Xubilados/as e pensionistas da CIG de Vigo mobilizaranse diante da Xunta en demanda dun sistema galego de atención ás persoas

CIG Vigo A Nova Peneira

Coa concentración que terá lugar o martes 7 de xullo tamén reclaman unha sanidade 100% pública

O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG de Vigo convoca unha concetración diante da delegación da Xunta na cidade o vindeiro martes 7 de xullo ás 11:00 horas para reclamar un sistema público galego de atención ás persoas e unha sanidade 100% pública.

Integrantes do Colectivo anunciaron hoxe a convocatoria durante a celebración dun acto na rúa Urzaiz, á altura do mercado do Calvario, onde montaron un posto para repartir panfletos informativos coas súas demandas.

Os xubilados/as e pensionistas lembran que levan anos denunciando a “denigrante situación”, tanto laboral como asistencial, dos servizos públicos de atención ás persoas e da sanidade. “Servizos que o Goberno do PP na Xunta vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a costa das persoas máis vulnerábeis”.

Denuncian que residencias da terceira idade, centros de día, centros de atención á diversidade, servizos de axuda no fogar, servizos de saúde de atención primaria hospitalaria, etc, están a ser obxecto de recortes e privatizacións en mans de grandes empresas multinacionais e fondos voitre coas graves consecuencias que coñecemos: centos de maiores mortos ou contaxiados pola COVID-19; listas de espera interminábeis na sanidade: escaseza de persoal médico, outro persoal sanitario e auxiliar nos hospitais e centros de saúde, a maioría con contratos e condicións de traballo precarias. “Pola contra, os beneficios dos negocios de saúde e atención á dependencia de carácter privado van en aumento”.

Neste senso, a central vén de presentar recentemente unha proposta para a creación dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas onde se prime a atención ás persoas maiores en residencias, centros de día e atención domiciliaria sostida con medios e persoal pertencente á Administración pública, con xestión directa por parte da Xunta e cuns custos para os usuarios acorde coas pensións percibidas polas persoas maiores.

Bases sobre as que se debe sustentar o Sistema Público de Atención ás Persoas:

A) Servizos que debe de prestar esta rede única pública:

Desde a CIG propoñemos a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede pública que preste os seguintes servizos:
• Centros asistenciais e residenciais da terceira idade
• Centros de día

• Centros de atención á diversidade
• Servizos de axuda no fogar
• Outros recursos: Casas niño, Casas do/a maior, Xantar na casa, Transporte adaptado…

B) Condicións que debe de ter o sistema:
• Estes servizos estarán dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos

humanos.
• Dignificación das condicións laborais e salariais de todo o persoal coa aplicación do mesmo convenio colectivo.
• Na prestación de servizos ás persoas beneficiarias, priorizarase a atención a través desta rede de recursos públicos, antes que as axudas económicas.
• Eliminaranse todo tipo de repagamentos na atención e coidados, mediante a aprobación dunha carteira de servizos e prezos públicos.
• Incrementaranse e adecuaranse os orzamentos públicos destinados a este fin, así como aqueles dirixidos á promoción da autonomía persoal e o avellentamento activo.
• Transferencia para Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia.