Avaliación

Artigo de opinión A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

Unha carta dunha vintena de científicos da saúde solicita do Goberno español que un panel de expertos nacionais e internacionais avalíen como é posible que un dos mellores sistemas sanitarios do mundo, a xuízo dos asinantes, ao mesmo tempo sexa, polo menos nestes primeiros meses de pandemia, un dos peores tocante a contaxios e falecidos, especialmente entre o persoal sanitario. O fin da avaliación, din, é “mellorar o sistema de saúde”, non “repartir culpas” entre os responsables. Un sistema mellor é “un sistema de saúde resiliente”, é dicir, máis resistente a próximas ondas do virus e iso implica baseado en “evidencias científicas”.

Se non leo mal esa carta entendo que estaría a pedir, entón, que o sistema de saúde español estea baseado en “evidencias científicas”. O cal paréceme canto menos estraño, cando non unha esixencia simplemente extemporánea se temos en conta que os sistemas de saúde foron construídos non en base a “evidencia científica” senón a esixencias históricas e políticas. Mesmo podemos dicir que por medo aos pobres. Vexamos.

“Medicina” é, di o dicionario da lingua galega, unha ciencia que trata de “curar e previr” as enfermidades do corpo humano. Agora ben, na época da industrialización, a maior parte da poboación urbana traballadora vivía en condicións insalubres. Desde finais do século XVIII, recordemos os comités de saúde pública da Revolución Francesa, foi evidente que o labor dos médicos pasaba pola mellora das condicións de vida dos traballadores da que dependía toda a produción económica e a salubridade das cidades. Daquela o termo “medicina” adquire o carácter de quefacer social ao tempo que mantén o de técnica de curación das enfermidades do corpo humano. Desenvolvese a partir de aí a chamada “medicina social”, isto é, aquela que procura o benestar dos individuos tanto como o da sociedade. De xeito que pouco a pouco o dereito á saúde foi asumido por todos os estados.

Pero, pola mesma, o seu carácter social converte a práctica médica nunha actividade política. Non deixa de ser unha práctica científica, pero xa non digamos guiada exclusivamente por evidencias científicas, senón por discutibles ideas políticas. Non é igual, entón, avaliar a “asesoría técnica e científica” do sistema sanitario español que a súa “capacidade operativa”. O primeiro pode e debe ser avaliada por criterios de esixencia científica, pero o segundo semella depender da propia estrutura do sistema sanitario organizado en comunidades autónomas e daquela suscita a cuestión de se un sistema de saúde unificado, ou “coordenado” como se está a dicir no debate político, é máis operativo que o das comunidades autónomas por poder caer na descoordinación. De modo que, cunha aparencia científica o que se estaría a avaliar máis que o sistema sanitario sería máis ben o sistema político español. De ser así a opción que resultase baseada nunha maior “evidencia científica” pasaría a ser a opción verdadeira ou indiscutible. O ideal de todo programa político.