O Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño reuniuse cunha vintena de novos integrantes

Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño A Nova Peneira

Acompañado pola concelleira de Infancia e Mocidade, o grupo abordou temas coma o confinamento, resaltando as dificultades sufridas pola falta de cobertura de internet en moitas parroquias da vila

A próxima xuntanza será no lugar de Grixó (entre as parroquias de Barrantes e Tebra), a mediados de agosto

Tomiño, 11 de xullo de 2020

O Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas, de Tomiño, celebrou onte a primeira reunión despois da pandemia do Coronavirus.

A xuntanza, que tivo lugar ao aire libre, na zona do Lago da Pedra, foi tamén a primeira para os novos integrantes, unha vintena, a razón de catro por colexio de Primaria e outro tanto do IES Antón Alonso Ríos.

Logo dunha rolda de presentación, con xogos e actividades participativas, elixiuse á representante do Consello que actuará coma membro do xurado do Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández, na sección infantil-xuvenil.

Asemade, acompañadas pola concelleira de Infancia e Mocidade, Fátima Rodríguez, e coordinadas por Karina Bouzada, as novas e novos compoñentes, relataron a súa experiencia do confinamento, salientando as dificultades de cobertura de internet e telefónicas que sufriron en moitos casos, e que lles dificultaron sensiblemente a elaboración das tarefas requiridas polos docentes.

Falaron tamén de como será o vindeiro curso, do moito que botaron de menos aos amigos e familiares, e da data da vindeira reunión. Neste sentido, decidiuse que cada xuntanza será nun punto diferente da vila, e concretamente a próxima, será no lugar de Grixó (entre as parroquias de Barrantes e Tebra), a mediados de agosto.

Na orde do día desa reunión estará o da forma de traballo para o resto do ano, xa que en principio, pensaban traballar dende os coles, elaborando propostas de traballo, pero agora este tema depende da evolución das circunstancias orixinadas pola crise sanitaria. A xestión do Instagram e revisión dos estatutos por se fora necesario modificalos, serán outros dous importantes temas a tratar.