A Xunta de Galicia condenada polo TSXG por vulneración dos dereitos fundamentais do parlamentario Antón Sánchez por negar información da fusión das caixas galegas

Antón Sánchez, nunha intervención no Parlamento
Antón Sánchez, nunha intervención no Parlamento

“Agora vemos as consecuencias dun negocio que lle saíu gratis a un banco que reporta millonarios beneficios ano tras ano grazas ás decisións políticas tomadas por Núñez Feijóo e polo Partido Popular”, afirmou Antón Sánchez.

Antón Sánchez esixe que dita documentación sexa pública antes das próximas eleccións do 12 de xullo, para que a cidadanía galega saiba o que aconteceu coa estafa e privatización das caixas galegas antes de votar.
 

DOCUMENTO: SENTENZA DO TSXG
 

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020

Anos despois, nunha sentenza histórica e contundente, o TSXG considera probada a vulneración dos dereitos fundamentais como parlamentario do deputado Antón Sánchez recollidos no artigo 23 da Constitución por obstrución e denegación de información, e condena á Xunta de Galicia a entregar o informe-proposta de Marta Fernández Currás, Conselleira de Facenda por aquel entón, sobre a fusión das caixas galegas, e a acta da comisión dos secretarios xerais celebrada antes do Consello da Xunta que autorizou a fusión.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de comunicar a sentenza sobre a demanda interposta por Antón Sánchez diante da ocultación sistemática de información da fusión e posterior privatización das caixas galegas que padeceu o deputado durante estes anos. Xa como deputado de AGE no ano 2013 solicitou acceso a dita información que lle foi reiteradamente denegada.

“A Xunta de Galicia é condenada por vulnerar o artigo 23 da Constitución, que tanto din defender, por unha práctica habitual do goberno do PP, que é a de ocultar información e obstruír o labor da oposición sistematicamente”, manifestou Antón Sánchez.

“E fano neste caso ademais, coa maior estafa económica aos galegos e galegas, que viron como o 40% dos seus aforros quedaron en mans dun banco estranxeiro e foron vendidos a prezo de amigo. Agora vemos as consecuencias dun negocio que lle saíu gratis a un banco que reporta millonarios beneficios ano tras ano grazas ás decisións políticas tomadas por Núñez Feijóo e polo Partido Popular”, afirmou.

A sentenza proba que a Xunta de Galicia ocultou información transcendental do proceso durante anos. Por este motivo, esiximos que inmediatamente a Xunta de Galicia entregue esta documentación, e que a entrega sexa antes das eleccións para que a cidadanía coñeza realmente o acontecido no que acabou por ser a privatización do aforro galego. O vindeiro xoves convocarase unha rolda de prensa na que Antón Sánchez informará con detalle da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Primer comentario

Deixa a túa opinión