A Mesa e outras entidades das linguas do Estado denuncian na ONU os ataques da xustiza española contra as súas linguas propias

Mesa Pola Normalización lingüística A Nova Peneira

A rede europea para a igualdade das linguas, ELEN, traslada ao Consello de Dereitos Humanos da ONU a súa preocupación polos ataques da xustiza española ás linguas minorizadas do Estado

Compostela, 16 de xullo de 2020

A rede europea para a igualdade das linguas, ELEN, trasladou hoxe ao Consello de Dereitos Humanos da ONU, no seu 44º exame periódico universal, a preocupación da Mesa pola Normalización Lingüística e doutras entidades de defensa das linguas do Estado polos ataques da xustiza española ás súas linguas propias, en relación á sentenzas do Tribunal Supremo contra axudas vinculadas ao uso do euskera, contra a comunicación en catalán entre Catalunya, València e Balears e contra a Ordenanza do Uso do Galego aprobada por unanimidade no Concello de Lugo en 2012 e anulada despois parcialmente pola xustiza.

“A sentenza do TSXG ratificada polo TS”, explica Marcos Maceira, presidente da Mesa, “ponlle o carimbo de legalidade e lexitimidade á discriminación de usuarias e usuarios de servizos públicos privatizados por razón de lingua, ao primar o suposto dereito de descoñecemento do galego por parte das empresas emprestadoras de servizos á administración municipal fronte ao dereito a empregalo e ser atendido en igualdade de condicións por parte das e dos cidadáns. Este aspecto contravén ademais o contemplado no parágrafo 3 da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas, ratificada polo Estado Español en 2001, que sinala o compromiso de garantir que as linguas rexionais ou minorizadas se empreguen na prestación dun servizo tanto polas autoridades administrativas como polas persoas que actúen no seu nome”.