Ernesto Filgueira e Anxo Santomé Concelleiro e responsable local do BNG de Cerdedo-Cotobade

Ernesto Filgueira e Anxo Santomé Concelleiro e responsable local do BNG de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade é un concello que xorde da fusión dos antigos concellos de Cerdedo e Cotobade. Nós falamos con Anxo responsable local do BNG e con Ernesto, concelleiro desta mesma formación política para coñecer a súa valoración sobre o resultado da fusión e sobre a realidade do seu concello

“ A FUSIÓN FOI FEITA CON CALZADOR , SEN NINGÚN TIPO DE ESTUDO NIN ECONÓMICO NIN DEMOGRÁFICO QUE A AVALASE”

O voso é un concello peculiar pois resulta da fusión de dous concellos. Describídeme a situación sociolóxica de Cerdedo-Cotobade?

Somos un concello esencialmente rural, no que, como tantos outros que comparten características co noso, se opera sobre o circunstancial, arranxo de camiños , puntos de luz….., e non se fai nada sobre o estrutural; a creación das condicións para que quen o desexe poida desenvolver un proxecto vital no noso pobo. Creo que debemos ter o récord mundial de estradas interiores

Dou fe. Miña nai querida¡¡ as voltas que dei hoxe e a de camiños e corredoiras que tendes

Créocho ben. Creo que temos 215kmts cadrados. Cando facemos as campañas electorais xa nos decatamos da nosa inmensidade. E nós aspiramos a telos en condicións , claro que si, pero de pouco vale iso se a xente moza ten que marchar porque carece de servizos e de alternativas laborais

E como se debería facer iso?

Aproveitando as inmensas potencialidades que ten a nosa contorna, vendernos máis e mellor e investindo na creación de servizos que non nos deixen á marxe do futuro. O traballo cultural debería de realizarse desde unha perspectiva integral e de base, para que a sociedade se agrupe e participe no desenrolo cultural do concello. A apoio á cultura da festa está moi ben pero non debe ser esa a única política cultural. A instalación da fibra óptica debera ser por igual para todas as zonas , non só para as parroquias con maior poboación. O turismo precisa dun plan conxunto non de medidas soltas que xorden en funcións de circunstancias concretas. É dicir, ao noso concello fáltalle un estudo integral para o seu desenrolo

En Pontevedra, Cerdedo-Cotobade é o único concello fusionado. Como valorades o resultado da fusión?

Nós temos unha dispersión demográfica enorme, unha poboación moi envellecida, carecemos dun núcleo que nos unifique , temos moi poucos servizos e de moi difícil acceso. Esa situación física propicia que a conexión entre Cotobade e Cerdedo practicamente non exista. A fusión foi feita a calzador sen ningún tipo de estudio económico nin demográfico que a avalase. A escusa da fusión era pasar dos 5.000 habitantes. Cando se produciu pasabamos dos 6.000, agora andamos polos 5.600 e baixando a un ritmo moi elevado, polo que me temo que pronto ese “argumento” esvaecerase como se esvaece un terrón de azucre no café.

Semella que a fusión non conseguiu parar a sangría de poboación ?

Non, por desgraza é un problema gravísimo. É máis, imos ter en moi poucos anos outro atranco a maiores

Que é?

Nós recibimos algo máis dun millón de € como axuda á fusión , e practicamente estamos vivindo deses cartos, pero iso remata en 2.022 e logo imos quedar cun pouquiño máis do orzamento que só tiña Cotobade para os dous territorios. Agora estamos como dopados, pero iso rematará pronto

A pulsión colectiva que percibides na sociedade sobre a fusión es favorable ou desfavorable?

No sentir colectivo a fusión non é real. A xente de Cotobade séntese de Cotobade, e as persoas de Cerdedo séntense de Cerdedo.

O Nepotismo, o cancro que leva padecendo Galicia desde a noite dos tempos percíbese en Cerdedo-Cotobade?

Si

Algunha persoa doutro concello dicíame que hai moita xente que simpatiza pero que ten medo a comprometerse co BNG. Esa situación vívese no voso Concello?

En Cotobade non, pero en Cerdedo si.

Como está a saúde do nacionalismo en Cerdedo-Cotobade?

Somos a organización máis sólida do tecido político deste concello. Temos un grupo comprometido, capaz e formado. O que notamos é que a propia veciñanza diríxese a nós para trasladarnos os problemas que sofren.

Como valorades a xestión política do goberno municipal?

Como che dixen antes están dopados pola axuda para a fusión que pronto rematará, pero a xestión é nefasta.

E a relación política co PSOE?

Boa

Que posición tendes en relación coa suposta mina?

Vamos ver polo que sabemos aquí afectaría á parte de Cerdedo, pero pouco che podemos dicir porque o que hai son moitísimas preguntas e moi poucas respostas. De momento a información brilla pola súa ausencia

Primer comentario

Deixa a túa opinión