Redondela inaugura a Filmoteca Galega

Filmoteca Galega Concello de Redondela A Nova Peneira

O cinema en lingua galega ocupa xa un lugar propio nas viodetecas galegas. Logo dos éxitos acadados polos últimos filmes (O que arde, Longa noite ou Trinta lumes), o Servizo de Normalización Lingüística impulsou esta iniciativa. A proposta trátase de crear un fondo propio baixo o lema “Filmoteca Galega” que incluirá curtas e longametraxes, documentais ou cinema infantil. O propósito, como anunciou a responsable de Normalización Lingüística e alcaldesa Digna Rivas, “é continuar aumentando este fondo do cine galego feito en galego, Queremos que Redondela sexa un lugar de referencia para o audivisual feito na nosa lingua”. 

Co ocasión tamén se anunciou a adquisición de novas películas, que se poderán recoller tanto na biblioteca Xela Arias de Chapela como na Valle-Inclán de Redondela, como son “O que arde” ou “Dhogs”, dous dos últimos éxitos do cinema feito en Galicia e en galego. Pola súa parte, o técnico de normalización lingüística, Xurxo Martínez, explicou que a idea de crear a Filmoteca Galega partiu das xornadas dedicadas ao Novo CInema Galego, organizadas no pasado outono. O éxito de asistencia, a participación do público nos coloquios e a vontade de darlle continuidade “serviron para que recolleramos o recado e impulsaramos esta iniciativa”.

Por último, Digna Rivas subliñou que este acto estaba previsto celebrarse no mes de maio, co gallo do Día das Letras Galegas, e que se fixo agora para incorporalo ás actividades que o concello preparou para a celebración do Día de Galicia.

Primer comentario

Deixa a túa opinión