A tensión necesaria

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xabier Toba Artigo de opinión A nova Peneira
Xabier Toba Girón. Profesor de física

Pois non vai ser fácil. Non vai ser nada fácil conseguir que o PP non alcance a maioría absoluta nas elecións galegas que celebraremos o próximo 12 de xullo, logo de percorrer este acidentado camiño marcado polo COVID19 , pola dor e pola morte nos últimos tres meses. 

A pouco que tardemos en tomar conciencia da urxencia, da emerxéncia, o tempo, o breve tempo dunha campaña que se non é fraudulenta semella moi pouco respeitosa coas formas democráticas, teremos a Alberto Nuñez Feijoo tomando posesión como presidente para unha nova lexislatura. 

E sin embargo, esta pregunta realizada hai 4 ou 5 meses podería ter unha resposta totalmente contraria. 

Fagamos memoria. 

Nas elecións xerais celebradas en avril de 2019, as forzas alternativas ao atual governo do PP, xuntaron 156 000 votos máis que o partido de Feijoo e os seus posibeis aliados. 

Aínda máis. En número de representantes foi tamén a suma de representantes de PSOE e Unidas Podemos, superior á suma do número de representantes do PP e os de Ciudadanos pola mínima: doce contra once. 

Pouco despois, por mor da incapacidade de PSOE e Unidas Podemos para acadar un acordo, fomos chamados outra volta ás urnas. Nesta nova convocatoria a suma dos votos de PSOE, Unidas Podemos e BNG, que desta volta felizmente obtivo representación, adiantaron outra volta á resultante da suma dos votos correspondentes a PP, Ciudadanos e VOX. Ben é verdade que desta volta a diferenza foi 117 000 reducíndo-se sustancialmente, máis en troques foron 13 os representantes da que podemos denominar alternativa fronte aos 10 representantes que obtivo o PP. Trece contra dez. O resultado era moi esperanzador. 

Enfin, que os datos recentes, non de inquéritos nin prospecións, senon os datos eletorais insistían na direción dunha derrota do Partido Popular nas elecións galegas a pouco que a oposición atinara . 

Ben é certo que a partir deses resultados, toda a maquinaria do PP e dos seus setores afetos, mediaticos, económicos e sociais, atendendo ao sinal de alarma, puxeron en marcha toda a maquinaria que ate o momento non movilizaran. O asunto agora era crucial. Non estaba en xogo xa a posición de Pablo Casado, rival ao cabo de Feijoo; agora estaba en xogo a posición de Feijoo e a do propio Partido Popular na Galiza e se cadra a posibilidade de, un día aceder á presidencia do PP e a candidatura á Presidencia do governo de España. Velai as circunstancias. 

E así é como a dereita repon-se, pasa á ofensiva e convocan-se as elecións . E como ben sabemos todos e todas o proceso fica paralisado pola declaración do estado de alarma derivado do COVID19. 

Como se enfoca este período? Porque estaba claro que este período ía ser definitivo, crucial. 

Pois a dereita, o PP, adoita unha posición á ofensiva ocultando as súas responsabilidades, culpabilizando diretamente ao governo central que aínda daba os seus primeiros e oscilantes pasos, cando non mesmo á oposición. Esa ofensiva consigue os seus obxectivos: desprenderse de toda responsabilidade nos recortes sanitarios, que tanta importancia tiveron nas mortes derivadas da pandemia, e tamén marcar distancias coa rede de residencias xeriátricas, xestionadas por empresas amigas do PP, que articularon o maior foco de incidencia da enfermedade e onde esta cebou-se con altisima intensidade diante da ineficacia e o abandono do governo do PP e da clientelar patronal que rexe ditas residencias . 

Mentres, co Parlamento galego xa disolto, Feijoo evitaba de forma continuada o control dunha oposición que en minoría e demasiadas veces inmovilizada polas circunstancias, non acabou de ser capaz de articular ningunha resposta que puxera en perigo o discurso do PP e de Núñez Feijoo. Digamos en descargo da oposición que calquera resposta vía-se dificultada polo estado de alarma. 

E chegamos ao final. 

Feijoo liga o seu destino a Urkullu, e consigue impulsar o proceso eleitoral nunhas condicións caseque carentes de garantías democráticas que lle dan posicións de vantaxe que poden ser definitivas. 

E por si pouco fora o governo de Pedro Sanchez regála-lle que Galiza sexa o primeiro territorio declarado fora do estado de alarma, con sorprendentes declaracións de Fernando Simón alabando a “magnifica xestión” do governo de Núñez Feijoo, con todo o apoio de PRISA e condenando ao candidato do PS de G-PSOE Gonzalo Caballero que, se cadra aínda agora non entendeu nada, ou si e sabendo, cala a apanda. 

Porque a realidade é que, para entender este xesto do governo de Pedro Sanchez con Nuñez Feijoo, un ve-se na obriga de pensar que ou o primeiro é moi torpe, ou que Pedro Sanchez prefire a Nuñez Feijoo como presidente na Galiza, un territorio que xulgan como de interés secundario, dandolle ar como rival interno de Pablo Casado. 

Compre recoñecer a Núñez Feijoo ademais, unha certa cualidade de escapista para saír mesmo con ben das situacións máis apuradas. 

Fíxen-se que sen perder un segundo, Feijoo con Miguel Santalices de mestre de ceremonias, convoca un ato en homenaxe das vítimas do COVID-19 no corazón de Santiago de Compostela, trasmitido en direto pola CRTVG e publicitado como un “ato de unidade”, e acompañado polos voceiros e representantes de todos os partidos, unha oposición que parece incapaz de poñer en marcha ningunha outra reación , unha oposición que acompasada polas belas notas do “Negra sombra” cae nas redes dun auténtico aquelarre do que xurde limpo de toda responsabilidade Nuñez Feijoo. 

Xulguese intelixencia e torpeza. 

E agora a campaña eletoral. 

Unha campaña curta, sometida a circunstancias de excepcionalidade, cunha sociedade saíndo do estado de shock que representou a pandemia e aínda atemorizada, aínda paralisada polo vivido e á que o PP acude armado cos medios de comunicación de titularidade pública e privada volcados con Nuñez Feijoo, ocultando as súas responsabilidades e agochando o seu mal facer. 

Misión imposibel? 

Non está fácil. 

Deberíamos agardar das forzas de oposición unha campaña que fora quen de movilizar e movilizar o voto de esquerda, o voto galeguista. 

Hai motivos sobrados para que Galiza prescinda de vez do PP e de Feijoo, e algúns deses motivos teñen que ver coa desgrazada etapa que estamos superando e que ten costado mortes e dor. 

Non agarden máis aqueles e aquelas que teñen esa responsabilidade, precísa-se agora de tensión, a tensión que agora non pode fallar para lograr unha vitoria que parecía posibel hai uns meses e que hoxe aparece fuxídia.