A loita de BorgWarner desde dentro: “Non imos a permitir nin un só despido.”

Cristóbal López A Nova Peneira
Cristóbal López Pazo | Comuneiro dos montes de Tameiga, militante de anticapitalistas, ecoloxista en acción e veciño constituínte da asemblea veciñal gañaMós
Xaquín Pastoriza de Anticapitalistas de Galicia
Xaquín Pastoriza de Anticapitalistas de Galicia

A fábrica de Vigo da firma de compoñentes de automóbil BorgWarner está a vivir un conflito debido á decisión da empresa de presentar un ERE para despedir a 103 empregados, o que representaba ao 20% do persoal. A dirección da multinacional estadounidense alegaba as previsións de descenso das vendas de vehículos como causa para este brutal recorte de persoal, exposto xusto cando se estaba negociando o novo convenio. A resposta dos traballadores non se fixo esperar e o comité de empresa, integrado por CGT, CIG, CCOO, UGT e USO, convocou folga indefinida a partir do luns 13 de xullo, denunciando ademais que este ERE tramitábase estando en vigor aínda o ERTE por causa de forza maior e en período vacacional. Ante a presión dos traballadores, a dirección da empresa recuó e anunciou do pasado xoves 9 que retiraba o ERE.

Os sindicatos decidiron desconvocar a folga, pero permanecen á expectativa e non baixan a garda, xa que a ameaza persiste, primeiro ante o uso do ERE como arma estratéxica da empresa para presionar por rebaixar as condicións dos traballadores na negociación do convenio e segundo, ante a crise que está a sacudir a nivel mundial o sector da automoción e que pode carrexar unha onda de ERE’s a curto prazo. Ademais, a dirección da empresa está deslocalizando unha parte da produción cara a Portugal, buscando custos de man de obra máis alcanzables, nunha empresa que leva declarando beneficios durante os 7 últimos anos (12 millóns de euros en 2019), á vez que recibe axudas públicas para investigación que logo non se invisten na planta galega, senón para producir noutros países.

O sector do  automovil é un sector industrial clave na área de Vigo, xa que máis de 30.000 traballadores desta zona dedícanse a esta actividade. Este é só un primeiro aviso do que pode vir xa que ás empresas interésalles máis a súa marxe de beneficios que o sostemento de postos de traballo. De feito, os traballadores doutra empresa de compoñentes de automóbil de Vigo, Floco Ibérica, foron á folga este martes ante a intensificación dos ritmos de traballo que poñía en risco a súa saúde. Este sábado os traballadores de BorgWarner celebrarán unha asemblea para decidir colectivamente como actuar neste escenario no que o único certo é que non van dar nin un paso atrás.

Entre as principais preocupacións dos sindicatos, é que esta medida abra a porta a unha fervenza na industria auxiliar. Representantes do comité advertiron de que este non é un problema exclusivo de BorgWarner senón o primeiro dos expedientes de regulación de emprego (ERE) extintivos que prevén que se producirán en fervenza nas empresas da automoción de Galicia en cuestión de meses.

Asemblea traballadores/as BorgWarner sábado 11 de xullo

Falamos con Manuel Ángel Cabreira e José Antonio Gómez, delegados por CGT no comité de empresa de BorgWarner e a Carlos López, delegado sindical de CGT. Nesta entrevista en video fálannos do conflito na empresa, da situación do sector de automoción e as accións que teñen preparadas para defender o emprego e os dereitos laborais.