Son de chuvia en Redondela

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Carlos Caballero
Xoán Carlos Caballero – Mestre no CEIP de Salvaterra

Tódolos días, de camiño ao colexio, pola rúa principal da vila, o neno escoitaba a melodía das comecartos. Chegaba á escola e asubiaba sin cesar a pegadiza musiquiña que proviña do salón de xogos. Un día deixouse levar pola curiosidade, e a sabendas de que os menores tiñan prohibida a entrada, conseguiu colarse no local. Foi saltando dunha máquina a outra. Coñecía o son de todas e cando se achegaba a unha, era quen de recoñecer a peza e levar o ritmo de xeito maxistral. De tanto escoitalas, interiorizara a duración de cada unha das notas, dos silencios, do tempo. As luces animaban o local, e recordábanlle as verbenas da Festa da Coca, época de felicidade, que adoitaba coincidir coa finalización do curso escolar. Estivo un anaco agochándose nos recunchos da sala observando como xogaba a xente. De cando en vez, algunha das máquinas toleaba, comezaba a soar cun ritmo frenético e a cuspir moedas sen control, que ao bater contra a chapa do artefacto producía o “son de chuvia” polo que se agarda tras un longo tempo de seca. O ambiente do local atrapouno e trasladouno a outra dimensión, como si fora absorbido por un burato negro onde o tempo e o espacio estiveran deformados. Tivo unha experiencia que non olvidaría na vida, e da que non podería disfrutar como a el lle gustaría debido a súa idade. 

Á saída das actividades extraescolares, chegaba a casa e sentábase a cear coa súa familia diante do televisor, ao que non lle prestaba atención ningunha ata que saía Carlos Sobera e un feixe de famosetes máis regalando cartos cos que poder xogar dende o seu fogar. A nai indignábase vendo a xente de “prestixio”, altamente influínte na poboación, non ter reparo en incitar ao xogo dende os medios de comunicación, traéndolle sen coidado o dano que están a facer mentres as súas contas de aforros e fondos de inversión non deixen de engordar. 

Nas apostas on-line viu o rapaz o xeito de introducirse nun casino para gozar sen límites daquela orquestra sinfónica da que sen darse de conta, xa se convertera nunha figura máis da partitura. Pasaron os anos, e tras rematar a primaria no Santa Mariña, iniciou a ESO no Floriani. 

Era un neno intelixente e cunha habilidade especial no ámbito das novas tecnoloxías, polo que non lle resultou complicado argallar o xeito de apostar sen que lle pedisen o DNI na sala de xogos. Decidíu clonar a tarxeta do banco do seu pai e a xogar con cantidades moi pequenas, que el cría que pasarían desapercibidas ao control parental. Non tardou nada en mergullarse neste inframundo e dominar a súa xerga e a súa terminoloxía: jackpot, frecuencia de hit, son de chuvia, bandida dun só brazo, vídeoslot, multiplicador…

Pasaron uns meses ata que a familia percatouse do que estaba a acontecer pero daquela era tarde porque xa estaba enganchado.

Rematou o bacharelato e agora cada vez que pasa pola Rúa Ernestina Otero e escoita esas evocadoras melodías e envolventes voces, cal barco á deriva, déixase guiar polo parpadeo das luces. Hiperventilando comeza a xogar pero a ansia troca en sensación de benestar en canto escoita a tragaperras dicir: Near-Miss! (Andivo cerca!) As moedas van desaparecendo, a letal máquina, como Hannibal Lecter no Silencio dos cordeiros, establece un descompensado “quid pro quo” co mozo. Eu douche pero ti dásme máis. Media hora máis tarde o noso protagonista queda sen cartos. Achégase a barra do bar, fala co xefe e pídelle que por favor apague o comecartos cinco minutos, que é o tempo que lle leva cruzar a rúa para ir ao caixeiro a retirar efectivo. O xefe, como unha peza máis da engrenaxe deste pérfido xogo, accede, o rapaz ten potencial, pensa. Pasados os cinco minutos entra de novo, axitado, pensando que alguén estaría xogando no seu sitio. Mais non, o patrón é un home de palabra e mantívoa desconectada.

Ao mozo desta historia, os camellos nunca lle regalaron caramelos con droga na porta do colexio para que se enganchara. Esa campaña de mercadotecnia tan agresiva nunca existiu, simplemente é unha lenda urbana máis. Agora, mentres funde o seu capital no comecartos, ofrécenlle de regalo un caramelo en forma de bono de captación de 20€ e salas nas que ter un subidón.

Primer comentario

Deixa a túa opinión