O Movemento Galego Polo Clima presenta o seu decálogo para reducir as emisións de GEI

Movimiento galego polo clima A Nova Peneira

A Covid-19 demostrou que se poden adoptar decisións drásticas a favor do ben común. Non podemos volver á vella normalidade que está na orixe da Covid-19 e da emerxencia climática. O Movemento Galego polo Clima lanza á sociedade e aos partidos que concorren ás eleccións ao Parlamento galego do próximo 12 de xulloun decálogo de propostas para non volver á vella normaliade que está na orixe da Covid-19 e da emerxencia climática. Ante a gravidade da pandemia do Covid-19 a sociedade demostrou a capacidade de adoptar decisións drásticas a favor do ben común e non menos catastrófico para a vida no planeta serian as consecuencias do quecemento global de non regular a economía e mudar hábitos sociais para reducir as emisións de gases efecto invernadoiro

No primeiro punto do “Decálogo polo Clima” titulado “Mudar o sistema para que non mude o clima” alerta da necesidade de combatermos con contundencia e xustiza a emerxencia climática require dunha profunda transformación socioeconómica cun enfoque ecofeminista e que cómpren políticas ambiciosas para  decrecer o consumo de recursos naturais (enerxía primaria e materiais) nun 40% antes de 2030. Galicia debe contribuír a evitar un quecemento global maior de 1,5ºC, que tería consecuencias catastróficas, sobre todo para as persoas e os países empobrecidos. Para cumprir  isyo, desde o Movemento Galego polo Clima inciden na necesidade de reducir as nosas emisións de GEI en, polo menos, un 65% en 2030 con respecto a 1990, de cara a atinxir o obxectivo de emisións netas en 2040, a máis tardar.

Nos seguintes puntos recalcan que é imprescindible descarbonizar o sector eléctrico antes de 2030 e reducir a mobilidade motorizada e impulsar o transporte verde, xa que as emisións de GEI do transporte de persoas e mercadorías en Galicia medraron un un 50% desde 1990, até converterse no maior sector emisor despois da produción eléctrica. Demandan unha redución da mobilidade motorizada e a creación dun servizo ferroviario de proximidade e unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas.  

Reestruturar a industria é unha medida a acometer se dilación polo Goberno galego entrante. Centrándose especialmente en reducir o impacto climático das industrias metalúrxica e siderúrxica, que ademais son electrointensivas e demandan un terzo do nosoconsumo eléctrico. Non esquecen no seu decálogo os prexuizos do modelo turístico implantado en Galicia e alertan que o turismo é un sector sobredimensionado cunha responsabilidade crecente na crise climática. Necesitamos un modelo turístico sustentábel de distancias curtas, máis desestacionalizado e que poña en valor o entorno social, cultural e ambiental máis próximo. 

Apostar pola agroecoloxía e promover unha alimentación con baixa pegada de carbono, dúas propostas que deben acometerse con celeridade. As emisións de GEI no sector agrogandeiro galego supoñen un 12% do total, sendo o que máis xera tras a transformación e o consumo de enerxía. Por iso demandan que a Xunta impulsae a mudanza do modelo intensivo actual a un extensivo de base ecolóxica, favorecendo a produción, distribución e consumo de orixe local. Non debemos esquecer que o impacto climático do noso consumo de alimentos é hoxe moi alto. É preciso promover o consumo de proximidade e a alimentación ecolóxica, reducir a demanda de carne e lácteos e eliminar o desperdicio alimentario. Os fogares tamén teñen moito que decir na reducción do consumo enerxético e a xeración de residuos. Así no penultimo punto do documento aseguran que a Xunta debe impulsar un plan masivo de rehabilitación enerxética e autoconsumo renovábel nos fogares, priorizando aqueles que sufren pobreza enerxética. 

Un decálogo ecoloxista galego non podía rematar sen unha mención a eucaliptización que sofre o noso país e propoñen atinxir a neutralidade climática sen plantacións forestais como os eucaliptais. Precisan que a mitigación real da emerxencia climática esixe aproveitar ao máximo as posibilidades de reducir as emisións de GEI nas súas fontes. Ademais, para acadar a neutralidade  climática só se considerarán as absorcións de CO2 procedentes da conservación e a ampliación da superficie ocupada por hábitats naturais como os bosques autóctonos e as turbeiras.

Decálogo polo clima