Salceda supera os 5.000.000 no seu orzamento anual

Salceda supera os 5.000.000 no seu orzamento anual

Salceda de Caselas, 1 de setembro de 2020

O Concello de Salceda de Caselas ven de aprobar inicialmente o seu orzamento para o ano 2020. As contas, por un total de 5.000.340€ supoñen un incremento de cerca de 200.000€ respecto do orzamento anterior, o que lle permite ao Concello ir achegándoo á súa necesidade real de gasto.

O capitulo de persoal, un dos máis grandes e que máis aumenta, recolle como novidade a consignación económica necesaria para os postos de Tesourería (que pasa a ser de habilitación nacional) e Oficial de Policía. Estes postos resultan fundamentais para unha mellor optimización do traballo municipal, o que sen dúbida se verá reflexado nos servizos prestados á cidadanía. 

O capítulo de inversións recolle 313.835€ que se reparten en distintas partidas, como pavimentación de viais, mellora de edificios ou adquisición de bens.

A pesar da situación de inactividade que están a ter en xeral as asociacións por mor da COVID, tal e como xa anunciara o equipo de goberno, mantéñense os 92.000€ en subvencións nominativas para o tecido asociativo de Salceda, aos que hai que sumarlle máis de 30.000 € destinados a apoio de eventos culturais e deportivos e deportistas individuais, canalizados a través da partida de protocolo e propaganda.

Lucía Pereira, Concelleira de Facenda, agradeceu o traballo dos departamentos de intervención e tesourería nun ano complexo coma este, destacando que “en pouco máis dun ano de goberno fomos quen de aprobar dous orzamentos, cumprindo deste xeito co acordo establecido no pacto de goberno. Tamén a Conta Xeral está a piques de rematar o período de exposición pública, o que nos permitirá aprobala dentro dos prazos establecidos”.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Unha vila como Salceda, tan dinámica e en constante crecemento, require uns orzamentos actualizados que poidan dar resposta ás necesidades da nosa veciñanza. Prantexamos un orzamento real que para min como Alcaldesa supón unha enorme satisfacción polo grandísimo traballo de equipo que hai detrás”.