O recinto escolar do CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián, será ampliado en máis de 1500 metros cadrados

Tomiño consolida a implementación da compostaxe para mellorar a xestión do lixo no municipio

César Pérez Ares reuniuse coa alcaldesa e co concelleiro de Urbanismo, para coñecer as melloras que se levarán a cabo no centro antes do comezo do curso

Tomiño, 19 de agosto de 2020

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada polo concelleiro de Urbanismo, Uxío Benítez, presentou ao xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, as obras correspondentes ao peche do CEIP Pintor Antonio Fernández (Goián), que se comezarán nos vindeiros días e estarán rematadas antes do inicio do curso.

A intervención consistirá no peche do perímetro do colexio e suporá unha ampliación do recinto escolar de 1500 m2, cunha superficie verde que respectará o arboredo existente e as súas especies autóctonas, creando zonas de luz e sombra, descanso e xogo, etc.

Estas obras significan o inicio da conexión do colexio coa zona da área deportiva e a Escola de Música, prevista no Proxecto Máis Goián, que se comezará en breve e que vai supoñer a comunicación definitiva do centro da parroquia coa nova zona da carballeira, espazos de lecer e instalacións deportivas.

Ademais, na xuntanza celebrada onte no Concello de Tomiño, ao xefe territorial de Educación expúsoselle a instalación dunha pérgola na entrada do colexio, de xeito que o centro quede totalmente integrado na contorna da praza, expresando Pérez Ares o seu apoio ás obras.

Asemade, durante a reunión a alcaldesa repasou as obras de mellora e mantemento levadas a cabo polo Concello (por valor de 60.000 euros) durante o verán e o confinamento en diferentes centros educativos do municipio, comprometéndose Pérez Ares a regresar a Tomiño nos próximos días para coñecer in situalgunhas desas intervencións, tales coma as realizadas nas aulas do CRA (Colexio Rural Agrupado) de Barro, Vilachán e Figueiró, e na escola infantil do Seixo; instalación de proxectores nas aulas de Educación Infantil de Sobrada; renovación dos parques infantís dos colexios de Tebra e Sobrada, etc.

Por último, a alcaldesa comentou ao mandatario as dificultades existentes para financiar a limpeza que esixe o novo protocolo da Xunta, coincidindo ambos os dous na necesidade de colaborar lealmente de maneira institucional para que o inicio do curso sexa o máis seguro posible.