As algas non son limo

Reducir recollida algas impide erosión praias

Ecoloxistas en Acción aplaude a iniciativa do Concello de Redondela para coidar da biodiversidade na praia de Cesantes. Reducir ao mínimo a recollida das algas acumuladas nos areais fai que neles aflore de novo a vida e impide a erosión das praias. Agardamos que máis concellos da nosa ría emulen este exemplo

Retirar as algas das praias supón eliminar un piar básico para o mantemento do ecosistema litoral. As algas non son lixo. Unha vez chegan á costa, a propia “maquinaria” biolóxica encárgase de procesalas, de maneira que se van degradando, liberando os seus nutrintes á vez  que son consumidas por invertebrados, como a pulga de mar (Talitrus saltator), quen, á súa vez, forman parte da dieta de aves limícolas como virapedras (Arenaria interpres), píllaras (Charadrius sp.), pilros (Calidris sp.) ou biluricos (Actitis hypoleucos). Este proceso de “autolimpeza” periódico é fundamental para o mantemento da biodiversidade, pois unha praia  sen algas é unha praia morta.

A achega de nutrintes, proveniente deste proceso natural, non só é devolto ao mar, ademais, coas mareas vivas, moitas algas acumúlanse nos límites dunares ou ben son transportadas polo vento, unha vez secas, cara ao seu interior, achegando os elementos esenciais para a  supervivencia da vexetación das dunas, ecosistemas moi fráxiles, en preocupante perigo de desaparición, e que precisan ser conservados e restaurados.

Os métodos de limpeza con maquinaria pesada retirando todo o material acumulado na beiramar, son agresivos tamén co medio físico, pois non só supoñen unha merma directa de area, senón que ademais inciden na perda desta por erosión. O cambio de sistema de limpeza, pasando dos métodos mecánicos aos manuais (orientados a recoller residuos tales como os plásticos ou latas, respectando as algas) é o aconsellable para o mantemento da biodiversidade e a conservación da propia praia.

Por último, agradecemos o traballo de sensibilización cara ao medio ambiente que se está a realizar nas praias de Redondela e felicitamos a implicación da cidadanía en preservar o  patrimonio natural do seu municipio permitindo que a súa natureza se recupere.

Reducir a recollida algas impide erosión praias