Paciencia Paradise

Paciencia Paradise A Nova Peneira
Marcos Santos Artigo opinión a Nova Peneira
Marcos Santos

Malia que eu son de Redondela e é evidente que sinto unha vinculación afectiva moi intensa coa vila que veu nacer a todos os meus devanceiros, creo que calquera observador imparcial pode percibir que o noso concello é un inmenso océano policromático de expresións culturais múltiples que, nin sequera a nefasta xestión cultural do anterior goberno municipal puido frear. Redondela é pintura, música, literatura, lendas , escultura, debate …Redondela é a etimoloxía do concepto filosofía en toda a súa intensidade, Redondela é ( a pesar do PP) amor á sabiduría. Non haberá nin unha soa expresión cultural e ou artística do meu pobo que non pase polas nosas páxinas. Hoxe conversamos con Gonzalo e Marcelo, dous dos compoñentes dun prometedor grupo de Rock, PACIENCIA PARADISE, venezolanos de nacemento e redondeláns de adopción que nos contan a súa visión da vida cultural do noso pobo e as características máis importantes do seu conxunto musical

Por que o nome?

Por que a paciencia é a chave de todo éxito, foi o noso primeiro nome no ano 2.008,e o paradise engadímolo no 2.013 para darmos un plus máis chamativo a algo tan importante nun grupo de música como o noso nome

De onde sodes?

Nativos de Venezuela, e fillos adoptivos de Redondela, que nos acolleu de marabilla. Estamos moi agradecidos á sociedade redondelá polo ben que se portou con nós.

Cantas persoas compondes a banda?

Actualmente somos seis integrantes

Que tipo de música practicades?

Somos un grupo de rock, que fusiona o ska e o reagge

Pero tocades versións, non?

Temos versións, e tamén cancións propias. De feito agora mesmo tocamos máis temas propios ca versións, estaremos arredor do 70/30.Se nós estamos desenvolvendo o noso traballo máis na liña de compoñer os nosos propios temas, en grande medida é porque nos decatamos que en Galicia, nos ambientes culturais , en liñas xerais, valórase máis o propio que a versión

Como valorades o contexto cultural de Redondela?

É moi similar ao que existe na zona de Venezuela da que procedemos nós, a zona do centro, é poli cromático, diverso, amplo, fresco….en definitiva é enormemente atractivo. As grandes potencialidades culturais que ten Redondela é un elemento máis que contribúe a reforzar a nosa opinión referente ao ben que estamos aquí. En Redondela hai unha enorme canteira cultural de xente con moito talento, e o enorme tesouro que supón a súa ampla variedade de actividades culturais debe de permanecer no tempo porque iso é a esencia do pobo

Colaborastes no CD de ARTE LIXO verdade?

Si, para nós foi unha honra colaborar xunto con outros 40 grupos con ese marabilloso colectivo. De Arte Lixo gustounos todo, ata a recuperación do sitio no que se desenvolveu pareceunos especialmente atractiva. Nós chegamos a Redondela no ano 2.018, e o primeiro que vimos cando saímos a pasear foi o ARTE LIXO polo que , como comprenderás, é algo moi importante, tamén desde un punto de vista simbólico, para nós

Vós xa sodes uns choqueiros máis, non só pasastes por Arte Lixo, senón tamén por outras manifestacións culturais, do noso pobo como Milho Verde ou Sinha Paca…?

Si a verdade é que si. Tivemos tamén actuacións noutros sitios como na sala Salason de Cangas ou en Vigo, pero Redondela é especial para nós.

O futuro inmediato?

Gravar un disco, estamos traballando moi forte e confiamos en poder telo en decembro

Cantos temas?

Terá 9 temas e a nosa idea é facer unha presentación pública en Vigo e realizarmos unha ampla política de difusión a través das redes sociais

Supoño que xa estaredes nas redes?

Si, claro, estamos en facebook, instagram e you toube, alí xa nos poden coñecer en profundidade

Primer comentario

Deixa a túa opinión