Racismo

Artigo de opinión A Nova Peneira
É o momento! construírmos o futuro Galicia en común Podemos
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

O racismo é un tema espiñento para a teoría política moderna. En particular para o pensamento conservador. Pero, non é o único en dificultades. Un exemplo destes problemas témolo nos libros e escritos de Hannah Arendt. Autora dunha concepción da política hoxe moi reivindicada como remedio contra a destrutiva desafiliación da política que viven as democracias liberais desde hai décadas. 

De acordo ás ideas de Arendt a acción política está rexida pola idea de igualdade. A igualdade política é artificial. Non se trata de que teñamos a mesma natureza, ou o mesmo talento, ou a mesma posición social, ou cosas deste tipo. É outra cousa. Considera que é algo artificial porque depende de que sexa posible actuar dunha forma libre, non oprimido ou sometido por ningún estado de necesidade. Desde ter que salvar a vida ou non pasar fame ata calquera forma de sometemento social. É dicir, a igualdade é a propia esencia da liberdade, isto é, a posibilidade de “moverse nunha esfera na que non hai nin gobernantes nin gobernados”. 

Agora ben, esa igualdade é só posible se hai outros que apandan cos traballos que liberan aos libres da necesidade. Pero, ninguén traballa voluntariamente para que outros sexan libres e compitan entre si para ver quen aproveita mellor as posibilidades da liberdade. De aí que non hai igualdade política sen violencia. Porque é o único modo de liberarse das necesidades naturais. Esa violencia é, di Arendt, “prepolítica” no sentido de que sen esa violencia non habería ningunha oportunidade para a política. Ou vivimos todos na natureza ou alguén debe apandar coas penurias da vida.

Con iso Arendt asume que a igualdade política de uns esixe ou se superpón a desigualdade de outros. Hai libres porque hai quen está sometido ao traballo. Ou simplemente non todos poden seren iguais e ter unha vida propiamente humana. Esa é a orixe da escravitude clásica, di Arendt. Pero non a da moderna. Calquera explicación desta pasa polo concepto de “raza” absolutamente ausente no mundo antigo. 

En principio Arendt afirma que ese concepto no mundo moderno vai ligado ao imperialismo. Permitíalle xustificar aquilo que na metrópole non podía ser xustificado por ningunha concepción da moral e por suposto da tradición dos dereitos humanos. Unha xustificación que se converteu na ideoloxía racista que explica a historia como unha loita entre razas. Arendt refugou con vehemencia esta ideoloxía.

Pero, ao mesmo tempo di que o trato cos pobos que os europeos atoparon en Africa fixo que a idea cristiá de humanidade cambalease. Porque era difícil manter que todos os homes descendesen da mesma parella orixinal ante “tribos que, ata onde sabemos, nunca acharon por si mesmas adecuada expresión da razón humana ou da paixón humana”. Isto semella crer na inferioridade desas tribos, sería pois racismo. Daquela, é fácil ver aquí, como outros estudosos de Arendt, unha inconsecuencia. Refugar do racismo como invento do imperialismo e, porén, defender a subhumanidadedaquelas tribos. 

Primer comentario

Deixa a túa opinión