María Dolores Pereira futbolista de Redondela

María Dolores Pereira futbolista de Redondela

Mariló é unha muller, aínda nova, que leva toda a súa vida xogando ao fútbol, tanto sala, como fútbol 11. Namorada do fútbol sala, foi unha precursora, case podiamos dicir que en toda Galicia, das mulleres deportistas que polo seu talento puideron chegar á elite, e se foi así, é grazas exclusivamente ao seu talento, pois ela laiase de que no seu tempo o apoio recibido foi inexistente

Redondela nunca me valorou como deportista”

De onde es ti natural?

De Redondela

A túa práctica deportiva comezou no fútbol?

Comecei co futbito como tantas xeracións de redondeláns e redondelás na pista da Xunqueira

Desde moi nova verdade?

Eu creo que desde sempre. Recordo a miña infancia e pasaba horas e horas xogando alí

Se eu e ti temos xogado , e metíasnos, aos nenos, cada viaxe..

Ha ha ha ha ha, ben, sempre me gustou moito xogar

E o teu primeiro equipo?

Ás veces, Casa Paco chamábame para xogar con eles, pero eu sempre xogaba con nenos. En Redondela o apoio ao fútbol feminino sempre brillou pola súa ausencia

Pero un equipo houbera?

Si, e eu cheguei a xogar nel pero eu xa levaba anos como federada en Moaña e en Vigo

Eu sei que o teu pai tivo un papel fundamental en que ti sexas futbolista

Absolutamente. Date de conta que eu tiven que ir fóra a xogar e era el o que me animaba o que me levaba e o que me traía, porque en Redondela como che dixen, apoio 0.

Véxoche certa frustración con Redondela?

Redondela nunca me valorou como deportista. Nunca deixei de ser “ a nena que xogaba ao fútbol”. Porén fóra do meu pobo si que me sentín moi valorada

Sentes que en ti se dá aquel “ ninguén é profeta no seu pobo”?

Absolutamente

Ti chegaches a xogar na máxima división?

Non, fixen a pretemporada co Ourense, pero ara o meu pai o que me tiña que levar e traer sempre, as fiaxes facíanse longuísimas, de feito estivemos a piques de ter un accidente serio co coche, e non me parecía viable, xa que logo tomei a decisión denon xogar

Naquel momento foi cando volviches para Redondela?

Si

E no Redondela Fútbol sala canto estiveches?

Un ano, logo fichei polo Olivo de Vigo ata que decidín parar para ter aos meus fillos

Logo volviches?

Si, só me tomei un pequeno descanso

Neses equipos cobrabas?

Non é só que non cobrara, é que me tiña que pagar os gastos e as miñas equipaxes. O único que puñan era a camiseta. No único equipo que cobrei algo foi no Combarro, o actual Poio. E no Fisgóns de Moaña cobraba unha pequena prima por partido gañado.

Tamén xogaches no fútbol 11?

Si, xoguei no Bértola de Pontevedra, que chegamos a xogar en 2º nacional

Que prefires o fútbol 11 ou o fútbol sala?

O fútbol sala claramente

Eu creo que ti naciches un pouco pronto, no que se refire á valoración do fútbol feminino

Eu penso que tamén, de feito coido que se agora tivera 20 anos estaría xogando fóra como Vero Boquete, que eu cheguei a xogar con ela. Agora as cousas melloraron moito, procúrase facilitar a vida das deportistas e que podan compatibilizar o deporte co traballo. Na miña época non había maneira

Pero sendo como es, unha das pioneiras estou seguro de que estás moi orgullosa de que o teu esforzo influíra na mellora das condicións das mozas que hoxe practican deporte?

Si claro, estou realmente orgullosa e volveríao facer sen dubidalo. A afección polo fútbol sala feminino é cada vez máis importante, por exemplo no mundial de Portugal o pavillón estaba ateigado, e a min faime moi feliz, claro que si. O feito de que saiamos nos medios de comunicación é un orgullo, na miña época eramos completamente ignoradas

Na actualidade xogas algo?

Si, na actualidade estou xogando en Moaña. equipo realmente fíxose por min, e eu estou moi agradecida. Estamos a xogar en provincial

E ata cando?

Ata que o corpo aguante. A min encántame xogar e suponme unha válvula de escape excelente para o estres do día a día

Tamén adestras verdade?

Si, fíxeno dous anos cun equipo de nenas de Redondela, e este ano pensaba facelo en Moaña, pero de momento a situación sanitaria non nos permitiu comezar

E como adestradora como es?

Son moi esixente