Chupi postres Gondomar,agora tamén en Vigo

Chupipostres Gondomar Vigo A Noca Peneira
É o momento! construírmos o futuro Galicia en común Podemos

Hai seis anos, Águeda, unha moza viguesa de nacemento e gondomareña de sentimento, abría nesa vila do Val Miñor un negocio de repostería creativa. Hoxe, despois de media ducia de anos de traballo intensísimo de pór todo o que ten e o que non ten, tamén, no seu negocio, Chupipostres xa é unha realidade consolidada na nosa comarca, e lánzase a abrir unha nova área de negocio no CC A Laxe de Vigo. Águeda é dese perfil, non demasiado abundante, de persoas coas que podes pasar moito tempo sen falar, e de súpeto cando os camiños da vida levan a que te cruces de novo con elas, semella que o tempo non pasou e que foi onte mesmo cando estivestes xuntas, pois a cordialidade e a comodidade mutua agroman de maneira natural como o sol sae cada día e a lúa asoma cada noite. Coñezamos un pouco máis a Chupipostres

ÁGUEDA UBEIRA

Para min é unha honra poder servir de nexo conector entre dúas persoas que se queren, a través dos nosos almorzos sorpresa servidos a domicilio”

Despois de seis anos de vida, imos ter unha novidade moi importante na vida de “Chupipostres”, verdade Águeda?

Si, unha novidade importante e que me fai moita ilusión a verdade é que si. Abrimos o 15 de xuño, aínda en estado de alarma, no Centro Comercial A Laxe de Vigo unha food truck

Explícanos que é unha food truck?

É un vehículo preparado para comercializar alimentos. No noso caso é un carro de cabalos reconvertido nun restaurante sobre rodas.

Que bonito¡¡. Tamén se chama chupipostres?

Non se podería chamar doutra maneira, Tino. Ti que me coñeces desde hai anos sabes que o que é importante para min, nunca, vaian por onde vaian os camiños da miña vida , deixa de selo. E “Chupipostres” é moi importante para min, porque detrás dese nome hai moitísimas horas de traballo, esforzo, preocupacións, alegrías, algunha bágoa tamén, e sobre todo unha inmensa marea de ilusión e agradecemento a todas as persoas que nos honran e distinguen coa súa compañía e confianza.

Queremos saber un pouco máis sobre a historia do novo vehículo chupipostres?

Ben, inicialmente comprámolo para eventos. É un deseño 100 por 100 noso, construído en Barcelona

Cando dis “noso”, seguro que en realidade é teu, porque a alma o corazón e a cabeza pensante de Chupipostres, es ti, Águeda

Ha ha ha ha. Moitas grazas Tino, eu son unha máis, pero o deseño é meu, si.

Este ano non imos ter eventos Águeda?

Si claro, por desgraza é así, pero xa sabes a miña forma de entender a realidade Tino: se a vida nos da limóns non queda outra que facer limoada

Que servizos ofrece Chupipostres da Laxe?

É o PRIMEIRO CURRUNCHO VEGANO DE GALICIA. Na Laxe, o que temos é un punto de venda de alimentación vegana

Só Vegana?

Si, exclusivamente vegana

Véxoche moi ilusionada con este proxecto Águeda?

Non te equivocas Tino. Abofé que estou realmente ilusionada, agora ben, enormemente cansada tamén.

Cantas persoas traballades en Chupipostres Águeda?

Agora mesmo cinco

Canto me alegro por ti, Águeda. Acórdome cando empezaches ti, soa, sei canto te esforzaches, a enorme cantidade de enerxía e horas da túa vida persoal que lle dedicaches ao negocio, e que agora alén da túa persoa 4 máis traballen en Chupipostres é unha grande satisfacción, e estou seguro de que para ti un inmenso orgullo?

Non sei se cuantitativamente é máis o orgullo, que o sinto e moito, ou a gran cantidade de traballo que leva chupipostres detrás…ha ha ha ha. En serio, estou moi orgullosa, claro que si.

Fagamos un pouco de historia. Por que naceu chupipostres?

Eu era responsable de recursos humanos nunha empresa

E eras das duras ou das guais?

