Roberto Jorge Correa, concelleiro do BNG no Concello de Forcarei

Roberto Jorge Correa, concelleiro do BNG no Concello de Forcarei

Roberto é concelleiro do Bloque en Forcarei. Aínda que é el o único representante dos nacionalistas na corporación municipal , a aritmética da corporación deulle unha posición de privilexio xa que o empate a cinco entre os asentos que ostenta o PSOE e os que posúe o PP, convérteo en decisivo. De feito o seu voto fixo alcaldesa a Verónica do PSOE, malia que os nacionalistas non aceptaron entrar no goberno municipal. Hoxe, máis dun ano despois daquela decisión, este enxeñeiro que represente á militancia local do bloque segue considerándoa acertada

HOXE TOMARÍA A MESMA DECISIÓN QUE TOMOU O BNG DE NON PARTICIPAR NESTE GOBERNO DO NOSO POBO”

De onde es ti natural, Roberto?

Son de San Miguel de Pesqueiras, parroquia de Forcarei, onde vivo actualmente.

Hai un Pesqueiras en Salvaterra de Miño. Sabes de onde vén o nome da túa parroquia?

Probablemente teña a mesma orixe que o Pesqueiras de Arbo, só que aquí serían das pesqueiras da troitas, malia que non queden restos ningúns desas pesqueiras no río Castro, enfronte do Lérez. Sabémolo polas citas nos documentos da zona.

Cal é a túa formación, a que te dedicas profesionalmente?

Son enxeñeiro forestal e xerente do Consorcio provincial de bombeiros. Xa levo 22 anos neste mundo

Caramba, nestes 22 anos terás vivido situacións de todo tipo

Pois si. Se cadra os incendios do 2006, do 2017 foron as vagas máis arrepiantes .De todos os xeitos vaise vendo o cambio pois cando eu comecei no 98 había máis de 10.000 incendios forestais ano e hoxe en día estamos nos 3.000. Falamos de que a cultura da xente vai mudando, o máis importante é conseguir que a xente colla conciencia, de non a coller, dá igual o que fagan as administracións Conseguimos que vaia calando a nosa mensaxe de que o monte ten un valor, e de aínda que non teña valor ten que estar verde..

A existencia de ENCE, ten algunha relación cos lumes forestais?

Indirectamente si, porque impiden que exista un bosque ordenado. Fai falta unha ordenación do bosque, incluída a explotación forestal do eucalipto, e que haxa espazos libres de eucaliptos, e que non se invadan as terras agrarias, e que respectemos as carballeiras, os soutos e as fragas autóctonas, e que non permitamos multiplicar o eucalipto despois dos incendios. Nestes lumes do 2017 vese moi ben como as zonas onde había eucalipto expandíronse enormemente. Niso non se está a traballar e esa expansión si que é a fonte de futuros incendios.

A túa militancia política cando comezou?

No 2014, sempre no bng. No ano 15 acadamos un representante e no 19 tamén.

No actual mandato décheslle o teu apoio ao PSOE pero non entraches a formar parte do goberno, por que?

O PP gobernou historicamente en Forcarei. O ano pasado conseguimos superalo por pouquiños votos. Démoslle o apoio a Verónica Pichel porque cremos que en política tamén fai falta unha rexeneración. Estou convencido de que se debería limitar o mandato a oito anos, para nós é suficiente para por en marcha un proxecto, e se en oito anos non es quen de polo en marcha non vas ser quen de facelo nunca.

Dende o 1975 sempre gobernou o Partido Popular?

Anteriormente gobernou Coalición Galega antes de ser absorbida por AP e por PP.

Coalición Galega a de Xosé Luis Barreiro?

Xosé Luis Barreiro é de Forcarei, estaba en Coalición Galega cando lle fixo a moción de censura a Albor. Temos moitos veciños ilustres en Forcarei, abofé que si.

En favor da alternancia décheslle o apoio, pero, por que non entraches no goberno?

