Carlos Gómez esixe á Xunta un reforzo de costas de sanidade “acorde á importancia e potencialidade turística do Val Miñor”

Baiona Monte Boi estelas A Nova Peneira

O presidente da Mancomunidade e alcalde de Baiona considera “unha broma” que o Sergas destine 1 médico e un auxiliar para atender a unha poboación que se quintuplica durante o verán

Baiona, 29 de maio de 2020

O presidente da Mancomunidade de Municipios do Val Miñor e alcalde de Baiona, Carlos Gómez, esixiu hoxe á administración sanitaria da Xunta de Galicia que o coñecido como reforzo de costas de sanidade “contemple os efectivos necesarios para dar cobertura á veciñanza dunha zona que, durante a época estival, triplica a súa poboación” e que este ano mantén as súas previsións “malia que centradas fundamentalmente no turismo interior e de proximidade”, sinalou Gómez.

Eses datos contrastan coas previsións do Sergas de destinar, para os tres municipios da mancomunidade –Baiona, Nigrán e Gondomar– “1 médico/a e un/a auxiliar de enfermería” dato que foi cualificado polo rexedor baionés como “unha broma” que deixaría desprotexida, sanitariamente, á poboación dos tres concellos.

Carlos Gómez esixe que, cando menos, o Val Miñor conte durante a época estival “con 2 ou 3 equipos de reforzo” que permitan dar unha cobertura digna aos visitantes “pero sobre todo aos nosos veciños e veciñas”. 

Ao mesmo tempo, dito reforzo contribuiría a “dar un respiro máis que merecido a un persoal sanitario que, nestes últimos meses, amosou unha capacidade de traballo e sacrificio moi por enriba do esixible e que agora precisan dun mínimo descanso”, engade Gómez.

O presidente da Mancomunidade de Municipios do Val Miñor esixiu da Xunta de Galicia “que asuma dunha vez por todas as súas competencias” e que “a mesma presa que ten para convocar unhas eleccións –afirma con rotundidade Carlos Gómez– a teña para asumir as súas responsabilidades”.

Gómez subliñou que durante a crise sanitaria “que aínda se vive e que non rematou” os concellos tiveron que dar solucións á súa veciñanza en materia de comercio, transportes, seguridade sanitaria ou mesmo ensino, “asuntos que competen á Xunta de Galicia que estivo totalmente desaparecida cando máis se precisou dela”.

“Agora é o momento de, cando menos, amosar certo agradecemento ao sacrificio que fixeron os concellos poñendo ao servizo da súa veciñanza, todos os seus recursos”. En lugar diso, conclúe o presidente da Mancomunidade de Municipios do Val Miñor, “vólvesenos a deixar cunha cobertura sanitaria de reforzo que, nunha situación normal xa sería ridícula, e que o é aínda máis cunha pandemia que aínda non rematou, por moito que a Xunta pense, tal e como o demostran as presas pola convocatoria de eleccións”.