Belén Cachafeiro voceira do PP de Forcarei

Belén é a xefa da oposición no concello de Forcarei. Militante do PP desde hai máis de 20 anos, foi alcaldesa do seu pobo desde o 2.012, despois da desgraza do falecemento do alcalde David Raposeira, ata as municipais de maio do pasado ano, nas que por tan só 37 votos perdeu a maioría absoluta, facendo que por primeira vez na historia da democracia o PSOE goberne este concello.

A XESTIÓN DESTE EQUIPO DE GOBERNO É CAÓTICA”

A ti, apelidándote Cachafeiro, como te apelidas, case non che vou preguntar de onde es

Ha ha ha ha. Efectivamente, o meu apelido é moi común no noso pobo

Cal é a túa actividade profesional?

Eu teño un negocio, unha asesoría, da que me desvinculei cando entrei en política. E na actualidade, estou completamente centrada na política local

Cando iniciaches a túa actividade política?

En 1.999. Levo 21 anos de militancia no PPdeG

Tamén fuches deputada provincial?

Si, no mandato anterior 2.015-2.019

Cando comezaches a túa actividade política estaba David de alcalde, non?

Si, aínda estaba el de alcalde.

Que significou á súa figura para o concello de Forcarei?

Estou convencida de que, David, é un alcalde que vai pasar á historia do noso pobo. El quen foi quen fixo a obra máis importante do concello, o polígono industrial de Vilapouca. Eu sei que deixou a vida para poder concretar ese proxecto. E grazas ao seu esforzo e lucidez moitos veciños, non só de Forcarei, poden ter un posto de traballo na nosa comarca

Cando, por desgraza, David faleceu, asumiches ti a alcaldía, non?

Si, no ano 2.012

E como foron eses primeiros anos como alcaldesa?

Moi duros, foi algo totalmente inesperado. E, David, alén de ser un excelente alcalde era unha persoa marabillosa, un amigo leal ao que eu quería moito. E acceder á alcaldía pola morte dunha persoa que queres foi emocionalmente moi difícil para min. 

No 2.015 gañaches as eleccións

Si, eu e todos os meus compañeiros do PP fomos distinguidos coa confianza da maioría absoluta, naquel proceso electoral

Nos catro anos que tivestes a maioría absoluta, cales foron as túas principais liñas de traballo?

Unha moi sinxela: procurar o ben común do conxunto da veciñanza de Forcarei. Aínda que non o tivemos nada fácil pois tocounos unha época economicamente moi complicada na que tivemos que emprender un plan de axuste realmente duro .De feito baixeime eu mesma o meu propio soldo

O resultado dese plan de axuste?

Moi satisfactorio. De feito en dous anos eliminamos unha moi importante débeda de 800.000€ e melloramos substancialmente os períodos de pago a provedores alén de deixar importantes cantidades en caixa. De feito, grazas ás nosas políticas, agora mesmo hai un remanente de 1.700.000€

Que relación tivestes como alcaldesa coa DEP?

Cando estaba Louzán, tivemos unha relación boa. Unha vez que chega o partido socialista á presidencia da DEP o trato con Forcarei foi inxusto e sectario. Agora que no noso pobo temos unha alcaldesa do PSOE semella que queren portarse mellor con Forcarei

Chegamos ao 2.019 e faltáronche 37 votos

Pois si, perdemos a maioría absoluta por tan só 37 votos

A que o achacas?

Eu sabía que fixeramos un bo traballo, e confiaba en revalidar a maioría. Creo que o problema foi que se produciron lamentables prácticas de carretaxe de votos a persoas maiores

Eu fun advertida desa situación na xornada electoral, incluso pola garda civil, pero tomei a decisión de non interpoñer ningunha demanda

Vaia, pois esa práctica de carretaxe de persoas maiores aos colexios electorais tradicionalmente sodes acusados de exercela vós

Pois eu podo dicir que sendo alcaldesa do PP do Concello de Forcarei, sufrina nas miñas propias carnes. E dígoche con rotundidade que nin con David como alcalde, nin comigo como alcaldesa, xamais utilizamos ese modus operandi

Este novo goberno xa leva algo máis dun ano, cal é a túa valoración?

A xestión política deste novo goberno é nula. Alén de facer publicidade nas redes sociais, publicidade enganosa por certo, non fan nada por Forcarei. Ata tal punto que nun ano e pico non foron capaces de presentar uns orzamentos, e están con nosos prorrogados. Por outra parte os períodos de pago a provedores empeoraron considerablemente. En definitiva, a xestión deste equipo de goberno é caótica. Non son capaces de asumir responsabilidades e só fan botarlle a culpa de todo á Xunta.

Esta pregunta teríame encantado facerlla á alcaldesa pero increiblemente negouse a falar con nós

Non te estrañe

Pois si, estráñame e decepcióname porque é algo non habitual, pero ben, vai a pregunta. Se un lector ou lectora quixera coñecer o teu pobo cales son os seus atractivos principais?

Forcarei é un lugar máxico, eu non o cambio por ningún outro sitio no mundo, e aproveito a oportunidade para convidar a todas e todos os lectores da Peneira a que nos coñezan. O noso pobo é moi hospitalario e recibe a todo o mundo con grandes doses de cariño. A nosa gastronomía é inigualable. Que dicir por exemplo dos cocidos de Cachafeiro¡¡.A natureza foi especialmente xenerosa con nós, os ríos Lérez e Umia nacen en Forcarei. Ás súas beiras poderedes gozar de rutas de sendeirismo que non deixan indiferente a ninguén. A intensidade cromática das nosas fragas fan que o viaxeiro se sinta transportado a outra época na que o estrés da vida cotiá non parece ter importancia. O mosteiro de Aciveiro é unha xoia benedictina que paga a pena coñecer, logo temos as neveiras que restaurou o noso goberno en colaboración coa Xunta. O circuíto de karting de Soutelo é tamén digno de ver…

Rematamos Belén, o teu futuro político?

No 2.023 voume presentar ás eleccións municipais sen ningún tipo de dúbida. Estou implicadísima co meu pobo e vou traballar con toda a intensidade e con toda humildade o tempo que queda de mandato para tentar recuperar a confianza maioritaria da veciñanza de Forcarei.

Primer comentario

Deixa a túa opinión