As condición non eran as axeitadas, non vimos un programa común que nos ilusionara. Decidimos que nesas condición era mellor non entrar no goberno, discrepamos nalgunhas ideas importantes do programa, aínda que foi un escenario que se valorou. Certamente o ofrecemento era ridículo e sen interese de que entraramos no goberno. As áreas de traballo eran insignificantes, sen o contido do que nós críamos que hai que facer en Forcarei: nós cremos que hai que investir recursos en fixar poboación aquí, en darlle posibilidades á xente para se quedar a vivir aquí. Non vimos esa intención.

Coa perspectiva destes 15 meses que van co novo goberno, pensas que o apoio ao novo goberno sen entrar nel, foi unha decisión acertada?

Malia non entrar no goberno, hai que dicir que dende maio do 19 houbo cousas que mudaron e que melloraron co respecto ao goberno do PP. O cambio non foi o suficientemente grande, seguimos cos orzamentos prorrogados do PP.A día hoxe tomaría a mesma decisión. Estou convencido de que tiñamos razón e de que hai que cambiar as cousas de calado. Se os veciños lle deron o respaldo ao PSOE terán que facer as súas políticas e nós temos que incidir para mellorar os proxectos, con diálogo e propostas. 

Pero ti tes unha posición de forza ao ter o voto do desempate: 5 PSOE, 5 PP, 1 BNG.

Sabemos que calquera decisión importante pasa polo bng, e a nós gústanos dialogar e falar con todo o mundo. Co PP é máis difícil chegar a acordos pola distancia ideolóxica. Aínda que temos as nosas leas nos debates políticos, as relacións persoais son respectuosas, en sendo difícil, o certo é que na política hai rivais, non inimigos. Estamos para arranxar os problemas dos veciños e veciñas.

No momento actual cales son os problemas principais que ten Forcarei ao teu xuízo?

Para min, sen dúbida, o principal problema é a perda de poboación. O colexio de Soutelo ten uns corenta menos, o de Forcarei uns noventa. Cando eu ía á escola eramos corenta nun autobús. Aínda por riba da perda de poboación, temos o avellentamento. O 45% da xente do concello ten máis de sesenta e cinco anos, cantidade de casas cunha soa persoa. En definitiva, a pouca viabilidade que ten un concello nesta situación. Forcarei ten moitas posibilidades e temos que conseguir que a xente quede.

E a vivenda?

Non só en Forcarei, senón que en todo o rural galego temos o problema endémico da vivenda. Aquí temos pisos da SAREV que son asequibles. No bng xa nos reunimos coa SAREV para pór a disposición esas vivendas e temos o seu compromiso de pola en coñecemento.

Cóntame cales son os principais atractivos, tanto para vivir como para vir pasar uns días de lecer.

Forcarei é un lugar moi descoñecido cunha situación formidable. Está moi cerca de Ourense, de Compostela, de Pontevedra, de Vigo, de Porriño. De feito, a ubicación é algo que valoran moito as empresas que se instalan aquí, no polígono de Cachafeiro e en Vilapouca. Ademais, podes ter unha vivenda por moito menos prezo ca nesas cidades, onde se cadra, tes o posto de traballo a menos tempo que desprazarse dentro da propia cidade.

Para vir visitar ten un enorme encanto a súa natureza espectacular, cos roteiros da Rede Natura: o Candán, as Brañas de Xestoso.

Por suposto, temos piscina, pista de pádel, ximnasios, e de todo o necesario para vivir ben e pasar unha fin de semana. O que hai é que cambiar ese chip de vivir nas cidades que vén da época do franquismo onde nos inculcaron que o rural era o atraso. Eu non cambio Pesqueiras, nin Forcarei, por ningún sitio do mundo.

Para irmos rematando, ti representas ao bng, partido cun incremento de votos importante nestas últimas eleccións. Como é a saúde da asemblea local do bng de Forcarei?

Estou encantado co meu equipo de traballo, mesmo as outras forzas políticas recoñeceron que o bng levaba o mellor equipo, con xente moi representativa de diferentes sectores. A nosa saúde é moi boa con perspectivas claras de crecemento.

Primer comentario

Deixa a túa opinión