Beto Luaces, escritor vigués

beto Luaces A Nova Peneira
É o momento! construírmos o futuro Galicia en común Podemos

Beto Luaces é un escritor vigués nacido en Uruguai , fillo da emigración, cunha moi estreita relación coa Serra do Suído, a terra do seu pai. El é autor dunha exitosa serie de novela negra: VICUS, que de momento produciu dous libros de enorme éxito ; “Un Lugar do Común” xa pola terceira edición, e “Un Lugar Aquelado” xa pola segunda edición. A piques de tirar ao mercado a terceira novela da serie, conversamos con el.

ESTOU ENORMEMENTE AGRADECIDO POLA GRAN ACOLLIDA QUE ESTÁN A TER AS MIÑAS NOVELAS”

De onde es ti Beto?

Eu nacín en Uruguai, son fillo de emigrantes. A miña nai é de Narón e o meu pai de Covelo. Estiven vivindo en Montevideo ata os nove anos

Tes recordos daquela época?

Si, aínda que xa hai 40 anos que vin, e nunca tiven ocasión de volver, teño moitos recordos da miña infancia en Montevideo, de feito aínda conservo un amigo alí

Cando volvestes xa foi a Vigo?

Non, inicialmente estivemos na serra do Suido, na aldea de Campo que é a zona na que naceu o meu pai

Que estudaches?

Eu filoloxía galega, pero non rematei a carreira. No último ano preparei unhas oposicións a administración de xustiza, aprobeinas, e desde entón xa comecei a miña vida laboral

Bff agora o caos xudicial supoño que nestas circunstancias debe de ser considerable?

Si, abofé que á administración de xustiza tócanlle tempos de colapso.

Por que filoloxía galega?

Para min, pasar de vivir en Montevideo a facelo na serra do Suído supuxo un cambio enormemente relevante. De súpeto descubrín que existía outro idioma, outra cultura, case podería dicir que outro mundo e que eu procedía del, que era esa idiosincrasia a que contribuíra a formar o meu lugar no mundo. E claro, case como consecuencia o meu interese pola filoloxía galega veu só.

E quedou a carreira sen rematar, pero non a vocación pola literatura?

Efectivamente, foi así. Malia que recoñezo que durante uns anos tiven unha pequena crise de lectura da que fun rescatado pola novela negra.

Como xurdiu a idea de VICUS?

De maneira espontánea. Nunca escribira nada agás algún poema solto, e de súpeto pois veume a historia á mente e lanceime.

Non debeu de ser fácil?

Non, a verdade é que non. Confeso que a primeira vez non sabía moi ben onde me metía e costoume. De feito tardei cerca de catro anos en rematala.

Xa tiñas idea de escribir unha triloxía?

Non, inicialmente tiña a idea de escribir unha historia.

Cóntanos as características do primeiro libro “UN LUGAR DO COMÚN”?

É unha novela negra clásica, que trata de amosar a cara máis escura da emigración, fóra das visións idealizadoras.

Algún autor que che influíra?

O novelista sueco Stieg Larson. E esta primeira obra recibe tamén a influencia do Viaxe ao País dos Ananos de Celso Emilio Ferreiro.

Como valoras a repercusión da primeira novela da serie?

Para min foi unha sorpresa enormemente agradable. A repercusión foi moi positiva, ata o punto de que na biblioteca Juan Compañel foi o libro máis prestado no 2018 e o segundo no 2019. E agora mesmo a editorial ven de tirar a terceira edición. A verdade eu estou moi satisfeito da acollida das lectoras e lectores.

A magnífica resposta foi o que che decidiu a escribir a segunda novela da serie?

Non, a verdade é que cando rematei o primeiro libro deixei o final un tanto aberto, e xa estaba decidido a escribir o segundo. A historia xurdiu moi rápido. Mudei ao protagonista, no primeiro libro é un arquitecto, que segue nos seguintes cun importante papel secundario, e no seguinte é un detective.

A segunda novela titúlase “UN LUGAR AQUELADO”, os espazos nos que se desenvolve a trama son os mesmos cós de “UN LUGAR DO COMÚN”?

En toda a serie os espazos principais son Vigo e a serra do Suído. Logo poden aparecer ,de feito así é, espazos secundarios ,pero os principais son eses dous.

A segunda novela da serie naceu o ano pasado. Que acollida tivo?

Tamén moi boa, de feito está xa na segunda edición.

Na primeira obra, falamos da parte máis escura da emigración ,e na segunda?

É unha historia acerca das sagas conserveiras de Vigo.

E estás en pleno proceso creativo da terceira novela da serie?

Pois si, cando rematei a segunda novela, xa tiña pensada unha historia para darlle continuidade, e actualmente xa a teño acabada. Estou na fase de corrección.

Podemos saber o título?

Aínda non.

Vicus remata co terceiro libro?

Creo que non, penso que como mínimo haberá tetraloxía.

Pódese vivir da Literatura?

Non, de ningún modo. Supoño que haberá quen si poida, pero a práctica totalidade de escritores e escritoras non podemos.

Tiveches algún tipo de apoio de algunha administración?

Non, non tiven ningún tipo de axuda, nunca.

Tes pensado algún outro tipo de libro fora de Vicus?

De momento non é posible, pois estou moi centrado na serie, pero no futuro non o descarto.

As xeracións máis novas non soen achegarse moito ao mundo dos libros, como se podería solucionar ?

É moi complicado, xa me gustaría a min ter a resposta, pero non é nada fácil. O que se me ocorre é que as lecturas que sexan obrigatorias no ensino teñen que estar moi ben seleccionadas para que sexa adecuadas á idade dos nenos e das nenas e exista a posibilidade de que se enganchen, e ler sexa algo agradable para eles.

O libro en papel desaparecerá?

Hai uns anos era máis pesimista, agora penso que non, que o libro en papel vai aguantar.

Rematamos Beto, quixera coñecer a túa opinión sobre a finalidade da arte en xeral e da creación literaria en particular. Es dos que pensas que a arte debe de ter unha finalidade meramente estética, ou dos que opinas que non se pode desvincular do contexto social no que se insire?

Teño unha visión un tanto ecléctica. Considero que arte debe de estar como calquera forma de expresión conectada co mundo do que forma parte, o significante sen significado a min non me chama. Outra cousa é facer dun produto cultural un mero panfleto.

Primer comentario

Deixa a túa opinión