Olga Nogueira. Escritora e activista cultural de Ventosela

Olga Nogueira Concello de Redondela A Nova Peneira

Eu non coñecía a existencia de Olga, ata que un día de pura casualidade caeu nas miñas este fermoso poema, “Bagoas de Serea”, da súa autoría. E, claro, decidín que non podía quedar sen coñecer a alguén cunha sensibilidade tan elevada como para producir algo tan bonito. Case un ano despois de telo lido por vez primeira, por fin xurdiu a oportunidade de tomarmos un café e conversar. E a nosa charla desenvolveuse, para min polo menos, nos parámetros que tan ben describira Carmen Martín Gaite, que dicía que “non hai pracer máis elevado que a conversa cando quen fala ten gañas de falar e quen escoita ten gañas de escoitar”. Velaí vai o que deu de si

Non soubemos facelo.

Pero alí as estaban.

E alí as quedaron.

As bágoas.

Na praia.

Mesturadas coa area.

Sen fundirse nela.

Como si o farían se fosen bágoas de sereas de verdade.

Porque a mentira non se funde nin se confunde. Distínguese perfectamente

“PARA ESCRIBIR HAI QUE LER, IGUAL QUE PARA TOCAR É IMPRESCINDIBLE ESCOITAR MÚSICA”

Queremos Coñecerte máis, Olga, cóntanos brevemente a túa propia historia?

Eu son nativa desta mesma parroquia; San Martiño de Ventosela, aquí foi onde escollín vivir e onde reivindico que se debe investir, porque todo o esforzo que se faga polas nosas aldeas é xusto e necesario. Agora mesmo dedícome ao ensino. Son profesora de ensino medio

De que das clase?

De galego, estudei Filoloxía galega en Santiago

Vaia, o mesmo ca min, pero na miña época facíase 3 anos en Vigo e os dous últimos en Compostela

Si, pero a min xa me cadrou da maneira que se podía facer a carreira completa en calquera das dúas universidades. Eu son máis nova ca ti

Ha ha ha ha. Si vale, pero só un pouquiño, tampouco che levo tantos anos. E por que non a fixeches toda en Vigo?

Mira que eu lle quero a Ventosela ¡¡, pero cadroume nunha época na que tiña gañas de marchar e coñecer outras formas de vida, entón convencín á miña nai de que o mellor para min era estudar en Santiago

Caramba, e puideches convencela?. Eu con 18 anos tentei facer o mesmo co meu pai pero non houbo maneira..

Ha ha ha ha, pois eu si que puiden. E abofé que llo teño que agradecer á miña nai porque non moitas mozas da miña idade tiveron a oportunidade de iren fóra

E despois da carreira?

Moitas cousas, fixen o doutoramento en literatura comparada, un máster en teatro, daquela xa estaba tocando en chouteira, é dicir tamén tiven a oportunidade de mergullarme no mundo da música. Despois traballei un par de anos no Consello da Cultura Galega, e marchei para París a facer un lectorado de galego

Seica tiveches unha vida plena de experiencias filolóxicas..

A verdade é que si. En París fixen varias cousas, entre as que quixera salientar unha tesiña sobre a influencia da música no movemento da emigración galega. Intentei reflectir como a música serve como factor de cohesión á emigración

Canto tempo estiveches en París?

Cinco anos, logo volvín para Santiago e alí traballei dous anos e medio para o bipartito. Estaban tentando desenvolver un proxecto sobre a proxección exterior da música galega e pareceulles que eu co meu perfil podería encaixar. Foron dous anos moi intensos, nos que fomos a moitísimas feiras musicais do mundo. Constituín despois con outros compañeiros unha empresa de xestión cultural, ata que quitei as oposicións

Onde das clases?

En Vigo, no Instituto Ricardo Mella

Gústache a docencia?

Encántame

Con que abanos de idade traballas?

Dou ESO e Bacharelato

A min preocúpame moitísimo a situación do noso idioma, e teño medo, creo que fundado, de que a xeración que ven despois da nosa, sexa a última na que se poida escoitar o galego como lingua viva. Ti que percepción tes ao respecto, nos rapaces e rapazas aos que ensinas?