Das duras

Ha ha ha ha. Xa será menos, ben sigamos facendo historia?

Eu non era feliz, non me gustaba o meu traballo. Colleume a crise do 2.008,e cando naceu a miña segunda filla decidín tomarme un ano de tranquilidade. En casa creei un blog de receitas para mamás con nen@s, que comezou a funcionar estupendamente. Entón decateime de que podía haber un importante campo de mercado para isto, e decidín abrir un negocio de repostería creativa. Inicialmente a idea era vender produto e dar algún curso

Que día abriches?

O 11 de outubro de 2014

O servizo de almorzos a domicilio é un dos máis importantes que tedes. Cando comezou?

En Marzo do ano seguinte. O día do pai vendemos 3 almorzos, o día da nai xa foron 120

Miña nai querida, que pasada¡¡

Flipamos, vímonos completamente desbordados

Como fixestes para repartilos?

A día de hoxe, Tino, aínda non son capaz de explicarme como puidemos repartir esa cantidade de almorzos. Non tiñamos ningún tipo de experiencia en reparto, e entre a miña parella, eu mesma e algún amigo do que botamos man conseguimos levalos todos en tempo e forma.

Despois de semellante baño de realidade non vos quedou máis remedio que especializarvos en almorzos a domicilio..

Ha ha ha. E tanto que si, agora xa temos o reparto profesioNalizado, e si, os almorzos constitúen unha porcentaxe moi importante do noso negocio

En que consisten?

Son agasallos. A persoa que o recibe non sabe que o vai recibir, e a nosa idea é que o produto sexa de calidade, claro que si, pero que o máis importante sexa a emoción do momento, que alguén sinta que é importante para un ser querido seu, e resulta especialmente bonito facer de nexo entre persoas que se queren pero que por calquera circunstancia non poden estar xuntas nese momento

Supoño que esa emoción que describes, nos meses de confinamento debeu de ser especialmente intensa?

Si, rotundamente si. Ata o punto de que a veces resultou emocionalmente moi difícil.

Que ámbito xeográfico cobren os vosos almorzos a domicilio?

Toda a península ibérica

Vaia, supoño que ata Granada non irás ti a levalo?

Ha ha ha ha. Non claro, utilizamos unha empresa de transporte. Recóllenos ás 6 da tarde e entréganos antes das 11.00 da mañá do día seguinte

É realmente posible facer co mesmo cariño un almorzo que facer 500?

Si, é posible, con moito esforzo claro, e con máis persoal. Eu soa non podería. Pero para nós as emocións de cada cliente, son todas igual de importantes. Trasladar afecto ás persoas que queremos é das cousas máis emotivas da existencia, e para nós é unha honra poder servir de vaso comunicante entre dúas persoas que se queren.

Hai varias gamas de almorzos?

Si, temos 9 diferentes, que se moven desde 15€ os máis económicos ata 45€ os de maior custe.

Todo personalizado?

Absolutamente. O cliente pode comentarnos calquera aspecto que lle puidese facer ilusión a quen vaia recibir o almorzo, e nós faremos o imposible para facelo realidade.

Alén dos almorzos, que se cadra é o servizo máis importante que tendes, que máis servizos ofrece chupipostres?

Repostería para eventos ,repostería personalizada en xeral, festas previas ao nacemento dun bebé, aniversarios …En definitiva, nós organizamos todo o que nos pida o cliente

Se hai que celebrar un divorcio tamén?

Tamén, calquera cousa que o cliente nos pida

Os cursos de formación seguides realizándoos?

Si, agora a situación sanitaria impide desenvolvelos, pero confío en retomalos en outubro

A túa parella traballa contigo, tedes un fillo e unha filla. Non debe de resultar fácil a conciliación?

Resulta realmente difícil, por desgraza as mulleres somos as que asumimos a práctica totalidade das cargas familiares e ás veces simplemente non hai tempo para todo. E se habitualmente é moi difícil, agora que non houbo colexio, pois unha auténtica tolemia.

Rematamos, Águeda, Chupipostres é o negocio da túa vida?

Si, pero en evolución, crecendo e mellorando sempre.

Primer comentario

Deixa a túa opinión