Fugas na democracia

Artigo de opinión A Nova Peneira
Retrato Montse Fajardo A Nova Peneira
Montse Fajardo

Tras a saída de España do rei emérito, a maquinaria púxose en funcionamento para dirixir o foco cara onde quere que miremos. Pretenden convencernos de que o problema reside na conduta persoal de Juan Carlos I e non na existencia dunha institución, a monarquía, que non pode ter cabida nun réxime plenamente democrático porque elude o principio básico que o sustenta: todas as persoas somos iguais ante a lei. Nin pode ser o berce o que marque a xefatura de Estado nin pode haber cargo algún que fique por riba da propia democracia. E iso é precisamente o que –nunha indefendíbel contradición- ampara a constitución de 1978: Que o xefe de Estado, faga o que faga, non se someta a control ningún, nin ao das urnas nin ao xudicial. 

É indubidábel a urxencia de mudarmos iso e, porén, queren centrar o debate no comportamento persoal de Juan Carlos I, nun intento de convencernos de que coa marcha del ficaría impoluta a Coroa. Tócanos agora sacralizar a Felipe VI, que como lle pasara ao seu pai con Urdangarín, nin sabe nada nin nada ten que ver con ningún comportamento escuro. Non aprendemos que a xefatura de Estado non pode equipararse á compra dunha sandía –a ver se temos sorte e sáenos boa-, senón que hai que esixir, por hixiene democrática, que estea sometida a controis que garantan que o seu comportamento se adecúa as leis. 

Que Juan Carlos I abandonara España non é unha boa nova. Non supón unha mellora do sistema. A mellora sería que se puidesen investigar e xulgar as súas actividades ata as últimas consecuencias, tamén como forma para defender esa presunción de inocencia que esixen alporizados algúns cortesáns. Porén, a fiscalía persegue a quen fai esta esixencia mentres o emérito vive, nunca mellor dito, a corpo de rei, con cartos de dubidosa procedencia e con escolta pagada por nós co beneplácito dun goberno que se define como progresista. 

Para saír deste medievo é urxente esixir que a Coroa deixe de ser unha illa dentro da democracia. Un reino de Taifas onde as consecuencias son as mesmas se o fas ben que se o fas mal. E só é un paso. A partir de aí temos que traballar para mudar o modelo de Estado porque a monarquía é unha institución arcaica, clasista e profundamente machista, tan antidemocrática que mesmo dentro do escollido berce, un home ten preferencia sobre unha muller para ocupar o cargo. Por iso resulta difícil entender que formacións como o PSOE, que se gaban do seu feminismo e do seu ADN republicano, a defendan con tantos folgos. 

Esquecemos, nese empeño de agochar a nosa historia máis recente, que a dinastía borbónica é a sucesora do franquismo. Que o rei emérito foi elixido polo ditador para continuar co seu legado porque no seu pensamento fascista unha filla só podía herdar o espoliado, e a través do matrimonio. Por iso educou a Juan Carlos desde ben novo: para que xurase o cargo, como fixo, recoñecendo a lexitimidade nacida do 18 de xullo de 1936. E deixouno todo atado e ben atado. E chegou a Transición. E convencéronos de que eran necesarias todas as concesións para non derivar nun novo golpe de Estado. Pero os tempos son chegados. Van alá corenta e cinco anos e é hora de empezar a asumir que un Estado con Coroa poderá chamarse constitucionalista ou parlamentario, pero nunca será, por definición, verdadeiramente democrático.