Eu négome a aceptar á desaparición do noso idioma e traballarei toda a miña vida para evitar que esa posibilidade, que si existe, chegue a ser unha realidade. Os rapaces en ningún caso amosan rexeitamento cara ao galego, o seu problema é que carecen de contextos para utilizalo. E nese campo, o da creación de contextos, é no que procuro traballar nas miñas aulas

A receptividade que encontras no alumnado?

Moi boa. Estou segura de que hai esperanza

Alén da túa actividade profesional, ti desenvolves unha intensa actividade como activista cultural. Cóntasnola?

Eu intento apoiar a aqueles colectivos que traballan nunha liñas que me parecen interesantes, como fixen toda a miña vida. Nos últimos anos a Eu intento apoiar a aqueles colectivos que traballan nunha liñas que me parecen interesantes, como fixen toda a miña vida. Nos últimos anos desapareceron distintos festivais: Lúa Meiga, Vento Rock, ArrastroRock, BereteRock, Redondela en Curto e Arde Rande. É moi difícil facer actividades culturais, e enormemente fácil desfacelas. No que a min respecta procuro achegar todo que humildemente poido para contribuír á saúde e ao éxito das que me rodean

Tiveches algo que ver na edición do libro de Sesé Mateo, verdade?

Si, fun a coeditora do seu libro “ No camiño do vento”. Eu fora ao concerto homenaxe que se lle fixera a esta muller, como sabes asasinada en Chapela pola súa ex parella, e cando escoitei ao seu fillo Joshua, ler un dos seus poemas, todos inéditos, souben que cumpría facermos algo

Notaches algún tipo de cambio na política cultural con esta nova administración municipal?

Agora as programacións teñen máis sensibilidade, son máis plurais e trabállase máis con artistas locais.

Como che dixen ao principio da nosa conversa, eu non sabía da túa existencia, Olga, ata que caeu nas miñas mans un poema teu que me pareceu fermoso. Cóntame que é o que escribes?

O único que teño publicado é un libriño sobre a miña parroquia a iniciativa do Servizo de Normalización lingüística do concello, que leva Xurxo Martínez. A intención era facer un libro de cada parroquia de Redondela, pero só se puideron concretar tres. Agardo que exista a oportunidade de completar este traballo, sería realmente bonito.

Un rapaz brillante, Xurxo

Estou absolutamente de acordo

Como artellaches o libro?

Tiña que ser algo divulgativo, e tratei de asentalo sobre os catro elementos ; a terra a auga o vento e o lume. Sobre cada un deles artellei historias e fixen unha mestura entre vivencias persoais e os cambios que sufriu a parroquia a partir da segunda metade do século pasado

Tamén escribes poemas?

Si, e artigos de prensa

Vaia pois agardo poder lerte pronto nas nosas páxinas

Si claro, será un pracer. Teño escrito sobre temas diversos, como por exemplo un equipo de fútbol feminino, sobre Paulina Sánchez, que foi profesora da miña nai

E por que?, que foi o que che chamou a atención desa mestra?

Paulina fora educada por Ernestina Otero, que como sabes bebía nas fontes da” Institución libre de Enseñanza”, e en pleno franquismo, soubo transmitir esa forma de entender a pedagoxía

Caramba, que interesante. Paulina debeu de ser unha muller moi valente¡¡

Abofé que si. De Ernestina hai moito escrito, pero de Paulina non había nada. Ela deulles a varias xeracións de mulleres de Ventosela unha educación bastante máis avanzada da que me deron a min cando era nena. Fíxate, a min nos anos oitenta facíanme rezar, e á xeración da miña nai, nos anos 60 Paulina ,preparáballes obras de teatro e levábaas a Redondela a representar no Círculo Recreativo Cultural

A ti Olga, cando che veu o gusto pola literatura?

Eu creo que na miña casa todos son un pouco poetas..xa comezando polo meu avó e pola miña avoa, ambos cantaban e contaban. E esa parte da oralidade foi mi importante, asemade eu tiven moi bos mestres na universidade que tamén contribuíron a iluminar o meu camiño

Por exemplo?

Antón Reixa

Rematamos Olga, coa pregunta máis difícil; a sensibilidade cara á palabra é innata, ou pode adquirirse?

Eu creo que hai unha parte que che ten que vir de algures para que poidas ter a túa propia linguaxe, agora ben, para escribir hai que ler, igual que para tocar é imprescindible escoitar música

Primer comentario

Deixa a túa opinión