Trátase de lembrar antes de votar

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

A pesar do que vimos, do que vemos, do que está a pasar e é evidente, temos que recoñecer que esta crise feroz, esta situación de excepcionalidade, provoca transformacións políticas. O malo é que estas transformacións parece ser son de egoísmos centrífugos e non teñen miras de resolver o problema da maioría. Que en definitiva ese é o problema, o egoísmo duns poucos. Non, os políticos, nin para esta emerxencia se poñen de acordo. O medo só chegou para ter bos propósitos anque non para tomar medidas de corrección. Por mor da súa incompetencia hannos obrigar a repetir a mesma situación imprudente. E todo é por protagonizar diante das cámaras as resoltas opinións expeditivas. Como Trump, vense nel e queren ou conseguen facer o mesmo ridículo, propio da ignorancia e da ousadía, da mala educación. Non, non deberan apoiarse no fracaso dos outros para conseguir o seu éxito. O proxecto de porvir é ao revés, consiste en conseguir o éxito da prevención sen ter que procurar ningún fracaso, sequera dos adversarios. Todos deberan sumar esforzos e loitar nunha dirección de dignidade, de intelixencia e boas prácticas. As palabras insultantes e irritadas destes tempos, xa nos anuncian o fracaso da intelixencia e de enxeño. Non saben comunicar a razón primeira, do abandono dos hábitos errados, de reconducirnos e habilitarnos en novos compromisos de comportamento social, de comportamento ecolóxico e estable. Para que todo iso dea froito e permita un certo grao de benestar común. 

De feito xa estamos a ver como aqueles “sanitarios” aos que, ao principio, chamaron con tanta urxencia, agora xa deixaron de ser necesarios -pasada a cima da crise- e volven ser precariados no silencio, esquecidos e aliñados na lista do paro. Tamén así farán con todos aqueles imprescindibles que, agora, deixan de selo e pasan a ser do montón, que engrosan a lista dos que asistiron, arriscaron, suaron e traballaron con esforzo incalculable, pero agora xa todo aquilo pasou e volven ser anónimos da lista de perdidos e perdidas. Eu creo que non teñen amaño, os nosos representantes viven a anos luz da traxedia que acabamos de pasar e que está a nivel das rúas e dos camiños. Non viron, non quixeron nin souberon ver o drama de tanta xente. E non aprenderon a lección. Pobres de nós! Seguen a falar das súas coitas, de si a competencia dixital, se a denuncia ao informador, se os culpables das mascaras primeiras, se as novas técnicas, se o alumnado debera ter asistido con normas moi estritas, se os panadeiros poden contaxiar co pan, … Están fóra de lugar e tempo, fóra de horarios, de costas ao problema. Isto foi un Chernóbil e afectou nas entrañas da sociedade, anque eles arredaron do problema, para afectar aos máis débiles e vulnerables. Eles non se deben quedar no protagonismo do aplauso. 

Ben sabemos quen foron os que cortaron os orzamentos á Sanidade e á investigación, á Educación e aos apoios á marxinalidade e dependencia, os que puxeron esta norma de precariedade nos traballos e que levaron todo o que botamos a faltar. Hai moito desasosego e as feridas son fondas, aínda abertas en moitas olladas temerosas. Non poden seguir a xogar. Necesítanse solucións, que garantan un porvir, e prevencións que garantan un sosego, para que isto nunca máis suceda. E de suceder, ter como atallalo. Necesitamos corrixir erros anteriores, aqueles que nos trouxeron aquí, a este punto putrefacto de contaminación. Queremos recuperar o aire limpo, a auga limpa das fontes, ríos e regatos, os mares limpos e xenerosos. Non queremos esterqueiras no medio da terra, non queremos metais pesados tirados polo medio do rural en forma de lodos contaminantes e contaminados. Débense perseguir aos que cometen o delito, aos que condicionan alegremente a vida dos demais matándonos o medio en que vivimos. Debemos aprender xa dunha vez a lección, a nosa riqueza está na diversidade, no aprecio do propio, na consideración do que somos, do que temos. E debemos exercer ese dominio, esa propiedade verdadeira do noso, para mirar por el e para estar ao seu coidado. É a Cultura soberana de sabernos donos e posuidores, da terra, da paisaxe, dos modos sostibles de vida, da Cultura, do saber, da intelixencia, da propiedade física e inmaterial que nos habita. Son horas de reconducirnos e abandonar esta pobreza hexemónica, esta distancia tan enorme entre os tan ricos e moi ricos, cos demais – a inmensa maioría- tendo que buscar rendas mínimas e subsidios de existencia. Non se pode consentir este sistema tan desigual e tan inxusto. Hai que variar o rumbo, cómpre aprender a lección e non deixar que nos gobernen ineptos que non viron a xogada, quizais non a queren ver. Temos que ser responsables, se somos quen de votalos, deberemos resignarnos a ter que roelos. Levarannos á perdición e á perda, onde nada máis somos números da súa conta. Temos que votar con responsabilidade, pensando moi ben o que facemos, e confiar naquela xente que se comprometa a crear iniciativas correctoras que boten fóra aos especuladores e “chupópteros” en xeral, que tanto abundan, e aos  que volvan polo Noso. Que ao final é o que temos.