A Lei da foto

Artigo de opinión A Nova Peneira
É o momento! construírmos o futuro Galicia en común Podemos
Iago Pereira Conselleiro de Baiona
Iago Pereira BNG Baiona

A Xunta de Galiza e o goberno do Estado español cando se atopan con novas problemáticas que afectan directamente á veciñanza entenden que xestión é ditar o que facer máis sen o como e, as veces, nin o porqué.
Xa que logo, estas administracións lexislativas obrígannos a cumprir Leis, Decretos e reais Decretos que engaden unha sobre-presión aos Concellos que, coma administración máis preta ás persoas, temos que inventar o como sen preguntar o porqué e coa imposibilidade moitas veces de levalos a cabo por carecer das ferramentas axeitadas.

Como consecuencia e debido a este novo escenario derivado da COVID-19 existen unhas novas lexislacións que limitan ás persoas o uso do espazo público pero sen determinar como facelo:
Restrínxese o uso das zonas de praias e nun Concello como o de Baiona, pequeno en extensión, contamos con cinco areais de diversidade morfolóxica, uso e tamaño. O control mecanizado de aforo ascendería a máis de cen mil euros, o control por parcelamento a máis de sesenta mil e non hai capacidade humana de ter vixiantes permanentes e en todos os espazos .

Ditaminan que os parques infantís poden abrirse ao uso pero baixo uns condicionamentos que para poder ser utilizados polas nosas crianzas requiren un mantemento hixiénico e sanitario constante que elevaría o custe a vinte mil euros por parque.
A limitación do uso de toda a actividade comercial e a obriga de cumprir o distanciamento entre persoas traslada, doutra vez máis, o problema ás administracións municipais. O Casco Vello de Baiona é unha zona comercial, con establecementos de pequena superficie e onde as rúas teñen unha anchura de apenas tres metros. É fisicamente imposible cumprir o regulamentado.

Estase a notar un grande incremento de persoas que, fuxindo das zonas urbanas, usan espazos naturais de índole forestal. Un problema engadido para os propietarios e propietarias destas terras, nomeadamente comunidades de montes, que se atopan cunha afluencia masiva de persoas que incumpren a Lei de Montes que limita o uso da superficie forestal en época de risco de incendios.

Pero este tipo de funcionamento político-lexislativo non é un mal derivado dunha pandemia. Forma parte da xestión propia da Xunta de Galiza do goberno do Partido Popular.
O problema da xestión dos animais en estado de abandono cumpre cos mesmos parámetros anteriores. Así, concellos pequenos que non temos capacidade económica para dispoñer de canceira ou gateira municipal e non contamos con profesionais axeitados para manipular os animais, temos a obriga de xestionar os abandonos.

A constante aparición de niños de vespa velutina en zonas urbanas, ou preto de casas, piscinas, pendellos, árbores froiteiras … traslada, de novo, o problema á administración municipal. Como no caso dos animais, non temos capacidade para dispoñer de profesionais que procedan á súa retirada. Dependendo, neste caso, da posibilidade do Grupo de Emerxencias Supramunicipal e da dispoñibilidade de asociacións de apicultores e apicultoras.

Xestionar non so é crear un Decreto, real Decreto ou Lei para “supostamente” abordar e solucionar unha problemática. Xestionar é darlle viabilidade as solucións e trasladala á realidade para poder ser aplicada dun xeito efectivo. É moi doado dirixir un país coa Lei da foto.

Primer comentario

Deixa a túa opinión