Redondela celebra o Día Nacional de Galicia

Concello de Redondela Día 25 de xullo A Nova Peneira

Este sábado 25 de xullo o Concello de Redondela organizou o seu tradicional acto institucional para celebrar o Día Nacional de Galicia. A alcaldesa, Digna Rivas, recibiu na Casa do Concello a Guadi Galego, e foi convidada a escribir unhas palabras no libro de honra do Concello de Redondela. Dignas Rivas apunta que “Guadi ten demostrado sempre un gran amor pola cultura galega e unha implicación na loita feminista. Dende o noso concello queremos recoñecela e trasladarlle a nosa forza para que acade máis éxitos de cara ao futuro porque tamén serán éxitos para Galicia”. 

A continuación, o acto trasladouse á Alameda. Coa participación de cativos e cativas, que forman parte do campamento de conciliación do concello, léronse textos relacionados coa bandeira de Galicia e o centenario da Xeración Nós. O acto, conducido polo técnico de normalización lingüística, Xurxo Martínez, rematou co izado da bandeira galega tras as palabras de Daniel Boullosa (concelleiro de cultura) e de Digna Rivas (Alcaldesa).

Dende este día loce a bandeira de Galicia na Alameda que leva o nome de Castelao, convertendo este espazo público nun verdadeiro “fogar de Breogán”, ao que se lle xuntará o parque infantil dedicado a Xohana Torres. Finalmente, a xornada rematou cun concerto de Guadi Galego no campo da feira onde presentou o seu último traballo, “Inmersión”.