Vigo Ciclabel, á praia en bici

á praia en bici A Nova Peneira
Cristóbal López A Nova Peneira
Cristóbal López, coordinador de Ecoloxistas en Acción Vigo

A agrupación Vigo Ciclabel da que Ecoloxistas en Acción Vigo é integrante xunto coas asociacións A Golpe de Pedal, ConBici, Verdegaia, ADEGA, Greenpeace, Mulleres Bicivisibeis, Vigo Histórico e Xuventude polo Clima lanzamos unha campaña para fomentar durante o verán o uso da bicicleta como medio de transporte nos desprazamentos ás praias de Vigo. Para que esta ciclo-mobilidade sexa unha realidade propoñemos ao Concello de Vigo que implemente  corredores ciclistas na avenida de Europa, na avenida de Samil e na avenida de Beiramar, dedicando un carril de ida e outro de volta á mobilidade exclusivamente en bicicleta e ciclocarrís mixtos na rúa Tomás Alonso, rúa Camilo Veiga, avenida da Atlántida, avenida da Florida, rúa de Tomás Paredes, rúa do Río e rúa de Canido, mediante a redución da velocidade máxima a 30km/h en todos os traxectos e a colocación de lombos na calzada como medida de pacificación do tráfico rodado a motor.

A bicicleta non pode enfrontarse en guerra aberta co coche, non poderá recuperar os espazos públicos sen antes pacificarse o tráfico. Para acadar dita pacificación é necesario reducir a densidade de tráfico de automóvil e restrinxir a velocidade máxima de circulación a 30km/h. Por iso, unha das medidas que propoñemos desde Vigo Ciclabel é a eliminación de zonas de aparcadoiro nos areais de Vigo para disuadir do uso de vehículos a motor. Medida que debe ir acompañada da instalación de aparcadoiros para bicis en todos os accesos ás praias do litoral vigués. Non menos importante é o estabrecemento da intermoladidade entre o autobús urbano e a bicicleta, ampliando deste xeito a distancia a cubrir polo ciclista e garantindo a posibilidade dunha mobilidade alternativa no caso de empeorar as condicións para o uso da bicicleta.

Máis aló da proposta de habilitación de itinerarios ciclistas seguros que permitan achegarse en bicicleta á franxa litoral, pretendemos concienciar dos beneficios tanto ecolóxicos como para á saúde deste medio de transporte sen fumes. 

Menos coches na estrada significa menos emisións de gases efecto invernadoiro que provocan o cambio climático. O transporte por estrada é un dos principais causante da crise climática.

Menos coches na cidade implica menos envelenamentos pola contaminación que mana dos tubos de escape. Na provincia de Pontevedra morren unha media de 85 persoas só de envelenamento por NO2 e son multiples as afeccións ao sistema respiratorio causantes de enfermidades crónicas que en moitos casos derivan en falecemento. 

Menos coches circulando equivale a menos accidentes, menos colisións, menos alcances a vehículos sen motor e menos atropelos a viandantes. A cidadanía ten a percepción acertada de que a mortalidade por colisións entre vehículos leva anos en descenso, pero non é así cos accidentes por atropelo. As estadísticas falan de preto de 10.000 alcances ano en España cunha cifra de mortos próxima ás 400 persoas. Galicia é a segunda comunidade con maior índice de atropelos e Vigo ten a dubidosa honra de encabezar a listaxe das cidades galegas. 

Fomentar o uso da bicicleta revirte na saúde do ciclista e dos seus concidadáns. Menos atascos, menos fumes e menos ruído. As experiencias de creación de Zonas Baixas en Emisións noutras cidades como Londres ou Madrid non da lugar a dúbidas, en ambas capitais acadaron unha drástica reducción de emisións de CO2 e NO2. En Vigo non necesitamos ir tan lonxe para atopar exemplos a imitar de implantación de ZBE, temos a Pontevedra moi preto. 

Sabemos do esforzo que está facendo o Concello de Vigo para implementar carrís bici de uso exclusivo para ciclos e ciclocarrís de uso compartido na cidade. Poderiamos tildar de serodio este esforzo, pero mellor concentrarnos en que o esforzo sexa continuado no tempo e alcance o éxito cumplindo o obxetivo de seducir ás viguesas e vigueses para que confinen os coches e fagan Vigo a pedaladas. 

Aplaudimos este esforzo e a renglón seguido sinalamos as deficiencias para que os carrís bici recén inagurados non queden en meros paseos para ciclistas de domingo. Ademais das medidas xa citadas como a reducción da velocidade maxima a 30km/h e a admisión da bici no transporte colectivo, solicitamos ao goberno local que non se quede a medias cando nos xogamos o futuro da nosa cidade. Sen demora debemos acometer a instalación de aparcadoiros de bicicletas en todas as áreas de afluencia da cidade, implantar un servizo municipal de aluguer de ciclos enfocado a fomentar o seu uso entre a poboación flotante e retomar a humanización de rúas e prazas. Gustarianos presumir da peonalización deseñada para contorna do Sireo, pero así non. O tunel de Elduayen lonxe de pacificar o tráfico, fai efecto chamada ao mellorar a fluidez da circulación, en vez de disuadir do uso do coche polo centro histórico da cidade.

Repensemos a nosa cidade tendo en conta o futuro das xeracións vindeiras. Fagamos Vigo a golpe de pedal indo ao traballo ou a praia en bici.