O CF Guillarei peta na porta do futuro

CF Guillarei A Nova Peneira

Guillarei é a máis importante parroquia de Tui, e confeso que un tanto especial para min tamén é. En Guillarei hai xusto 22 anos, comecei a miña vida laboral vendendo enciclopedias polos seus camiños e corredoiras. E en Guillarei naceu a nosa prezada amiga Miriam de vida innumerable, que tantas veces colaborou de maneira desinteresada e xenerosa coa nosa publicación. Malia que na parroquia existe unha moi importante afección ao fútbol, o seu equipo , despois de ter unha brillante historia e chegar a estar 3 anos desaparecido, compite na última categoría do fútbol galego, a terceira autonómica, iso si, dirixido por unha nova directiva que pelexa con ilusión por devolvelo ao lugar que merece. Nós falamos co seu presidente

MANUEL RODRÍGUEZ PRESIDENTE DO CF GUILLAREI

O LUGAR NATURAL DO NOSO EQUIPO É A PRIMEIRA AUTONÓMICA E NÓS IMOS PELEXAR POR POLO NO SEU SITIO”

O club tivo dúas etapas na súa historia, desapareceu un tempo e logo volveuse facer, non?

Si, efectivamente foi así, pero eu non che podo informar moito do que foi a primeira etapa da súa existencia pois daquela non tiña relación co equipo. Sei que chegou a ser un equipo moi importante

Cando foi a refundación?

No 2016. Os tres anos anteriores estivemos desaparecidos

E por que?

As persoas que o levaron deixárono e non houbo ninguén que quixera dar o paso de continuar levando ao equipo

Ti cando chegas ao equipo?

No 2017. O ano anterior estivo o compañeiro Juan Carlos Coello

Eu coñezo varios presidentes de equipos modestos e case todos dinme que ser presidente dun equipo modesto, inevitablemente supón tensións familiares, pois hai que dedicarlle tanto tempo ao club que os problemas na familia xorden máis tarde ou máis cedo. Iso é así no teu caso?

Pois eu debo de ser a excepción, pois, malia que coincido en que hai que dedicarlle moito tempo, a miña familia lévao moi ben. Tamén é certo que o meu traballo permíteme dispor de moitas horas ao día, e iso tamén axuda claro. Aproveito a oportunidade que me dades para agradecer aos meus compañeiros directivos Solla, Alejo, Freijeiro, Alberto, Juan Carlos, Santiago e Isaac polo seu traballo e colaboración. E desde logo non me quero esquecer de mandar unha inmensa aperta fraternal aos nosos socios, afeccionados e á peña dos mártires de Guillarei

Ti, es de Ribadelouro, que tamén ten equipo de fútbol .Como é posible que sexas o presidente do equipo doutra parroquia?

Ben, porque eu estou casado en Guillarei, son veciño da parroquia, gústame moito o fútbol e asumo encantado a tarefa de colaborar para por o meu gran de area en que unha parroquia como a nosa teña un equipo nunha categoría adecuada á súa importancia e nivel de poboación

Levádevos ben co Ribadelouro?

Si, claro. Temos a nosa rivalidade deportiva por suposto ,pero as relacións son boas. De feito eu cheguei a adestrar aos xuvenís do Ribadelouro

Cando xogades contra eles non tes o corazón partido?

Non, eu quero que gañe o Guillarei que é o meu equipo. No futuro xa se verá, pero agora quero que o Guillarei gañe sempre, todos os partidos que xogue.

O voso campo é de herba natural, quen o mantén?

O concello. Nós non poderiamos facelo pois manter un campo de herba natural é dificilísimo.

Tedes categorías inferiores?

Temos un equipo alevín e benxamín mesturado, pero só na Deputación, non na liga federada.

Para cando un equipo feminino?

A nosa idea é que sexa pronto.

Guillarei é a parroquia máis grande de Tui, como é posible que esteades en 3º e o Caldelas en 1º?

O Caldelas leva moito tempo facendo moi bo traballo, cunha grande estrutura de base. E nós temos que mellorar, desde logo. Non nos queda outra que tomar exemplo de quen o fai mellor, e aprender.

Cal é o voso obxectivo deportivo para a presente temporada?

Sen dúbida o ascenso.

O problema é que a consecuencia da situación sanitaria a organización das competicións está aínda sen definir, non?

Si, a verdade é que está todo moi no aire. Nós non sabemos nin cando imos comezar nin como se vai organizar todo.

Tendo en conta a dimensión e a socioloxía de Guillarei, cal é a categoría á que debera aspirar o equipo?

Nós Somos un equipo que debemos aspirar a consolidarnos en primeira autonómica. Ese é o noso lugar natural, e por el debemos pelexar.

Os xogadores son da parroquia?

Hai algún, pero a práctica totalidade son de localidades da contorna.

Cantos socios tendes?

200

E como vos financiades?

A publicidade é moi importante para nós. Temos 90 empresas colaboradoras, ás que lle quero agradecer a súa xenerosidade. Logo co que achegan os socios e a cantina do campo, pois imos tirando. Para nós poder crecer como equipo precisamos montar un bo campo de fútbol.

Pero xa tedes un bo campo de fútbol?

Si, pero ao ser un campo de herba natural non podemos adestrar todos os días alí. En pretemporada facémolo tres días á semana e logo baixamos a dous. Necesitamos un terreo para podermos adestrar na nosa casa todos os días sen térmonos que desprazar. A nós interésanos que nos fagan un campo de herba sintética, e o proxecto está no concello. Agardo que se poida concretar pronto.

A implicación da parroquia co equipo como é?

Magnífica.

E as relacións co concello como son?

Moi boas e fluídas. E quero deixar claro que sempre foron así con todas as administracións que pasaron polo concello desde que eu son presidente.

Cantos sodes na directiva?

Agora mesmo estamos 6 persoas pero vai haber algún cambio pronto.

No teu caso persoal que tes pensado?

O meu paso pola presidencia do equipo é un proxecto a medio prazo. Cando considere que cumprín o meu ciclo pois terán que vir outras persoas. Agardo poder deixar o equipo cunha estrutura sólida, solvente e consolidada para poder pelexar polo seu futuro.

O problema que tivestes no pasado que vos levou á desaparición podería volver a acontecer?

Agardo que non pero non o descarto.