Vítimas da represión

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Cando chega o mes de agosto, todos estes últimos anos, é o tempo para lembrar con agradecemento a aquela xente que loitou soñando un mundo mellor, máis xusto e libre. Datas que nos devolven á aquelas outras nas que a represión sementou gabias co sangue de persoas que defendían ideais de dignidade. Mais este ano de cautelas, moitas das celebracións non convocaron máis que á lembranza persoal ou moi simplificada daqueles outros actos que sempre eran participados e que se viñan celebrando concitados pola veciñanza ou por un grupo de parentes ou herdeiros da mesma causa. Non houbo a celebración, en Abellá -Frades, de Manuel Ponte Pedreira, Manuel Rodríguez “O Asturiano” e Manuel Díaz Pan. Nin dos da zona de Lourenzá e Mondoñedo, terras do Gardarríos. Nin en Aranga, anque os da Lexía terán un acto simbólico nada máis. 

Agora a mediados de mes, tocáballe nas Terras da Ulloa. Eran -noutros anos- actos sinxelos, quizais un gaiteiro para poñer un aire solemne. Alguén tomaba a palabra para falar e que non se perdera a esencia vital da poeira de pólvora queimada e os ecos -quizais entre as silveiras- dos derradeiros saloucos que miraban horizontes novos. Lembrábase tamén a aqueles que viñeron, en exércitos, co paso firme das vinganzas, impoñendo bágoas e silencio, medo e ameazas. Deixaron tras de si, tras da súa gris ollada a sombra e o lume do odio pretendendo arrincar dos nosos rostros a luz branca da esperanza, a idea dun mundo máis xusto e libre. 

Tratábase, se as circunstancias non o impedisen, de volver alí e lembrar, limpar ao redor da pedra, posta no 2008 por petitorio popular, significando o lugar onde mataron esas ansias de liberdade. Unhas flores e silencio, pensar nos impunes xenocidas que dispararon labaradas de rancor. 

O día 14 de agosto en Saa, nos arredores de Palas e Melide, lembramos a Camilo Díaz Baliño e Sixto Aguirre Guerín, asasinados. Este acto víñase facendo, desde os principios do dous mil, sobre todo polo empeño de Avelino Pousa Antelo, quen iniciou as indagacións e procurou datos da localización. Ademais del outras persoas salientables asistiron anualmente para esta memoria que tentamos reconstruír e prognosticar. Un ano veu Darío Rivas, artífice da acusación arxentina contra o franquismo e os seus crimes, fillo do alcalde de Castro de Rei, asasinado en Cortapezas polos falanxistas e que nos lembrou o seu parecer ao respecto das leis que nos obrigan, facéndonos sabedores de que tiñan aínda a marca constrinxida do ditador. Outro ano veu Isaac Díaz Pardo, fillo de Camilo Díaz Baliño e alí, diante de todos nós, cun fío de voz, recoñeceu que a morte que levara ao seu pai fora un erro, pois por quen viñan era por el. Emocionado confesaba con nós.

Anque o máis importante de todo é que non se perda a razón e a memoria, que non se perda e que nos mova a evocar aqueles feitos e non deixar que volvan. Lembrar tamén significa traer ao presente, e non moi lonxe, pois en Vilouriz, lembramos a Marcial Villamor Varela que o mataran en Guintín cando o levaban a Compostela. En Vilamor lembramos ao Curuxás, Ramón Rodríguez Varela, mineiro e anarcosindicalista da CNT. Lembranzas tamén para Primo Castro Vila, quen fora alcalde de Agolada. En Piñeiro lembramos a Delfino Liñeira Fraga que fora directivo do sindicato de tranviarios da CNT, executado no 37. En Curbíán, a Benedito Fuentes Díaz, mariñeiro e tenente do Exército Guerrilleiro que morre no 46 nun enfrontamento en Vilauxa. Todas as persoas que morreron farían unha lista interminable, de moitas delas aínda non se sabe sequera onde están. Deberamos traer ao presente o pasado, sobre todo para garantir futuro. 

Galiza debe, a esa xente que morreu pola liberdade, a lembranza agradecida que, por certo, hoxe dificultan gobernos “democráticos”, esquecedores das páxinas máis tristes da nosa recente historia, inhibíndose e procurando disimular os feitos baixo a lánguida lousa da omisión e do desprezo. Non o conseguirán! Lembraremos tamén aos que deixaron tanta dor detrás das atrocidades, hoxe licuadas en prantos. E a cantos fan festexo desta orfandade, sabendo tamén dos aproveitados que coa memoria pretenden facer campaña.