrución davila mozambicana de Nhamatanda, que o ano pasado resultou gravemente afectada polo ciclón Idai. Destinaranse 20.000 euros a construír un sistema de abastecementode auga, tan necesaria no combate contra o coroavirus e outras enfermidades xa presentes na zona. Ademais, investiranse outros 15.000 euros na expansión da rede eléctricae a iluminación pública de dous barrios, de xeito que se loitará contra a pobreza reactivando sectores como o económico e o educativo, pois nas escolas poderá haber quendas nocturnas e favorecerase o desenvolvemento dos negocios locais.

Con estas cinco liñas de acción, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade avanza no obxectivo de reducir as desigualdades e promover o desenvolvemento sostible dos países máis empobrecidos, en liña coa Axenda 2030. Especialmente, no contexto da crise global xerada pola pandemia do Covid-19, onde quedou patente que o mundo está fortemente interconectadoe que os países deben traballar xuntos para erradicar o virus. Así se puxo tamén de manifesto coa campaña #OsMunicipiosCooperan, que o Fondo Galego vén de promover nas redes sociais para poñer en valor a cooperación internacional desde o local.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.