Pedro Rodríguez Souto presidente da S.C.D Ponte Caldelas

Pedro Rodríguez Souto presidente da S.C.D Ponte Caldelas

O proxecto futbolístico de Ponte Caldelas é e enormemente sólido solvente. Pensado a longo prazo pois baséase nunha escola de fútbol que trata de formar aos nenos tanto na práctica deportiva como na súa construción como seres humanos , intenta ao mesmo tempo crear unha vinculación afectiva intensa entre o xogador e o club. Nós falamos con Pedro, o seu presidente

POLA DIMENSIÓN DE PONTE CALDELAS NÓS DEBEMOS DE ASPIRAR A CHEGAR E CONSOLIDARNOS EN PREFERENTE”

De onde es ti Pedro?

Eu son natural de Ponte Caldelas

A que te dedicas ti?

Eu teño unha reloxería, levo xa 26 anos nese mundo

Como comezou a túa vinculación co mundo do fútbol?

Eu estou vinculado ao fútbol desde sempre. Xa desde neno xoguei en diversos equipos. Estiven no Lérez, logo por cuestións familiares tiven que marchar a Brasil uns anos e tamén xoguei alí. Cando volvín xoguei na Lama. En fin a relación miña co fútbol é desde sempre

E como chegaches a presidir o equipo do teu pobo?

Pois non sei exactamente por que, a directiva que levaba antes o equipo decidiu abandonar e non había ninguén que tomara o relevo. E varias persoas que estaban comigo nun equipo de veteranos comentáronme a posibilidade de collermos o equipo e que asumira eu a presidencia. A verdade foi un tanto de rebote e un pouco de sorpresa.

De que ano estamos falando?

Non me lembro con exactitude pero arredor de hai dez anos.

E non estás canso?

Si, un pouco si. De feito a miña idea é botar algún aniño máis e deixalo

Cantas persoas sodes na directiva?

Actualmente somos 10 persoas

A relación entre a S.C.D e o pobo é moi importante, verdade Pedro?

Si. No noso pobo hai moitísima afección ao fútbol. O primeiro equipo ten un seguimento enorme, e todos os equipos que nos visitan quedan abraiados da grande cantidade de público que asiste aos partidos

Cantas persoas poden ir ao campo nun partido normal?

Entre 500 e 600

Impresionante¡¡

A verdade é que si

Como é posible Pedro, que o voso rival principal, A lama, un pobo moito máis pequeno ca Ponte Caldelas, teña o equipo en primeira e vós esteades en segunda?

Esa é a pregunta do millón. Eu non sei o que pasaba antes de que nós chegásemos, porén podo dicirche que cando collemos o equipo todo era un desastre. Non había nin xogadores suficientes. Cando comezamos, a nosa intención era armar un proxecto sólido desde a base .Nós tendo unha escola de fútbol tiñamos o equipo en 3º e aínda por riba viámonos na necesidade de buscar xogadores.

Algo fallaba claro

Evidentemente. As cadeas de transmisión entre a escola e o equipo de maiores non funcionaban. O problema arranxábase collendo aos nenos desde pequenos e tratando de que se implicaran emocionalmente co equipo. E iso, non se fai nun ano. É un problema que costou moito tempo solucionar

Está solucionado ese problema?

Creo que si. A pasada temporada tiñamos un equipo no que o 90% dos xogadores eran de aquí e no 100% dos casos hai unha conexión afectiva total entre o xogador e o club.

Cantos equipos tendes?

Depende do ano. Agora mesmo temos todas as categorías cubertas e incluso nalgunhas categorías temos dous equipos.

E fichas cantas tedes?

Máis de 200

Tamén temos un equipo feminino?

Si, desde hai catro ou cinco anos. Nun principio démoslle o nome pero tiñan que xestionarse elas, pois cando comezou nós non dabamos feito. As persoas que o formaron fóronse desvinculando e o equipo feminino estaba un pouco deixado. Este ano decidimos collelo nós con todas as consecuencias e imos xestionalo exactamente igual que calquera dos outros equipos que temos.

Como facedes a captación dos nenos?

Nun principio foi polos colexios, dando charlas. Agora xa funciona o boca a boca

Eu coñezo a moitos presidentes de equipos modestos e a maioría din que hai que dedicarlle tanto tempo ao cargo que case inevitablemente ocasiona ter problemas familiares. No teu caso é así?

No meu caso podo dicir que coincido en que hai que hai que dedicarlle moitísimo tempo e iso desgasta moito, abofé que si. O tempo necesario é moitísimo a recompensa é inexistente

Que tal se porta o concello de Ponte Caldelas con vós?

A relación é moi boa, tanto con Andrés como co anterior alcalde do PP. Nós temos unha axuda moi importante da administración municipal. O ano pasado tivemos un problema derivado do atraso no cobro da solución pero afortunadamente acabouse solucionando. Eu entendo as razóns do Concello, e como che dixen a relación con Andrés é moi boa

Como valoras a temporada pasada?

Pois foi unha mágoa o parón, pois cando a situación sanitaria fixo que de suspendera a liga, nós estabamos de quintos pero nun magnífico momento de forma. Estabamos en progresión ascendente, tiñamos un calendario moi alcanzable e teño a convicción de que nunha situación de normalidade tiñamos moitos boletos para rematar a liga entre os dous primeiros, en posto de ascenso directo.

Este ano mantemos o equipo técnico?

Si. E a base do equipo de xogadores tamén

Fixemos algunha fichaxe?

De momento só unha. Un rapaz que ven do Lerez

O obxectivo deportivo é claramente o ascenso?

Hai que ser prudentes, pero no fondo creo que todos pensamos que si.

Cal é o derbi que vivides con máis paixón?

Contra a Lama sen ningunha dúbida.

Pola cantidade de habitantes e a socioloxía de Ponte Caldelas cal é o lugar natural do equipo?

Eu creo que a preferente. Nunca estivemos na nosa historia, pero coa nosa afección, e coa axuda que temos do noso Concello e coa potencia que ten Ponte Caldelas estou seguro de que a preferente é a categoría na que máis tarde ou máis cedoo nos debemos consolidar

Unha última pregunta Pedro. O fútbol modesto sen público é viable?

Non, non é viable.

Primer comentario

Deixa a túa opinión